Descubrindo fervenzas: as mellores rutas para descubrir fervenzas en Galicia

En Galicia, hai moitísimas fervenzas. A mellor época para descubrilas é en outono ou inverno, despois dunhas boas choivas, para velas escumantes, en todo o seu esplendor. Vaiamos de paseo á procura de fervenzas!

Ruta das Fervenzas de Mazaricos. Nesta camiñada, nada menos que cinco fervenzas. Comeza no camiño á fervenza Vioxo-Chacín, que trae a auga do Rego do Casteliño. Despois, pasada a capela de Santa Locaia, atopamos a Fervenza de Santa Locaia, onde o Pozo das Campás, producido polo río Vao da Denonciña. Segundo a lenda, a orixe do pozo ten que ver con dous ladróns, que fuxindo despois de roubar a campá da capela, esbararon e caeron alí afundindo o chan. Séguelle a Fervenza de Gosolfre, con moita vexetación e de difícil acceso. Despois, a de Noveira, que cae de xeito moi artístico polas rochas de granito desde o río Arcos ao Ézaro, rematando con varias pozas. A derradeira é a de Fírvado, onde se unen o río Xende e o Rego do Ribeiro. Aquí está O Pozo Negro, onde disque polo San Xoán, antes do mencer, sae da auga unha grade de ouro. Fronte á freixa até podemos subir a unha enxebre randeeira e bambearnos por riba do río.

Ruta de Augacaída-Castro Marce. É unha das moitas rutas da Ribeira Sacra, no concello de Pantón. A andaina comeza na estrada que vai a Marce. De alí baixamos unha senda entre árbores que vai ao castro. No camiño hai un desvío para achegarse á fervenza. Está formada polo regato Aguianza. É moi alta, ten 40 m de caída. Hai unha pasarela e escaleiras para salvar a baixada á freixa, que ten moita pendente (aquí até as fervenzas son heroicas). Seguindo a ruta, aproveitemos para ir ao castro de Marce, que está nun estupendo miradoiro natural.  

Ruta da Fervenza do Rexedoiro. É circular. Comeza e remata no Campo da Feira de Bembibre, parroquia do Val do Dubra, na comarca de Santiago. Vai pola dereita do río Dubra até Ínsua de Santa Mariña de San Román e volve. No camiño hai un desvío ao leito do Rego do Portonabo, afluente do Dubra, entre amieiros e carballos, que forma unha fervenza en dous tramos, con máis de 10 m de altura. Tamén se lle chama Fervenza de Ínsua-Gontar, porque está entre as dúas parroquias.

Fervenzas de Toques. O concello de Toques é o que ten máis territorio na Rede Natura 2000, así que hai moito sendeiro e moita ruta. Unha delas vai paralela ao río Furelos, saíndo da área recreativa do río, cara á Serra do Careón. Entre castiñeiros, chegamos ao chamado Muíño da Fervenza, por algo será… A auga salta practiacamente pegada a él, sobre unha parede de rocha, a uns 20 m de altura. Fan un conxunto peculiar. A ruta continúa polo monte até volver ao río Furelos. Tamén se coñece como a Fervenza das Brañas, por algo será tamén.

Ruta das Fervenzas das Hortas ao río Lañas. Comeza na desembocadura do río Lañas e vai pola marxe dereita do Ulla. O camiño vai á fervenza de Rosende, e despois de varios muíños, encoros, e até petróglifos, como o de Pena Furada nos Chaos, xa cara ao final, nunha derivación, chegamos á Fervenza das Hortas, tamén chamada de Santa Marta. Un gran salto do río Saímes desde uns 30 m de altura. A lenda dí que Santa Marta salvou da morte a unha moza embarazada empurrada polo seu noivo desde o alto da fervenza.

Ruta da auga de Zas. Na parroquia da Gándara, en Zas, a auga corre baixando chanzos, cunha forza que aproveitan moitos muíños. A ruta vai por sendeiros de ribeira, entre carballos, ameneiros, muíños, hórreos, mesmo hai alvarizas, un batán, un castro e… fervenzas. O percorrido, circular, comeza en Ponte do Sisto. En Budián atopamos a primeira delas, co famoso banco (“aperta, enxebre, orballo, bico, quérote… Galiza fascina, o galego namora.”). A segunda fervenza é a do Pozo do Muíño ou de Parga. Disque aquí, nas noites de lúa chea, se escoitan os laios dunha moza chamando polo seu namorado. A derradeira é a Fervenza do Rabiñoso. Se na de Budián tiñamos onde sentar, nesta temos unha randeeira.

Sendeiro do Deza. Este camiño está entre os concellos de Silleda e Vila de Cruces, na comarca do Deza. Comeza na vila da Bandeira. A primeira parada é a famosa Fervenza do Toxa, moi vertical, cun salto de máis de 70 m. Pódese observar con calma desde miradoiros arriba e abaixo, Baixamos ao pé da fervenza e seguimos O Toxa até a desembocadura no Deza. Despois de cruzar o río e chegar a Portela, seguimos o camiño do río e atopamos a calzada medieval que vai pola Ponte do Demo e que conduce ao mosteiro de Carboeiro, fundado no século X, unha xoia do románico de transición.

Ruta da Fervenza e Miradoiro do Ézaro. Estamos en Santa Uxía de Ézaro, no concello de Dumbría, Costa da Morte. A ruta comeza cun percorrido polos muíños ao longo do curso do río Rosa, entre os que destaca o muíño reconstruído de Louredo. Cara á costa, vai polo paseo marítimo e a desembocadura do río Xallas, tamén chamado Ézaro que, xusto cando vai ao mar, faino cunha forte fervenza, de 40 m de altura.  Hai pasarelas por toda a zona para gozar cómodamente do fenómeno. De xuño a setembro, en datas sinaladas, podemos vivir as “noites máxicas”, coa fervenza chea de luz e cor.  Un desvío da ruta lévanos ao miradoiro, desde onde temos unha vista perfecta da vila,  do Pindo, da desembocadura do Xallas, das illas Lobeiras e do cabo Fisterra ao lonxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *