Rutas para facer este outono en Ourense

Chega o outono e parece que o corpo nos pide pisar follas secas facendo ruído cos pés, en paisaxes que van cambiando de traxe. Pois vaiamos de paseo por algún destes lugares onde aínda nos sentimos parte da natureza, camiñando ao ritmo da estación, malia o cambio climático.

Ruta de Queguas. Se nos van as alturas, este percorrido é estupendo. É unha das rutas sinalizadas do Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. É circular e vai polas serras de Leboreiro e Queguas, en medio de vexetación baixa. Sae de Queguas e pasa polos Carríns, As Cortes de Carballeira, onde podemos visitar a a ermida da Nosa Señora da Ascensión, e A Gurita. Cara ao final, atopamos a Casa da Moura, o dolmen de Entrimo.

Bidueiral de Gabín, Montederramo. Aquí temos un bosque único en Europa, pois non se ven tantos bidueiros xuntos tan ao sur. Tamén hai carballos, acrivos, breixos… en definitiva, un tesouro botánico. É outra ruta de altura, neste caso na cara norte da serra de San Mamede. É circular e transcorre en 9,4 km a través de pistas forestais e camiños de terra. E moito ollo, mellor non se nos faga de noite, que por aquí se paseaba Romasanta, o lobishome galego de finais do XIX, facendo das súas… Se estiramos un pouco a ruta, paga a pena achegarse ao mosteiro de Santa María de Montederramo.

Teixadal de Casaio. Seguimos con outro bosque único, na parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. Pertence á ZEC (zona de especial conservación) de Pena Trevinca. Resulta que os teixos, tan independentes e solleiros, aparecen xuntos nesta zona, nun grupo de 300 máis ou menos. As bagas nin tocalas, por se acaso, non vaiamos envelenar… Tamén hai acivros, ameneiros, freixos… O bosque é denso e abrigoso, e ademais ten dúas pequenas fervenzas, que baixan do Penedo e Pena Surbia.

Canón do Sil-Santa Cristina de Ribas do Sil. É unha das rutas máis famosas da Ribeira Sacra. É circular e sae de Parada do Sil. Pasa por Sardela, Entrambosríos, San Vitorio, Fondo de Vila, O Fental, As Fontiñas, Portela, A Galiña, Castro, Chamoso e Parada do Sil outra volta. A través de camiños de carro e sendas internámonos en carballeiras e soutos, sempre co espectáculo do canón e os viñedos presente. Ademais da natureza, temos o mosteiro de Santa María de Ribas de Sil, que aínda que non está sinalizado na ruta, está moi preto. A ruta enteira abrangue 18 km, mais se tomamos a variante, á altura de Fondo da Vila, podemos deixala en 700 m.

Ruta do río Arnoia. É unha ruta lineal de 11 km no concello de Gomesende. Non é moi extensa pero ten un pouco de todo: ascensos, descensos, auga, serra, arte… Comeza en Escudeiros, na presa de Cachón, o vello camiño da canle hidráulica. Despois de pasar A Bomba e o Coto de Seoane, e dunha subida entre fragas das boas, retómase o curso do río, cos Muíños da Chancela na beira oposta. Na aldea do Viso podemos visitar a capela das Angustias e, despois de seguir subindo pola serra do Seixival, sorpréndenos o santuario barroco de Nosa Señora do Val, que ficaba no antigo Camiño de Santiago entre Porto e Celanova.

Muíños de San Miguel. A ruta parte da Rebulleira, en Santa Mariña de Congostro, no concello de Rairiz da Veiga, na comarca do Limia. É un percorrido de camiños de terra, de carro, no que nos cruzamos con varios muíños, algún restaurado, e canastros, até chegar á aldea de San Miguel. Aquí, un camiño lévanos ao castro de San Miguel, desde onde temos unha perspectiva fantástica da Limia. 

Ruta dos muíños de Carballeda de Avia.  Saltamos á comarca do Ribeiro. Tamén vai de muíños esta. É unha ruta circular de sendeiros conectados que pasa pola Veronza e As Fermosas, o punto máis alto. Despois, vai cara a Vilar de Couso e Vilariño, e volta a Carballeira de Avia. No percorrido, de 7,2 km, pasamos polos muíños e a área recreativa da Veronza, o muíño de Trigás e o das Fermosas. Toda a paisaxe ten polo medio grandes rochas graníticas, algunhas totalmente verdes da carriza.

Pozas de Melón. O concello de Melón, na comarca do Ribeiro, a é famoso polas pozas do río Cerves, afluente do Miño. Aquí altérnanse zonas de auga quedas, onde as pozas, e saltos que fan bastante balbordo, con varias fervenzas. Seguindo o curso do río, a través de varias pasarelas, chegamos á fervenza máis alta da provincia de Ourense, a de Tourón, que en outono tínguese de ocres rodeada de carballos. 

Ruta termal do Miño. Outra boa idea para o outono e pasearse pola senda peonil á beira do Miño na cidade de Ourense, que se toma pasada a ponte do Milenio. Nun paseo de 5 km, vanse sucedendo instalacións termais, con zonas recreativas e servizos variados: A Chavasqueira, o manancial do Tinteiro, o do Muíño da Veiga, o de Outariz, a Burga de Canedo e A Fonte de Reza. O outono é boa época para darse un baño quentiño ao aire libre.

Ruta arqueolóxica de Armea. A poboación galaico-romana de Armea asentabase onde hoxe está o santuario de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, entre carballos. A ruta vai ligada á lenda de Santa Mariña. Esta dí que o prefecto romano Olibirio namorara de Mariña, unha pastora orfa de Armea. Ao ser rexeitado, Olibirio fíxolle sofrer varias torturas de todo tipo, mesmo meténdoa nun forno. Mariña recuperouse aos tres días. Até recibiu a axuda de San Pedro, que a arrefriou nunha pía de auga ao sair do forno. Como o romano non podía acabar con ela, depapitouna e, dos tres chimpos que deu a cabeza ao chegar ao chan, agromaron tres mananciais. A ruta empeza no santuario, onde xace a santa Mariña, e tamén se poden ver o forno, a piouca e o asento da santa. Seguindo a senda subimos ao Outeiro dos Pendóns, onde están os restos da cibdá de Armea e ao monte do Señoriño, un xacemento escavado na rocha, e de volta á carballeira. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *