A  Morena de Chaguazoso e a pegada glaciar nas montañas de Vilariño de Conso

Lonxe queda o tempo no que o xeo cubría boa parte de Galicia e no que os icebergs chegaron a flotar nas augas das súas rías. Diversas investigacións calculan que foi hai máis de 10.000 anos cando se deixaron de ver nas nosas montañas uns glaciares que ocupaban máis de medio centenar de quilómetros cadrados alcanzando un grosor máximo de 300 metros, pero nas inmediacións dalgunhas cimas e nos vales que se abren aos seus pés aínda son visibles os vestixios daquela época remota e fría.

 

Algúns dos exemplos máis sobresalientes podémolos atopar nas terras ourensás de Vilariño de Conso, un municipio situado entre os montes do Parque Natural do Invernadeiro e a Serra de Queixa, cuxo cumio máis coñecido é a veciña cima de Cabeza de Manzaneda. 

 

Alí atópase o val glaciar do Cenza, considerado como un dos espazos desta índole máis importantes de Europa aínda que na actualidade se atopa en gran parte baixo as augas do encoro construído hai un cuarto de século. O que si podemos ver con claridade é unha formación xeolóxica próxima que nos permite constatar a existencia en tempos de glaciares na zona e comprobar os efectos que esas imparables forzas da natureza tiveron sobre a paisaxe. A Morena de Chaguazoso, situada nas terras da parroquia de Vilariño de Conso da que toma o seu nome, impresiona a todo aquel que a contempla ata o punto de erixirse nun dos paisaxes glaciares máis coñecidos de toda a comunidade. 

 

Os habitantes da aldea Chaguazoso presumen de ser os veciños da provincia de Ourense que viven a maior altitude e de ter ao seu alcance algúns espazos naturais de gran valor. É o caso da Ola do Cenza, unha fervenza que con máis de centenar de metros de caída vertical postúlase como a máis alta de Galicia, e dun lugar de visita obrigada para os amantes da xeoloxía. Non moi lonxe da aldea, nunha zona na que se segue practicando o pastoreo, atopámonos cun espazo lixeiramente elevado e sementado de bolos graníticos: a Morena de Chaguazoso. Esa elevación e as enormes pedras que nela se poden ver espalladas entre a vexetación que dá sustento ao gando non son máis que o froito da erosión ocasionada polo glaciar e do seu posterior depósito sobre o terreo cando o xeo comezou a retroceder ata desaparecer por completo. O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní apuntou que a súa antigüidade se remonta polo menos a hai 21.000 anos e que algunhas das características que as diferencian doutros restos glaciares da zona, como a súa altura, permiten concluír que estes fenómenos se produciron en distintas fases.

 

Entre eses bolos graníticos escóndese aínda a resposta a cando e como se formaron con exactitude, pero o seu tamaño e a área pola que están diseminados permite imaxinar e deixarse marabillar coas dimensións e a forza dunha marabilla xeolóxica que nos abre unha porta a un pasado xeado e afastado.

 

 

 

 

4 comentarios en «A  Morena de Chaguazoso e a pegada glaciar nas montañas de Vilariño de Conso»

  • 20 Decembro, 2020 ás 13:43
    Permalink

    Por favor, corrixide:
    Morrena de Chaguazoso non Morena.
    Grazas.

    Resposta
    • 18 Xaneiro, 2021 ás 10:45
      Permalink

      A acepción correcta en galego é Morena, Morrena é en castelán. Un saúdo.

      Resposta
  • 7 Xaneiro, 2021 ás 9:09
    Permalink

    Morrena non morena.Supoño que sería o corrector pero……..

    Resposta
    • 18 Xaneiro, 2021 ás 10:45
      Permalink

      A acepción correcta en galego é Morena, Morrena é en castelán. Un saúdo.

      Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *