A súa prematura morte, hai xa catro décadas, impediu a John Lennon levar a cabo os seus plans de realizar o Camiño de Santiago en compaña de Salvador Dalí. Pero a súa irmá, Julia Baird, si puido cumprir aquel soño de chegar a pé a Santiago. Fíxoo hai un ano percorrendo o Camiño Inglés e acábao de realizar de novo para gravar un videoclip promocional dese trazado. A canción de Carolina Rubirosa “Teu camiñar” acompañouna neste proxecto incluído no programa da Consellería de Cultura O Teu Xacobeo.
Á súa chegada a Compostela, a irmá do mítico “beatle” compartiu as súas sensacións no Camiño e que pensou cando descubriu os plans do seu irmán.
_Que recordos ten da primeira vez que realizou o Camiño de Santiago?
_Unha sensación de paz, de encontro comigo mesma e de agradable fatiga polo esforzo.
_Como foron as súas sensacións ao chegar a Compostela?
_Sentín alegría polo que fixera e pracer polo fermosa que é a cidade.
_Cal é a maior sorpresa que lle deu o Camiño?
_Unicamente fixen o Camiño Inglés e o que máis me sorprendeu foron as súas paisaxes e, incluso camiñando en grupo, a sensación de atoparme a min mesma.
_Que é o que máis lle gusta de Galicia?
_A comida, sobre todo o polbo; as súas paisaxes e a súa xente.
_O seu irmán John contoulle algo sobre os seus plans de percorrer o Camiño?
_A información que teño é a través de diversas persoas e do libro “A Gran Vía ri”, do escritor galego Antonio D. Olano, confidente e amigo persoal de Dalí, o cal se encargaba de mandar os telegramas que lle enviaba a John. Dalí quería que mil mozos se unisen a eles nesa viaxe. Os dous eran moi excéntricos e deles podíase esperar calquera cousa.
_Sabe como tivo coñecemento John da existencia do Camiño?
_Non o sei, talvez a través do seu amigo Dalí.
_Como cre que se sentiría el se tivese percorrido o Camiño?
_O meu irmán tiña un transfondo espiritual e seguramente lle influenciaría positivamente, sobre todo tendo en conta a vida tan axitada que levaba.
_Ten previsto realizar algún outro trazado do Camiño?
_Si, pero esta vez gustaríame facelo desde Porto.
_Que canción de John Lennon cre que conecta máis co Camiño?
_”Help me to help myself”, da cal só existe unha maqueta feita na súa casa xa que non lle deu tempo a gravala en estudo porque morreu antes. Aquí podédela escoitar: https://www.youtube.com/watch?v=lRkdo2vRx_Q
_Que pensou cando lle propuxeron participar nun vídeo para promocionar o Camiño Inglés?
_Propúxomo o doutor Chema Ríos, co que teño amizade desde hai anos e co que colaborei en varios proxectos benéficos en favor de Médicos Sen Fronteiras. Cando escoitei a canción de Carolina Rubirosa non tiven ningunha dúbida porque era moi bonita e xa colaborara con ela na canción “Isolation” do meu irmán.
_Como é a música de Carolina Rubirosa?
_A Carolina escoiteina cantar en Liverpool e noutras ocasións. A súa voz transmíteme emoción e as súas cancións son preciosas.
_Que pensaría John deste proxecto?
_Seguro que lle gustaría.
Non perdas a entrevista en vídeo colgada na nosa canle de YouTube.