Cemiterios máis famosos de Galicia

A visita ao cemiterio ás veces vai marcada pola pena, cando despedimos a alguén, ou pola lembranza, cando pasado o tempo honramos a súa memoria. Mais outro motivo para acudir ao cemiterio é gozar do conxunto monumental en sí, con toda a súa historia e a súa beleza. Os propios cemiterios organizan visitas guiadas, rutas literarias, teatralizacións… sobre todo nestas datas, entre Defuntos, Santos e Samaíns.

Varios cemiterios galegos están recoñecidos pola ASCE (Asociación de Cemiterios Significativos de Europa): o dos Ingleses de Camariñas, o de Santa Mariña Dozo de Cambados, o de San Francisco de Ourense, o de San Amaro da Coruña e o de San Froilán de Lugo. Estes dous últimos, están incluídos, ademais, na Ruta de Cemiterios Europeos.

Parémonos a pensar: Coñecemos os cemiterios da nosa cidade? E os de fóra? Onde estará enterrada Rosalía? E Pondal? Que tal se facemos un percorrido por algúns dos camposantos máis bonitos de Galicia?

Cemiterio dos Ingleses, Camariñas. Entre a punta do Boi e a punta Cagada xa houbera naufraxios, mais o do acoirazado inglés Serpent, o 10 de novembro de 1890, foi máis grave, con 172 mortos. So se salvaron tres tripulantes. Coa axuda de todo o pobo, levantouse un cemiterio para soterrar os 142 corpos recuperados, fronte ao chamado desde entón, “baixo do Serpent”. No recinto interior repousan os restos do capitán e os oficiais e, no exterior, os dos mariñeiros. É unha construción moi sinxela, dominada pola paisaxe, co monte Branco de fondo e a gran reserva de caramiñas. 

Cemiterio de Cambados. “O cemiterio máis melancólico do mundo”, segundo Cunqueiro, atópase á beira das ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo. Esta é de estilo gótico mariñeiro do século XII, con lembranzas da capela románica anterior, e foi abandonada no século XIX. Dela prácticamente fica o esqueleto en pé. Aquí quixo ser enterrada Josefina Blanco, esposa de Valle-Inclán, a carón do seu fillo.

Cemiterio de Adina, Iria Flavia.  Está xunto á igrexa de Santa María de Iria Flavia. “O simiterio de Adina/ n´hai duda que é encantador,/ cos seus olivos escuros/ de vella recordazón ”: así o vía Rosalía de Castro, que estivo aquí enterrada até 1891, cando a levaron ao Panteón dos Ilustres en Santiago. Aquí non hai nichos, todas as lápidas van pegadas ao chan. E son moi antigas, mesmo hai sartegos antropomorfos de entre os séculos VI e X. Tamén hai dous cruceiros e varias oliveiras centenarias. So unha delas durme para sempre Camilo José Cela.

Santa María A Nova, Noia. O cemiterio está á beira da igrexa, que é de estilo gótico mariñeiro, cunha soa nave con cuberta de madeira. Abeira o Museo das Laudas, onde atopamos lápidas gremiais e sartegos medievais. No camposanto destaca o cruceiro gótico e outro con baldaquino, “O Cristo do Humilladoiro”, do século XVI. Ademais conta con máis de cincocentos sartegos e lápidas de entre os séculos XIV e XIX.

Cemiterio Vello de Mondoñedo. A estrutura deste cemiterio é clasista sen disimulo: na zona alta, os panteóns da xente de clase alta; na intermedia, as tumbas da clase media e, na máis pegada ao chan, os soterramentos da xente humilde. Pó somos… Aquí xacen os restos de Cunqueiro, de Leiras Pulpeiro e de Pascual Veiga, por exemplo. A zona do cemiterio civil úsase como parque.

Cemiterio de San Francisco, Ourense. Levántase nas abas do Montealegre, xunto ao antigo convento de San Francisco. Ten grupos escultóricos de gran calidade, como os de Faílde. Aquí xacen Blanco Amor, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Parada Justel… También está o poeta José Ángel Valente, que foi presidente de honra da Asociación de Amigos do Cemiterio e un dos impulsores da súa conservación. Aquí tamén descansa Asunción González Vázquez, considerada a primeira vítima rexistrada de violencia machista en Ourense. A súa lápida dí: “Pobre Asunción!”.

Cemiterio de San Froilán, Lugo. Está a 500 m do Camiño Primitivo de Santiago. É obra do arquitecto racionalista Eloy Maquieira, e destaca pola súa limpa ordenación espacial. Moitas das construcións funerarias foron trasladadas desde o antigo cemiterio municipal. É un cemiterio moi activo: organiza concursos de fotografía, xornadas formativas, visitas guiadas, lecturas dramatizadas, concertos…

Cemiterio de San Amaro, A Coruña. Aquí o descanso eterno ten vistas ao mar. Hai unha zona relixiosa, outra civil e a británica, pechada ao público. Ademais, conta con algún monumento colectivo, como o adicado aos Mártires da Liberdade, ás vítimas do accidente de avión de Montrove no 73 ou a Columna tronzada en recordo da folga xeral de 1901.  Entre as lápidas atopamos os nomes de Isidoro Brocos, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Murguía…

Cemiterio de Pereiró, Vigo. Foi deseñado por Jenaro Pérez de la Fuente, que até se encargou do panteón onde descansan os seus restos, aquí mesmo, claro. Pasear entre as tumbas é facelo pola historia da cidade, parece o rueiro de Vigo: Policarpo Sanz, Sanjurjo Badía, Cachamuíña, García Barbón… Aínda que a estrela é Concepción Arenal, claro. Tamén hai un Xardín da Memoria histórica, no cemiterio civil. Outra atracción é o Dodge Carnero, un elegante coche fúnebre de c.a 1930.

Parque de Bonaval, Santiago. O cemiterio de Bonaval, a carón do convento de San Domingos de Bonaval, foi inaugurado en 1847, e continuamente ampliado, até deixar de ter uso funerario en 1960. Tempo despois, convertíuse nun parque magnífico, rehabilitado por Siza, que conserva estruturas funerarias baleiras. Na igrexa do convento podemos visitar o Panteón dos Galegos Ilustres, onde están Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Cuevillas, Asorey, Fontán e, aparte, Castelao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *