Máis de 30.000 persoas pasaron polo recinto de promoción de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient (Francia)

Ao longo de dez días, Turgalicia instalou un espazo de 200 metros cadrados no que actuaron grupos galegos de música folk e se promocionou a gastronomía de Galicia e outros recursos turísticos da Comunidade autónoma

 

Arredor de 16.000 persoas solicitaron información turística de Galicia e o servizo de restauración con produtos galegos recadou preto de 50.000 euros

 

Máis de 30.000 persoas pasaron polo stand institucional instalado pola Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, na 42 edición do Festival intercéltico de Lorient (Francia) que se celebrou nesta cidade da Bretaña francesa ao longo de dez días da primeira quincena do mes de agosto. Destas máis de 30.000 persoas, arredor de 16.000 solicitaron información turística concreta sobre a Comunidade Autónoma galega, mentres que o servizo de restauración con produtos galegos instalado por Turgalicia recadou preto de 50.000 euros.

 

Neste evento, a Xunta de Galicia instalou un pavillón de 200 metros cadrados de superficie no que se promocionaron os recursos e os produtos turísticos e culturais máis salientables da Comunidade galega, potenciando Galicia como un destino turístico diferente, con personalidade propia, entre milleiros de persoas que cada ano visitan este evento, especialmente procedentes dos países celtas de Francia, Gran Bretaña e España.

 

Este ano, o espazo galego contou con diferentes áreas dedicadas á promoción da oferta turística xeral de Galicia, o Camiño de Santiago e a enogastronomnía.

 

Escenario musical
Por outra parte, o pavillón galego serviu de escenario musical para a promoción da música folk galega a través de este evento. Así, entre os días 8 e 12 de agosto, actuou o conxunto Pablo Seoane Grupo, que con distintas formacións -Comisa Bal e Cuarteto Eirixúa-, amenizarán musicalmente estas xornadas.

 

Nesta ocasión, o stand de Galicia tamén estivo amenizado pola música do conxunto Vaamonde Lamas & Romero.

 

Ademais, entre os días 3 e 12 de agosto actuou no stand de Galicia o gaiteiro Suso Oscariz.

 

A presenza de Galicia neste evento cultural está a ser moi positiva ao longo dos últimos anos, xa que a afluenza de público que se rexistra cada ano no recinto galego se ve incrementada ano tras ano, cun público moi interesado polos recursos turísticos da Comunidade autónoma e polo Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *