Turgalicia aposta pola promoción turística de Santiago e a súa comarca entre os principais operadores nacionais

Durante esta fin de semana, representantes de 24 operadores e axencias de viaxe de toda España poderán coñecer oferta turística compostelá.

Esta viaxe de familiarización parte da colaboración entre Turgalicia e a Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca.



A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, colaborará coa promoción turística de Santiago de Compostela e a súa contorna a través da organización dunha viaxe de familiarización na que participarán representantes de 24 operadores e axencias de viaxe de toda España.

Esta acción de difusión da oferta turística da cidade de Santiago e a súa comarca, froito da colaboración entre Turgalicia e a Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, desenvolveuse esta fin de semana en Santiago.

Deste xeito, Turgalicia colabora coa organización da viaxe, os traslados dos participantes, a manutención e as visitas aos distintos puntos de interese turístico, mentres que os membros da devandita asociación ofreceronlle aos visitantes aloxamento e almorzo.

Reunión de traballo

A estadía dos axentes de viaxe nas Terras de Compostela comezou o día 4 de maio, cunha cea de benvida nun restaurante santiagués.

Onte os representantes dos 24 operadores turísticos e axencias de viaxe participaron nunha xuntanza de traballo (workshop) con representantes da asociación de hostaleiros de Santiago e Turgalicia, onde puideron coñecer de primeira man as posibilidades turísticas da capital galega.

Os operadores participaron tamén nunha visita guiada pola cidade de Santiago e a xornada concluíu cunha cea de traballo na que contaron coa presenza da secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo. Hoxe, os representantes dos operadores turísticos nacionais e axencias de viaxe visitarán a Cidade da Cultura de Galicia, e logo trasladaranse ao pazo de Oca para coñecera as súas instalacións, ademais doutros enclaves da comarca compostelá.

Os operadores e axencias de viaxe participantes neste acción de promoción son: Viatges San Julia, Viajes Andrómeda, Halcon Viajes, Viajes Aliguer, Viatges Masanés, Eroski Viajes, China Internacional Travel, Valesa Cultural Services, Giratu Mayorista de Turismo, Viajes Olympia, studioviaje/Set Viajes, Trapsatur, Viajes Kuoni, Frontia, Caja Murcia Viajes, Versys Travel, Garrido Marfil, Viajes Nacho Alonso, Viajes Triana, Marfil Viajes, Viajes Gaviota, ViajesAalimara, Barcelo Viajes e Viajes Ecuador

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *