Rutas para realizar este outono na Coruña

Que mellor que gozar do outono camiñando entre árbores á beira dun río, ou subindo polo monte, ou ollando o mar á  fronte, respirando a airexa fresca. Na provincia da Coruña hai moitas rutas para facer isto. A que esperamos? Roupa cómoda, mochila con auga, merenda, caderno para debuxantes e poetas, vara ou bastón sofisticado de camiñante e cámara ou móbil para unhas boas fotos. Todo listo? Comeza a andaina!

Ruta de Zarzo a Chelo. Entre as rutas de sendeirismo que hai no monte Chelo, no concello de Coirós, dentro da Reserva da biosfera “Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo”, esta é unha das máis coñecidas. É unha ruta circular de 10,5 km. Comeza na Central de Zarzo, no concello de Paderne, e vai pola beira do río até a Presa da Cabra. Monte arriba, atravesa Caresma, Chelo e A Espenuca. Se temos sorte podemos ver corzos, lontras, e apañar algún cogomelo.

Ruta Monumento Natural Costa de Dexo – Serantes. Seguimos na Reserva da biosfera “Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo”, mais esta vez con vistas ao mar. A ruta empeza no Seixo Branco e, ao longo de 7,45 km, transcorre por un sendeiro preto do mar e por cantís máis elevados, onde asomar con precaución a varias furnas. Tamén pasamos pola Punta Torrella, un miradoiro natural con vistas á ría de Betanzos e aos cantís, até chegar ao porto de Lorbé, fin do traxecto.

Monte Xalo. Este monte, de 514 m, esténdese polos concellos de Culleredo, Carral, Cerceda e Laracha. Temos varios camiños para chegar ao cume. Podemos comezar na ruta das Xesteiras, dun km, que sae da parroquia de Cea, acompañando o regato que baixa do monte. No medio da vexetación atopamos 11 muíños. Pasada a ruta, seguindo o sendeiro, ascendemos o monte, entre restos megalíticos, penedos con formas curiosas e pode que até cabalos salvaxes. Desde o cume hai boas vistas de Culleredo, O Val de Loureda, Sabón, o porto de Arteixo e mesmo o porto exterior de Ferrol.

Camiño dos Encomendeiros. No parque natural das Fragas do Eume, o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa, e un dos poucos do seu tipo, esta ruta é a máis famosa. É lineal e abrangue 5,5 km. Arranca na ponte de Cal Grande, onde cruzamos á marxe dereita do río. A 3 km hai outra ponte, que podemos cruzar e seguir até Santa Cristina, ou non cruzar e seguir até o mosteiro de Caaveiro. Ademais desta, hai sete rutas sinalizadas. No medio da natureza, as Fragas tamén contan con centro de interpretación, área recreativa, museo etnográfico, e dúas xoias arquitectónicas: o mosteiro de Caaveiro e o de Monfero.

Ruta dos Penedos de Pasarela e Traba. Comeza en Pasarela, no concello de Vimianzo e chega ao de Laxe. Durante 6,5 km vamos camiñando por sendas forestais até albiscar os primeiros penedos, que se elevan ao ceo en formas caprichosas. A Cachucha, A Ferida, O Barco, O Cantor, O Camelo, O Tiburón. O Fígado… e moitas outras rochas acompáñannos e disparan en nós a imaxinación e a poesía. Se non que llo digan a Pondal:  “Penedos de Pasarela,/ Cando vos vexo, penedos/ Suspiro d’amor por ela”.

Refuxio de Verdes. Na parroquia de Verdes, no concello de Coristanco, accedemos á ruta atravesando unha pasarela sobre o río Anllóns. Neste percorrido pola beira do río hai 15 muíños tradicionais, algúns rehabilitados, aos que se pode entrar. Tamén ten áreas recreativas. A ruta é pequena, 1,7 km, pero moi bucólica. E, paso a paso, nunha paisaxe de foto, chegamos a Ponteceso, cruzando a Ponte Dona.

Fervenza das Hortas. Transcorre pola beira do Ulla, partindo da desembocadura do Lañas, no concello de Touro, e rematando na fervenza. Nestes 20 km pasamos polo Torrente do Maroxo, o encoro de Portodemouros, o museo do mel “O Enredo do Abelleiro”, e chegamos á fervenza, cunha caída duns 30 m desde o regato de Saímes, entre Arzúa e Touro.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. O complexo, entre as rías de Arousa e de Muros e Noia, comprende as dunas, a praia de Corrubedo e as lagoas de Vixán, de auga doce, e de Carregal, de auga salgada. Hai tres rutas curtas que se poden facer unha detrás doutra: a ruta do mar, de 6 km, até a lagoa de Carregal; a da auga, até a de Vixán, de 3 km e o Camiño do vento, da praia de Vilar á gran duna móbil, de 5 km. O outono é boa época para observar as aves neste paraíso ornitolóxico.

Ruta Devesa de Nimo. A andaina, de 7 km entre ida e volta, sigue a pegada dos rodeiros do río Tambre, en Noia. Os rodeiros son construcións tradicionais no río, de pedra e madeira, para a captura da lamprea. A ruta comeza na central hidroeléctrica, co edificio de Palacios e, despois de cruzar a ponte, sigue pola beira do río. O tramo máis característico é o das estreitas pasarelas de madeira fixadas ás rochas do canón. Remata no concello de Brión.

Fervenza do Rexedoiro. Esta é unha ruta circular, de 13,3 km, con principio e fin no Campo da Feira de Bembibre, no Val do Dubra. Vai pola marxe dereita do Dubra até Ínsua, en Santa Mariña de San Román. Polo medio, desvíase até o Rego do Portonabo, onde hai unha fervenza duns 10 m. O percorrido é variado, por sendas de pescadores, prados, bosques… Tamén pasamos pola milagreira Fonte das Augas Virxes e pola capela de San Xoán Bautista e Santa Margarida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *