Rechiario, primeiro rei suevo de Galicia; o conquistador Almanzor, unha pequena pastora e os soldados do corsario Drake son algúns dos protagonistas da historia do santuario da nosa Señora da Pastoriza, un lugar de culto e peregrinación situado en Arteixo, pero cuxa pegada transcendeu os límites dese municipio coruñés para atraer a atención de fieis, curiosos e estudosos doutros moitos puntos de Galicia.
O aspecto actual do templo débese ás obras acometidas no século XVII baixo o influxo do barroco predominante na época, aínda que a súa arquitectura orixinal correspondería ao románico de comezos do milenio pasado. E de ser certa a lenda, a primeira construción sería aínda máis antiga, xa que as súas orixes habería que buscalas no ecuador do primeiro milenio, época na que Rechiairio ascendeu ao trono de Gallaecia tras a morte do seu pai, o rei Rechila. Así o relata a ilustre escritora Emilia Pardo Bazán en “A lenda da Pastoriza”, texto que escribiu tras unha visita ao lugar realizada en xuño de 1887.
A autora de “Os pazos de Ulloa” explica que Rechiario, tras a súa conversión ao cristianismo, converteuse en posuidor da “primitiva imaxe que hoxe, despois de sufrir importantes modificacións, séguese venerando baixo a advocación da nosa Señora da Pastoriza”. E conta tamén que foi ese mesmo monarca quen construíu a primeira ermida na zona, hipótese que defende con argumentos como o feito de que unha da parroquias anexas á Pastoriza leve o nome de Suevos, o que confirmaría o vínculo desa área co monarca.
A destrución da ermida orixinal tería lugar cinco séculos máis tarde, a finais do primeiro milenio, durante outro episodio tamén narrado por Pardo Bazán: a incursión que o caudillo musulmán Almanzor levou a cabo por Galicia no ano 997. O relato tradicional daquel suceso conta que Almanzor arrasou a cidade de Santiago de Compostela, respectando unicamente o sepulcro do Apóstolo e levándose a Córdoba as campás do templo prerrománico. Pero a historia recollida pola escritora apunta que a ermida arteixá tamén sufriu o ataque das hostes de Almanzor, resultando completamente destruída. Mellor sorte correu a imaxe da Virxe, debido a que sería escondida nun lugar próximo ao templo pouco antes da chegada dos invasores. O Berce da Virxe é o nome que recibe hoxe esa paraxe e é aí onde se desenvolve outro dos episodios cruciais da historia/lenda da Pastoriza.
A escultura que se alza na actualidade sobre a rocha situada, monte arriba, a un par de centenares de metros do santuario, non fai senón conmemorar a aparición un par de séculos máis tarde da imaxe escondida durante o ataque de Almanzor. Do mesmo xeito que ocorre noutros relatos milagrosos da tradición cristiá, foi unha nena que estaba pastoreando ovellas a responsable do achado tras ver unhas estrañas luces sobre o lugar. Tras avisar aos veciños e levantar unhas pedras apareceu a imaxe. Iso é, polo menos, o que conta a lenda. Con todo o feito de que ese lugar fose aparentemente escenario de antigos cultos druídicos pode indicar que do mesmo xeito que ocorreu con outras paraxes similares, o relato tivese tamén como obxectivo cristianizalo e borrar as connotacións pagás anteriores. Alí sitúase, así mesmo, a Cadeira do Rei, unha pedra similar a un asento que, segundo outra lenda arteixá, foi mandada colocar por Rechiario para poder contemplar parte das súas posesións.
Sexa como for, o descubrimento da imaxe e a construción dun novo templo destinado a albergala puxeron os cimentos dunha devoción que se foi acrecentando co pasar dos séculos e sentaron as bases da fama dun lugar que aínda sería escenario doutro suceso situado a medio camiño entre a lenda e a historia. Do mesmo xeito que ocorreu con Almanzor, o santuario arteixán volveu sufrir a finais do século XVI os danos colaterais do ataque a outra cidade galega. Neste caso foi unha frota inglesa liderada polo corsario Francis Drake a que en 1589 atacou A Coruña. O intento de invasión concluíu coa derrota dos ingleses despois de dúas semanas de sanguentos combates, pero antes de abandonar a zona algúns soldados terían tempo de desprazarse ata Arteixo en busca dalgún botín. Neste caso, a lenda recollida por Pardo Bazán conta que os ingleses sacaron a imaxe da Virxe da igrexa e trataron de esnaquizala propinándolle un machadazo e rompéndoa en varios anacos, pero milagrosamente estes volvéronse unir, o que propiciou que os invasores fuxisen sen causar máis danos no lugar.
Hoxe en día, tanto o templo que garda esa imaxe como o Berce da Virxe son o motivo que leva aos romeus a acudir ata Arteixo en masa especialmente coincidindo coa celebración de San Miguel, cada 29 de setembro. Un carreiro une ambos os lugares para que os visitantes que acoden ao templo para venerar a imaxe antiga poidan achegarse ata a escultura situada no Berce da Virxe, cumprir co rito de dar tres voltas ao seu ao redor antes de bicala e lembrar todos os sucesos que, segundo esta historia chea de lendas, alí tiveron lugar.