A beleza da Ponte Maceira (Negreira) non pasa desapercibida para os visitantes que se achegan a este lugar situado á beira do río Tambre. Son moitas as persoas que o visitan e que non dubidan en cualificalo como un dos pobos máis bonitos de Galicia e de España. A partir de agora poden facelo con máis énfase debido a que o título xa é oficial.
Caracterizada pola estampa que debuxa a ponte medieval de orixe románica que une Negreira e Ames e convertida en lugar de paso para os peregrinos que se dirixen a Fisterra, A Ponte Maceira acaba de ser incluída pola Asociación Os Pobos Máis Bonitos de España no selecto grupo de lugares (menos dun cento) que locen este selo de calidade. A entidade, nacida en 2011 e integrada nunha federación de ámbito internacional, está a crear unha rede que aglutina a “lugares de gran beleza que destilan historia e cultura á vez” e agrúpaos “baixo una mesma marca de calidade”. Os seus promotores pretenden promocionar zonas preferentemente rurais e pequenos municipios (o recoñecemento está dirixido a poboacións menores de 15.000 habitantes) e “implicar ás diferentes administracións para que apoien, coiden e respecten o noso patrimonio”.
A Ponte Maceira ingresou neste restrinxido club a pedimento do Concello de Negreira e tras superar varios requisitos: cumprir o criterio poboacional, dispoñer dun patrimonio arquitectónico ou natural certificado, e aprobar a auditoría realizada polo persoal de calidade da entidade e que comprende aspectos moi diversos: limpeza, conservación de fachadas, harmonía e homoxeneidade das construcións, limitacións á circulación de vehículos, existencia de aparcamentos, coidado das zonas axardinadas e tratamento de insignias publicitarias e carteis, entre moitos outros.
Desde a entidade explican que “calquera pobo que ostente a nosa marca cumpre uns criterios de calidade, beleza e accesibilidade turística que non defraudará a ningún visitante”. Ademais, destacan que só o 20 % dos pobos que solicitan a súa adhesión a este selo de calidade logran superar os criterios de selección. No caso de Galicia, só dúas localidades lograran o recoñecemento con anterioridade á Ponte Maceira: Mondoñedo e Castro Caldelas.
A incorporación do pobo negreirés foi aprobada na sétima asemblea nacional dos Pobos Máis Bonitos de España celebrada o pasado 30 de novembro en Puebla de Sanabria xunto con outras 14 localidades de todo o país.
A partir de agora, A Ponte Maceira poderá lucir nos seus accesos os rótulos que acreditan a súa nova condición e beneficiarse das accións promocionais que desenvolverá a entidade.
Un motivo máis para gozar deste lugar.