Donde a natureza e o lecer recuperan terreo á industria

O desenvolvemento dalgunhas actividades industriais ten un importante impacto visual e ambiental sobre o territorio. A explotación de recursos naturais propicia en ocasións grandes transformacións da paisaxe que en moitos casos resultan irreversibles. Pero o cesamento dalgunhas desas actividades abre a porta a proxectos que permiten dar unha nova vida a eses espazos. Descubre connosco algúns deses lugares nos que a natureza e o lecer recuperáronlle terreo á industria.

 

Lago de Meirama

Cerceda

Catro décadas despois de que comezasen as actividades da antiga mina de Limeisa, o lugar experimentou un cambio radical e o oco deixado polos millóns de toneladas de carbón extraídos deu paso a un inmenso lago de 170 hectáreas de superficie que acaba de ser aberto para goce de veciños e visitantes. Con máis de 2 quilómetros de lonxitude, unha anchura máxima dun quilómetro e unha profundidade que supera os 200 metros, esta gran masa de auga converteuse nun espazo ideal para o lecer e a práctica de actividades deportivas. Case un milleiro de especies de flora e fauna danse cita nunha área que inclúe tamén un amplo espazo circundante ata superar as 700 hectáreas. Os carreiros que rodean o lago e cruzan toda a zona, e a praia habilitada nunha das súas beiras xa comezaron a recibir aos primeiros visitantes. 

 

Lago das Pontes

As Pontes de García Rodríguez

Uns poucos anos antes do proceso realizado en Cerceda, a antiga mina ao descuberto que abastecía á central térmica das Pontes de García Rodríguez xa foi sometida a un proceso similar de reconversión en lago. De feito, o próximo ano cumprirase unha década desde que aquel xigantesco buraco de 18 quilómetros de diámetro xa completamente cheo de auga iniciaba a súa nova vida como lago artificial (o máis grande do país). Culminaba así o proceso de enchido levado a cabo durante varios anos coas achegas dos afluentes do río Eume e a auga de choiva, e abríase unha etapa que propiciou que o lugar se teña convertido nun espazo de referencia para o lecer e o deporte. A súa praia, a oferta de actividades náuticas, os espazos para o paseo e o sendeirismo e outros atractivos como unha gran tirolina son algúns dos motivos polos que o Lago das Pontes non deixa de gañar seguidores.

 

Lagoa de Mina Mercedes

Valga

Tamén coñecido como Lagoa de Santa Cristina, este espazo hoxe reconvertido en área de lecer e descanso ten a súa orixe nun antigo xacemento de extracción de arxila que estivo en funcionamento ata finais do século pasado. A lagoa ocupa unha superficie de ao redor de 4 hectáreas e os terreos lindeiros foron acondicionados con bancos e un paseo perimetral que os converten nun lugar ideal para gozar dunha comida campestre e unha camiñada. Ademais, as súas augas foron declaradas coto de pesca sen morte e dispoñen tamén de plataformas para facilitar a práctica deste deporte.

 

Parque Botánico de Montealegre

Ourense

Dez anos fanse agora da inauguración do parque botánico de Montealegre, un espazo situado nunha área de máis de 100.000 metros cadrados que albergou no pasado canteiras e minas. Parte daquela etapa industrial déixase ver na actualidade no seu auditorio ao aire libre escavado en roca. As pedras son tamén un elemento fundamental para o lecer na zona habilitada para a práctica da escalada, aínda que a vexetación é a gran protagonista da zona grazas aos traballos de reforestación levados a cabo en toda a área. O parque dispón tamén dun miradoiro que ofrece unha ampla panorámica da cidade das Burgas.

 

Lago de Lapido

Gondomar

O oco deixado por unha antiga explotación de extracción de pedra en Morgadáns foi aproveitado para acondicionar un espazo de lecer moi apreciado polos veciños da zona. O lago artificial, debidamente sometido a un proceso de depuración, encheuse de vida coa introdución de especies autóctonas e a súa contorna, acondicionada con bancos e mesas, constitúe unha interesante alternativa de lecer desde hai apenas un ano.

 

Lagoa de Pedras Miúdas

Catoira

Aínda que o baño alí foi prohibido hai agora un ano debido ao perigoso acceso á auga, esta lagoa formada no espazo deixado por unha antiga canteira segue sendo un lugar de gran interese natural. Dispón dunha aula ambiental, un espazo para o estacionamento de vehículos e zonas para o paseo a través de sendeiros e pasarelas. A súa contorna tamén foi recuperada plantando especies vexetais autóctonas.

 

Parque de Bens

A Coruña

O antigo vertedeiro coruñés é hoxe en día un dos orgullos da cidade. As súas máis de 60 hectáreas, os 13 quilómetros de carreiros que o percorren, os seus 2.000 metros cadrados de superficie acuática (dispón de dous lagos, un deles con fervenza), o abundante mobiliario urbano co que foi dotado, e as vistas que ofrece tanto da cidade como do océano fan do parque de Bens un lugar ideal onde desconectar do bulicio das rúas e relaxarse paseando. Foi inaugurado hai agora 20 anos e alí pódese ver tamén a lancha de salvamento Blanca Quiroga, convertida en monumento tras varias décadas protexendo ás xentes do mar.

 

Ruta do Ferrocarril

A Pontenova

As liñas de ferrocarril contribuíron a vertebrar o territorio permitindo o movemento de mercadorías e persoas, pero tamén abriron cicatrices na paisaxe converténdose nunha barreira para as persoas que habitaban nas súas marxes. Con todo, o abandono dalgúns deses trazados permitiu recuperalos como espazos para o lecer, como ocorreu na Pontenova onde parte da antiga liña férrea que unía a mina de Vilaoudriz co  cargadoiro situado na ría de Ribadeo serve agora de senda verde. Un terzo dos máis de 30 quilómetros do antigo trazado foi acondicionado para camiñar atravesando vellos túneles e zonas  boscosas de gran atractivo natural e paisaxístico.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *