Árbores senlleiras

Desde 2001, Galicia ten un Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, esas que, autóctonas ou non, de propiedade pública ou privada, reúnen unhas características que as fan moi importantes. Este cargo honorífico fai que sexan protexidas especialmente e que se fomente o seu valor. E que, doutra banda, calquera proxecto que poida ameazar a súa saúde, teña que obter unha autorización especial da direción xeral de Patrimonio da Xunta. Desde 2007 engadíronse ao catálogo os chamados monumentos naturais ou formacións senlleiras (fragas, soutos…).

Para que unha árbore ou formación arbórea sexa incluída no catálogo, é preciso presentar unha candidatura, que se formaliza cubrindo un modelo de solicitude e adxuntando unha memoria xustificada. Entón, o Comité Galego das Árbores Senlleiras, encárgase de aceptala ou non, e de informar á administración antes de proceder á catalogación.

E, que criterio se segue para considerar unha árbore senlleira? Pois poden ser senlleiras por motivos dendrométricos, ou sexa, polas dimensións, como pode ser o caso do Avó de Chavín; por motivos biolóxicos ou ecolóxicos, en canto á súa rareza, como o Ombú do pazo de Ribadulla, por exemplo; por motivos culturais, como a “figueiriña” que prantou Rosalía, ou o Souto da Rubial de Uxío Novoneyra; ou pola súa beleza ou situación.

A día de hoxe, están catalogados 183 exemplares, entre os que hai 145 árbores e 38 formacións arbóreas de 81 especies diferentes. Os máis abundantes son os carballos e os castiñeiros.

Hai árbores senlleiras por toda Galicia: 55 na provincia da Coruña, 40 na de Lugo, 26 na de Ourense e 63 na de Pontevedra. Con todo, hai que ter en conta que as cifras van variando, con novas incorporacións e, ás veces, por desgraza, con baixas, moitas a consecuencia de temporais. 

Todas estas árbores son ben maduras. Entre as máis mozas, figura a secuoia vermella do pazo de Lourizán, duns 71 anos. A máis anciá do catálogo é a castiñeira de Ramil, en Triacastela, a pé do camiño de Santiago, que ten… oito séculos e medio! 

Pois, xa que están repartidas por toda Galicia, vamos achegarnos a algunhas delas en cada provincia. Por exemplo, na Coruña, no concello de Oleiros, podemos admirar o Piñeiro Insigne do Castelo de Santa Cruz. Está nos xardíns da illa, á que se accede a través dunha pasarela de madeira. Ten moito corpo, con 26,6 m de altura e un perímetro de copa de 23,5 m e é de entre 100 e 200 anos.

No concello de Vedra, áchase a Retícula de Oliveiras do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, duns 500 anos e case 15 m de alto, que non está mal. En 2015 ganou un premio á mellor oliveira monumental de España. Ás dúas beiras dun camiño, compoñen un túnel romántico moi belo.

Na provincia de Lugo, un clásico é o Avó do Eucaliptal de Chavín, en Viveiro, de entre 110 e 140 anos, que se atopa no Souto da Retorta, que á súa vez é formación senlleira. Durante moito tempo foi considerado o eucalipto máis alto de toda Europa. Ten case 60 m, aínda que vai a menos, pois anda un poco enfermo. O tronco, cunha base de 11 m de perímetro, aparece en moitas fotos abrazado por unha roda de persoas.

Outro exemplar peculiar é o Castiñeiro da Capela, en Baamonde, no concello de Begonte. Antes de existir a catalogación, o artista local Víctor Corral pechouse dentro do oco do seu tronco, onde labrou todo un santuario á virxe do Rosario, unha maneira imaxinativa de evitar a súa tala pola ampliación da estrada. O caso é que conseguiu o obxectivo, e hoxe aínda podemos gozar desta árbore de 500 anos. Agora, grazas á catalogación, non temos que chegar a estas medidas extremas.

En Ourense hai moitos castiñeiros senlleiros, un deles, o de Pumbariños, que forma parte do Souto de Rozabales, tamén monumento natural, en Manzaneda. É un dos exemplares da súa especie de maior tamaño, de 16 m de alto e uns 20 de diámetro. Botánselle cinco séculos como mínimo.

Cambiando de especie, o Teixedal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, amosa un conxunto de máis de 400 teixos, estas míticas árbores celtas, de entre 200 e 400 anos. 

A provincia de Pontevedra é a que conta con máis árbores senlleiras. En Vigo, por exemplo, no Pazo de Castrelos, érguese no medio do labirinto de buxo, apoiada en bastóns, a Matusalén das camelias, coñecida así pola súa idade e o seu porte. Ten máis de 8 m de altura e de 16 de diámetro de copa, e uns 200 anos.

En Quintela, no concello de Lalín, hai unha formación de castiñeiros considerados como os de mellor porte de Europa (FAO, 1954). Forman a Fraga de Catasós, pola que moito paseou Emilia Pardo Bazán. Teñen entre 225 e 250 anos, e destacan pola súa verticalidade. 

Estes son uns cantos exemplos das moitas árbores que tanto significan para Galicia. Esperamos que continúen connosco moito tempo e que o catálogo siga medrando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *