INTUR’ premia a campaña de promoción da marca Galicia

A organización da feira de turismo INTUR de Valladolid, a máis importante das que se celebran en España no eido do Turismo Interior, vén de premiar a campaña de publicidade para a difusión da primeira marca do Turismo da Comunidade galega, Galicia, gárdasme o segredo? como “mellor campaña publicitaria de Turismo Interior”.

Este galardón será entregado no marco do decimoquinto aniversario do certame turístico (do 24 ao 27 de novembro en Valladolid), no que a organización da feira INTUR distingue ás empresas, colectivos e institucións que ao longo dos últimos anos apoiaron o desenvolvemento do Turismo Interior en España.

Segundo o xurado, “trasladar ao viaxeiro a esencia dun destino é un reto, no que a creatividade ten que ir da man da sensibilidade”, e así, con campañas como Galicia, gárdasme o segredo?, “Turgalicia transmite ilusión por descubrir eses segredos”.

Creatividade e plan de medios
A campaña de publicidade premiada por INTUR, foi desenvolvida pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, entre os días 9 e 30 de decembro de 2010, coincidindo coa presentación da primeira marca turística da Comunidade galega, Galicia, gárdasme o segredo?, o día 15 de decembro de 2010 na cidade da Coruña. Esta campaña, emitiuse logo no mes de xuño de 2011 para incentivar as visitas turísticas a Galicia durante o verán.

A creatividade desta campaña consta con varios spots que se emitiron nas principais televisións españolas, e as dúas veces que se emitiu acadou un 94 por cento da audiencia relacionada cos cidadáns maiores de 16 anos. Ademais, a campaña Galicia, gárdasme o segredo? conta con anuncios gráficos para prensa e medios escritos e cuñas de radio, así como creatividades para internet, que foron publicados e emitidos nos medios máior audiencia.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *