TURGALICIA PRESÉNTALLE AO SECTOR TURÍSTICO O PROGRAMA DE PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DA MARCA Q PARA 2012

A sede de Turgalicia acolleu hoxe a reunión técnica con representantes das asociacións AGATUR, FEGATUR, Pazos de Galicia, Rutas dos Viños de Galicia, AGAVI, AVIPO, AEDAVE Galicia, CEHOSGA, ASNAUGA e Asociación Galicia Destino Golf

 

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentou hoxe aos representantes do sector empresarial turístico o programa de apoio á implantación e difusión da marca Q, de Calidade turística, para o ano 2012.

Na xuntaza estiveron presentes responsables das asociacións de empresarios de Turismo Rural: Asociación Galega de Turismo Rural (AGATUR), Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) e Pazos de Galicia; axencias de viaxes: Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Asociación Galega de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO) e a Asociación Empresarial de Axencias de Viaxes de España en Galicia (AEDAVE); a Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (CEHOSGA); a Asociación Náutica de Galicia (ASNAUGA); a Asociación Galicia Destino Golf; e representantes das Rutas dos Viños de Galicia.

No encontro detalláronse as accións que se levarán a cabo desde a Xunta de Galicia para implementar a implantación da marca Q en Galicia, así como a súa promoción e difusión.

Consultoría e apoio económico

As accións que levará a cabo a Administración galega para fomentar a difusión da marca Q de Calidade turística en Galicia céntranse na oferta dun servizo de consultoría no ámbito colectivo para as empresas das asociacións que estimen oportuno adherirse ao sistema de calidade no Turismo.

Por outra parte, a Xunta de Galicia incentivará economicamente aos empresarios que implanten este este sistema no ámbito individual soportando os custos directos das auditorías externas de certificación ou renovación da marca Q, así como a cota de mantemento do distintivo de calidade.

Convenios co sector

Neste sentido, Turgalicia anunciou a renovación para 2012 dos convenios de colaboración coas asociacións de aloxamento en Turismo Rural, axencias de viaxes, hoteis e apartamentos turísticos, servizos de restauración, instalacións náutico deportivas e campos de golf.

Ademais, como novidade, para o este ano 2012 está prevista a sinatura de dous novos convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia e o sector industrial –no ámbito das adegas visitables- e do lecer nocturno.

Polo que respecta aos convenios entre a Administración galega e as asociacións do sector turístico, as achegas totais distribuiranse nun 70 por cento, por parte da Xunta de Galicia, e nun 30 por cento por parte das asociacións.

Achegas da Secretaría Xeral para o Turismo

Por outra parte, a Secretaría Xeral para o Turismo establecerá unha liña de subvencións a establecementos de turismo rural, hoteis e vivendas turísticas, acampamentos, axencias de viaxes, cafeterías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios para a certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, ao obxecto da obtención ou mantemento da marca Q de Calidade turística outorgada polo Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE).

Deste xeito, serán subvencionables os custos de auditoría externa de certificación e os derivados dos dereitos de uso da marca Q.

Ademais, ao obxecto de potenciar a difusión da marca Q en Galicia, todas as ordes de subvención de axudas económicas que dite a Secretaría Xeral para o Turismo en 2012 contemplan vantaxes para os establecementos e servizos adheridos a este distintivo de calidade.

Nesta xuntanza, fíxose tamén un repaso histórico á implantación deste sistema de calidade en Galicia, explicando que no ano 2003 só había 13 establecementos e servizos turísticos certificados co Q en Galicia, mentres que a finais do ano 2011 foron 234 os que puideron lucir este distintivo de calidade turística.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *