A Ruta da Camelia

A época de floración da camelia, de outono a primavera, especialmente entre xaneiro e marzo, fai que sexa a protagonista dos xardíns en inverno. Hai moito tempo que esta flor de orixe asiática atopou en Galicia un auténtico fogar. Tan ben se deu a planta nestes lares que se puxo de moda nos xardíns máis distinguidos, sobre todo na provincia de Pontevedra. Máis tarde, extenderíase o seu uso en parques, rúas… Xa dicía Cunqueiro que a camelia era «a flor das Rías Baixas e de Galicia enteira». 

A Ruta da Camelia é un percorrido por varios destes xardíns nos que atoparemos os mellores exemplares desta flor. Se vamos de norte a sur, empezamos con tres destinos na provincia da Coruña e o resto na de Pontevedra, que é onde máis hai. A camelia tamén se coñece como «a flor dos pazos», pois moitos dos xardíns están en pazos, algúns con moita historia e incluso con adega propia, polo que a visita vai máis aló da contemplación das flores. 

Non esquezamos que, como é lóxico, nos xardíns privados hai que concertar as citas con antelación. Vaiamos a ver camelias a estes sitios e seguro que repetimos:

Pazo de Mariñán, Bergondo. O pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental desde 1972. Din que no xardín, de deseño francés, se plantaron os primeiros eucaliptos de Europa. En 2021 obtivo a certificación Observer de Turismo científico na categoría de xardín histórico, destacando a singularidade do seu xardín de camelias. Estas, presentes no xardín da capela, na terraza da avenida residencial e no embarcadoiro, están curiosamente dispostas en grupos circulares de oito arredor dunha camelia central.

Alameda, Santiago de Compostela. Ten 66 exemplares de Camellia japonica. Algunhas aliñacións de camelias, como a do Paseo da Ferradura, teñen máis dun século, pois foran plantadas para a Exposición Agrícola, industrial e artística de 1858. 

Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, Vedra. Posúe un auténtico bosque de camelias, feito a sí mesmo, entre cascadas, fontes e magnolios. As máis antigas están dispostas no paseo principal. A colección aumentou co paso do tempo e agora ofrece máis de 200 variedades. Entre elas, figura un exemplar de Camellia japonica cun tronco de 1,90 m de circunferencia. Desde 2020 é Xardín de excelencia da International Camellia Society.

Pazo de Oca, A Estrada. Destacan as variedades japonica, wabisuke e reticulata. A máis curiosa é un antigo exemplar de reticulata, de 12 m de altura, recollido no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Ademais conta cun seto de camelias de 300 m e un labirinto. 

Casa-Museo de Rosalía de Castro, Padrón. As camelias máis peculiares do xardín son a camelia vella á beira da figueira monumental e outra híbrida (de reticulata e japonica) que foi plantada no 1968 e leva o nome da escritora. É de orixe portuguesa e ten amplo período de floración (novembro-abril).

Pazo de Rubiáns, Vilagarcía de Arousa. Polo visto, as primeiras camelias chegaron á comarca do Salnés como agasallo do duque de Caminha aos señores do pazo, en 1830. O xardín de camelias consta de máis de 4.500 exemplares. No pazo tamén hai actividade vitivinícola, e cosmética natural a base de camelia. Ademais de visitas guiadas, organízanse eventos e degustacións. Xardín de excelencia da International Camellia Society desde 2014. 

Pazo de Quinteiro da Cruz, Ribadumia. Ten máis de 5.000 exemplares de máis de 2.000 variedades de 72 especies. Tamén se adica ao albariño, a produtos de cosmética baseados na camelia, e ao té verde, que tamén se fai con follas e brotes de camelia (Camellia sinensis). Así que tamén podemos optar a degustacións e variadas experiencias. Xardín de excelencia da International Camellia Society desde 2018.

Pazo da Saleta, Meis. No xardín, as camelias están dispostas ao wild garden (ao bruto, ao estilo inglés). O xardín foi creado en 1968 polos donos do pazo daquela, Robert e Margaret Gimsom que, ademais de adicarse á plantación de especies autóctonas, introduciron auténticas rarezas de moi lonxe, e por suposto, camelias. Contan con máis de 300 exemplares pertencentes a 30 especies, máis de 200 cultivares e sobre 50 híbridas. Co tema da camelia desenvólvense diversas actividades, como certames de poesía. Xardín de excelencia da International Camellia Society desde 2018.

Pazo de Lourizán, Pontevedra. Actualmente aquí ubícase a sede do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Ademais do xardín botánico é de destacar a arquitectura do pazo, de Jenaro de la Fuente. Nos xardíns, de estilo romántico, hai máis de 150 exemplares de camellia japonica, a maioría de variedades clásicas anteriores a 1950. Entre elas, un curioso exemplar de 20 m de altura.

Pazo de Soutomaior, Soutomaior. Os xardíns contan con 18 camelias centenarias. A protagonista é un exemplar cunha copa de 15 m de diámetro. Pouco a pouco foise engrosando a colección de camelias, procedentes de moitas partes do mundo, e agora son 400 exemplares. Este xardín foi o primeiro en España en obter o certificado de Xardín de excelencia da International Camellia Society, en 2012, e o certificado de Xardín histórico Observer, no 2020. 

Parque do Castro, Vigo. En Vigo, a camelia ten moita presenza, por exemplo na longa rúa Camelias. O parque urbano do Castro xa contaba con exemplares mais, en 2014, despois do 50 Concurso e Exposición Internacional da Camelia, celebrado na cidade, plantáronse moitos máis, organizados nunha «ruta conmemorativa por países». Ademais, inaugurouse unha variedade 100% viguesa: a camelia olívica, enfronte do parque, no arranque da rúa Camelias.

Pazo Quiñones de León, Vigo. A camelia máis singular do xardín é a traída polo marqués de Alcedo en 1860. Viña de viveiros portugueses e daquela xa tiña 50 anos. En 1960, o paisaxista Hubert B. Owens falou dela coma a «matusalén» das camelias, pola súa idade e o seu porte, e ficoulle o nome. A Matusalén está incluída no catálogo de Árbores senlleiras de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *