A partir do vindeiro 1 de xaneiro, o ‘Contact center’ do Turismo galego funcionará doce horas ininterrompidas, entre as 8,00 e as 20,00 horas. Turgalicia foi a primeira institución turística española en desenvolver un ‘Contact Center Social Media’.
A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, ampliará o horario de atención ao público do seu servizo de información e promoción turística, Contact center. A partir do 1 de xaneiro de 2012, este servizo atenderá todo tipo de consultas turísticas, entre as 8,00 e as 20,00 horas, todos os días da semana, de luns a venres.
Co fin de facilitar a información sobre os recursos turísticos da nosa Comunidade esta ampliación do horario posibilitará unha mellor comunicación co público interesado en coñecer turisticamente o territorio galego. Ademais da información telefónica xeral tamén se promoverá o asesoramento e a xestión de reservas e a atención aos usuarios da internet no ámbito das redes sociais, blogs e outros medios de comunicación.
O servizo de información está integrado por seis axentes que diariamente atenden gran variedade de consultas. Coñecer a oferta dos balnearios de Galicia, realizar unha reserva nunha casa de turismo rural, precisar o horario de funcionamento dun museo, a data de celebración dunha festa gastronómica ou o número de teléfono dun aeroporto son só algúns exemplos da información que se subministra a cotío.
Servizo integral
As consultas poden realizarse por teléfono, correo electrónico, fax ou tamén utilizando as redes sociais nas contas de Turgalicia en Facebook, Twitter ou no propio blog da sociedade de promoción turística. As solicitudes poden ser atendidas en inglés, francés, alemán, italiano e catalán, ademais de galego e español, a través do teléfono 902 200 432 ou no correo electrónico cir.turgalicia@xunta.es.
Na actualidade esta actividade víñase desenvolvendo en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas, pero a partir do ano próximo o horario verase incrementado en catro horas diarias, na procura dunha maior utilidade e co afán de facilitar a todos os usuarios o acceso a información turística de Galicia.
Cómpre salientar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma que desenvolveu un ‘Contact Center Social Media’ turístico a través de Turgalicia, situándonos na vangarda de utilización das redes sociais como forma de promoción.