ÉXITO NA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA EN FITUR 2012

Éxito na promoción turística de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid.

A Comunidade galega pecha a súa presenza neste certame turístico coa promoción integral do destino a través da marca do turismo, Galicia, gárdasme o segredo?, e o novo mapa dos xeodestinos.

 Fitur fixo públicas as cifras dun 2% máis de visitantes profesionais que na pasada edición. En Fitur 2011 rexistráronse 209.000 visitas á Feira, entre profesionais e público xeral.

 Ao longo dos cinco días de feira, sucedéronse os encontros profesionais e distribuíronse máis de 150.000 unidades de folletos e outro material de promoción turística de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, pechou a súa participación na Feira Internacional do Turismo de Madrid- FITUR 2012 cun éxito para a promoción turística de Galicia, logo de que ao longo dos últimos cinco días o stand institucional galego se convertese no espazo integral para a difusión dos valores, produtos e servizos turísticos galegos baixo o paraugas da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e o novo mapa de xeodestinos turísticos galego.

Fitur ven de facer público un primeiro balance de visitantes no que, segundo a organización, nos días dedicados ao sector profesional recibíronse na feira un 2% máis de visitantes que en 2011. En total, en 2011 Fitur recibira, entre público xeral e profesional, un total de 209.000 visitas, cifra que este ano se verá previsiblemente superada a falta dos datos definitivos. Tendo en conta esta estimación, polo stand galego situado no pavillón 9 da feira pasaron unha cantidade de visitantes semellante á rexistrada na pasada edición, que acadou as 70 mil persoas.

Durante estas xornadas, a Xunta de Galicia presentoulles aos operadores turísticos nacionais e internacionais e ao público xeral os novos produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Faros e praias salvaxes, A ruta da Camelia, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Santuarios máxicos, Turismo mariñeiro, Paseando entre viñedos, Patrimonio oculto e Lugares máxicos.

O desenvolvemento destes produtos encádrase na nova estratexia de promoción e comercialización do Turismo de Galicia a través da nova marca.

Xeodestinos

Ademais da marca do Turismo de Galicia, FITUR 2012 serviu para dar a coñecer o novo mapa dos xeodestinos turísticos, no que se distribúen 14 áreas que engloban turisticamente todo o territorio galego.

 Así, os xeodestinos Rías Altas (Ferrolterra-Eume e A Coruña-As Mariñas), Costa da Morte, Terras de Santiago, Mariña Lucense, Lugo e A Terra Chá, Ancares-Courel, Ribeira Sacra, O Ribeiro, Terras de Ourense e Allariz, Celanova-A Limia, Verín-Viana, Manzaneda-Trevinca, Rías Baixas (Ría de Muros e Noia, Ría de Arousa e Terras de Pontevedra e Ría de Vigo e Baixo Miño) e Deza Tabeirós puidéronse promocionar entre os operadores turísticos e o público xeral.

Material de promoción

Ademais dos contactos entre profesionais galegos e outros do resto de España e o exterior, o público xeral que acudiu á Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2012, puido acceder ao material de promoción do destino Galicia dispoñible no stand e á información achegada polos máis de 20 informadores turísticos galegos.

Deste xeito, entre onte e hoxe, distribuíronse máis de 150.000 folletos e outro material de promoción, achegados pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia e as outras entidades de promoción turística provinciais e municipais.

Actividade no stand

Ao longo destes cinco días de feira, celebráronse 17 presentacións relacionadas cos produtos e os servizos turísticos galegos dos 14 xeodestinos.

Nestas presentacións que ofreceron os distintas entidades galegas de promoción turística, participaron operadores e xornalistas de distintos ámbitos.

O stand galego tamén recibiu a visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a ministra de Fomento, o ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete; así como os presidentes das deputación provinciais da Coruña Pontevedra Diego Calvo e Rafael Louzán; e os alcaldes da Coruña, Carlos Negreira, Santiago de Compostela, Xerardo Conde, e Ferrol José Manuel Rey Varela, entre outros.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu tamén no stand aos integrantes do proxecto Discamino. Un pai e o seu fillo de 12 anos con parálise celebral percorrerán o Camiño dende Roncesvalles ata Santiago nunha silla de rodas-bicicleta Duet. Este proxecto presentouse en Fitur no Stand da Rede Española de Turismo Accesible-Red Estable e levarase a cabo entre o 25 de xuño e o 15 de xullo deste ano. O obxectivo de Javier Luque e mais do seu fillo Antonio, naturais de Córdoba, é contribuir á rehabilitación do rapaz proporcionandolle variados estímulos multisensoriais, así como facer un chamamento sobre a necesidade dun turismo accesible.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu a Javier Luque e ao seu fillo hoxe no stand de Galicia en Fitur. Alí amosáronlle a bicicleta adaptada que conseguiron para realizar o percorrido.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *