Lagos e lagoas para unha excursión en familia

Temos lagos e lagoas no interior, na foz dalgúns ríos, no alto das montañas, na costa e mesmo lagos feitos a propósito, como os dos encoros ou os das vellas minas a ceo aberto cheas de auga.

Se buscamos unha excursión en medio da natureza, cunha biodiversidade de primeira e percorridos que non precisan moito esforzo, ideais para ir en familia, aí están lagos e lagoas agardando por nós.

Polos nosos lagos non hai moito monstro como o do lago Ness, aquí somos máis de cidades asolagadas. Prácticamente unha no fondo de cada lagoa. Cada cidade coa súa lenda, cristianizada, que segue un esquema similar: un castigo tipo diluvio por non ser hospitalarios con Xesús ou coa Virxe. Sempre se salvan unha ou dúas almas caritativas, claro. Repítense os contos e os nomes das cidades, de xeito que hai varias Valverdes, Lucernas, Beira… e mesmo unha Antioquía. Esta é de moita sona, xa que se dí que está debaixo da lagoa de Antela, na Limia, que foi a máis grande do noroeste peninsular, con máis de 3.500 ha. Nos anos 50, cando foi desecada, moita xente agardaba ver os vestixios da chamada “Antioquía de Galicia”, mais non se viu nada. Aínda que se segue dicindo que cada mañá de San Xoán sobresae na auga a punta dunha torre, e polo nadal se escoita o canto do galo ás doce da noite. No inverno tamén chega o son de badaladas desde as profundidades. Todo o que ten que ver co humidal está moi ben explicado na Casa da Lagoa, o centro de interpretación da lagoa de Antela, en Sandiás. 

Outra lagoa que hai que ver é a de Traba, en Laxe. Está no espazo natural de Traba, que abrangue unha praia, de case 2 km, entre Punta Arnado e Punta de Traba, un cordón dunar e a lagoa natural. Trátase dunha pequena e estreita lagoa costeira, formada a partir dun entrante no que desembocan o Rego do Vao e o Río de Traba. Dispón dunha pasarela de madeira pola que se pode percorrer cómodamente, entre a carriza. Esta lagoa é o destino predilecto de moitas aves invernantes, como o abetouro ou o pilro americano. Se vai bo tempo, podemos rematar a excursión con baño na praia. Ah, por suposto, no fondo da lagoa, hai unha Valverde asolagada.

Din que hai outra Valverde na lagoa de Doniños. E que mesmo no centro hai un pozo que se leva ao que pasa opr enriba, a non ser que vaia en embarcación resistente. Aquí estamos nun complexo praia-lago-litoral, no que a lagoa discorre paralela ao sistema dunar. Tamén presenta unha rica biodiversidade, sendo un espazo privilexiado para a observación ornitolóxica. De paso que visitamos a lagoa podemos achegarnos ao asentamento castrexo de Doniños, ou ás antigas baterías militares, vestixio da loita contra a armada inglesa no século XIX, ou facer surf na praia.

Entre as lagoas costeiras, tan agradecidas para ir en familia, a de Xarfas ou Louro impresiona bastante, entre dunas, praia e monte, parece unha paisaxe imaxinaria. Está formada pola afluencia do río Longarela. Polo menos dúas veces ao ano prodúcese o fenómeno da “rotura do ingüeiro”, no que as augas crecen e marchan ao mar, rompendo a duna.

A lagoa de Cospeito, en Lugo, con Valverde incluída, por suposto, é un rico ecosistema, con moitas especies de aves acuáticas e até nutrias. A mellor época para ir é nos meses de outubro, novembre, febreiro e marzo, que é cando máis aves hai. Dispón de observatorios ornitolóxicos e sendas.

Para familias atléticas as lagoas de Trevinca son un premio á subida. Son moi antigas, de orixe glaciar, formados no cuaternario. As máis coñecidas: Ocelo e A Serpe. Nesta última, segundo a lenda, na noite de San Xoán déixase ver unha princesa de pelo negro sobre unha pedra da beira. O resto do ano vive na auga en forma de serpe.

Se falamos de extensións máis grandes, normalmente hai máis variedade de recursos para o entretemento familiar máis alá da natureza. Estes lagos non asolagan cidades lendarias, senón minas reais, e sempre son unha boa noticia para a recuperación medioambiental. Por exemplo, no das Pontes, o maior lago artificial de Europa, aproveitouse o oco deixado polas minas a ceo aberto de lignito, para enchelo con auga do río Eume e das precipitacións. Ten espazos para todos os gustos: pradeiras, praia, deportes acuáticos… Para excursión de día enteiro.

A lagoa de Pedras Miúdas, no concello de Catoira, naceu sobre unha canteira de granito. Énchese a base de choivas e manaciais. Ten área recreativa e sendeiros con pasarelas desde onde podemos ver a desembocadura do Ulla, a ría de Arousa e os muíños de vento de Abalo.

Rematamos cun clásico en Marín, típico de excursión escolar e familiar: o lago Castiñeiras. É un lago artificial no monte de San Xulián, entre os concellos de Marín e Vilabao. A área recreativa é moi grande, con mesas, fontes, servizos e até bar. Desde 1987 funciona a Aula da natureza de San Xulián. Arredor do lago está o Parque natural de Cotorredondo. Hai zonas con gamos, cervos e coto de pesca de troita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *