Praias para dar longos paseos

Un dos requisitos para unha xornada de praia perfecta é o paseo á beira do mar, respirando aire salgado, gozando da brisa mariña e mollando os pés. É un exercicio moi san que cada persoa fai ao seu xeito: en solitario, acompañada, ás présas, paseniño, agochando a recoller cunchas, ou parando a cada pouco para facer relacións sociais.

En Galicia hai areais de considerable lonxitude para unhas boas andainas. Así que, a botarse ben de crema, que a airexa da beira do mar é o que máis torra, a calar unha boa viseira (ou pucho de palla, pamela…, en fin, looks hai para todos os gustos), e en marcha! Consello para principiantes: tomar referencias fiables do noso asentamento, que con tantos quilómetros por diante é doado desorientarse.

As praias máis longas están ao norte, algunhas na Costa da Morte, onde a forza do mar aberto moldea a fondo os areais do litoral. Así as areas son tan finas e a auga está tan limpa, e hai tanta duna. Comecemos a camiñata de norte a sur, pois:

Entre a ría de Ortigueira e a de Ladrido esténdese a praia de Morouzos, en Ortigueira. Con marea baixa chega a máis de 2 km de longo. É irregular, con barras areosas, e cun cordón dunar que da orixe á lagoa de San Martiño. Cara ao leste, atopamos a pequena illa de San Vicente, á que se pode cruzar camiñando cando hai marea baixa. Esta é a única praia do norte coa area escura, e un grao de grosor medio. Se queremos seguir paseando á sombra temos de fondo un frondoso piñeiral, que se converte en zona de acampada libre cando chega o Festival de Ortigueira.

Continuamos a liña da costa e damos coa praia da Frouxeira, en Valdoviño, que vai desde Punta Faluchos até Punta Frouxeira. Esta praia de máis de 3 km, de area branca e fronte o mar aberto, é perfecta para camiñar ou facer running. É de moito vento e ondas, ideal para o surf. Tamén conta cunha parte máis urbana para aqueles que necesiten un estímulo extra. E, sorpresa, tralo cordón de dunas: a lagoa de Valdoviño, moi axeitada para o baño dos cativos. O paseo ten o atractivo engadido da Percebelleira, unha gran rocha accesible cando está a marea baixa.

A seguinte praia longa é a praia de San Xurxo, en Ferrol, ao sur do cabo Prior. Abrangue un pouco máis dos 2 km. É praia ventosa (coidado cos puchos), boa para o surf e as cometas. Tamén se lle dí a praia dos dous ríos, pois alí desembocan o Esmelle e o Xuncal.

Na Costa da Morte comezamos coa praia de Baldaio, en Carballo. É outra praia ben completa, con lagoa, marisma, e unha barra de dunas que une Baldaio e Razo, o que fai que o areal se estenda ao longo de 3,5 km. Despois dun pasado de explotación da zona para a extracción de area, a lagoa volve recuperarse pouco a pouco. Aquí paséase ben a gusto, mais coidado con no meterse moi adentro no mar, que é perigoso. A xente afeccionada a pasear recollendo cunchas, seguro que aquí atopa uns cantos “ollos maus”, pequenas caracolas erosionadas que disque repelen o mal de ollo.

Parece que todo gran areal ten unha lagoa tras del. Iso tamén pasa na praia de Traba, en Laxe, de máis de 2´5 km. Está aberta ao mar, e o vento e as ondas fan dela destino surfista. O espazo natural de Traba está formado pola gran praia, entre Punta de Arnado e Punta de Traba, un cordón dunar e unha lagoa, gran reserva ornitolóxica e gran reserva de lendas.

E, atención, chegamos á máis longa: a praia de Carnota. Ten aproximadamente… 7 km! Aquí sí que cómpre vixiar ben onde deixamos a toalla, ou levala posta. Acompañan á praia un conxunto de dunas e marismas con lagoa interior, refuxio de moitas especies vexetais e aves acuáticas, algunhas en perigo de extinción, como a píllara papuda. Ademais de ser inmensa, a praia abre a boca e deixa pasar as augas do río Vadebois, na zona coñecida como A Boca do Río.

Deixamos a Costa da Morte e chegamos ao Barbanza. Alí temos a un areal co pack completo: Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixián. Aquí, máis que de praia longa falamos de sucesión de praias pegadas: A Ladeira, Ferreira, A Lagoa, O Vilar e Anguieiro. O paseo pola beira do mar é duns 4 km. De costas ao mar, hai barras de dunas que darían para un deserto e despois, a lagoa de Carregal, de auga salgada, e a de Vixián, de auga doce. Un ecosistema ben completo. O espectáculo está servido!

Máis recollida queda a praia de Barraña, que é a praia urbana de Boiro, de 2,5 km. Ao estar protexida pola ría, as augas son ben tranquilas. O areal, en suave pendente, esténdese desde Barraña-Saltiño até o estuario do río Coroño. Temos un paseo marítimo, por se cansamos de camiñar na area, e a a cidade detrás.

E rematamos nas Rías Baixas, coa praia da Lanzada, que se prolonga en máis de 2 km de areal a mar aberto, no istmo do Bao, que une O Grove e Sanxenxo. Como non, tamén ten dunas e humedais con  título: Complexo do Espazo Intermareal Umia-O Grove. Podemos seguir o paseo até a capela da Lanzada ou aos xacementos da zona, cunha necrópole do século IV a. C. Se paseamos coa táboa tamén podemos darlle ao surf, que é mar aberto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *