Tras os pasos do poeta do mar

O 12 de xullo do ano 1900 nacía en Rianxo un dos poetas máis importantes das letras galegas. Pouco máis dun centenar de poemas bastaron a Manuel Antonio para converterse nun referente das vangardas literarias en Galicia. A súa prematura morte, con só 29 anos por mor da tuberculose, privounos dun legado maior, pero non impediu que a súa figura alcanzase un recoñecemento unánime e que o autor, aclamado como o poeta do mar, fose homenaxeado en 1979 co Día das Letras  Galegas. En Rianxo, berce tamén doutros ilustres intelectuais como Castelao e Rafael Dieste, o seu recordo segue moi vivo, como tamén o fai no corazón da ría de Arousa e na cidade de Vigo.   

 

 

A vila depositaria do seu legado

Rianxo

Este ano fíxose unha década da inauguración de Casa Museo Manuel Antonio en Rianxo. Como lembra a placa colocada na fachada deste inmoble situado na Rúa de  Abaixo, foi alí onde Manuel Antonio naceu no 1900, onde viviu ata cumprir os dous anos e onde pasou diversas tempadas ata o seu falecemento en 1930. Fotografías antigas da localidade transportan ao visitante ata o Rianxo da infancia e mocidade de Manuel Antonio e ábrenlle as portas ao ambiente no que se desenvolveu a súa vida e a súa obra. Todo tipo de obxectos que o poeta foi gardando xa desde a súa infancia, textos, cartas e outros materiais diversos, así como contidos audiovisuais permiten un achegamento ao autor de “De catro a catro”.

 

Pero non é a Casa Museo o único lugar co que a localidade de Rianxo quixo lembrar e homenaxear a Manuel Antonio. O poeta dá nome ao paseo que acompaña a fachada marítima da vila e o seu busto está presente no xardín anexo. A escultura, obra do artista Ramón Conde, foi colocada hai agora 21 anos, no centenario do nacemento de Manuel Antonio e durante aquela mesma xornada o concello procedeu a declaralo fillo predilecto da localidade.

 

Outra placa conmemorativa lémbrao tamén no cemiterio municipal rianxeiro, xunto á lápida que sinala a tumba na que os restos do insigne poeta descansan xunto cos do seu pai, falecido tamén de forma prematura por mor da tuberculose cando Manuel Antonio tiña só 4 anos.

 

 

O espertar do compromiso

Vigo

A cidade de Vigo xogou un papel crucial na vida e a obra de Manuel Antonio. A ela mudouse en 1919 para estudar náutica e alí foi onde se fixo máis patente a súa aposta polas vangardas literarias e o seu compromiso político tras entrar en contacto cos principais representantes do galeguismo da época. “Vigo está tan lonxe / que se  desorientan as cartas mariñas” escribiu en “Lecer”, un dos poemas da súa obra “De  catro a  catro”, tal como recolle a placa colocada na fachada do edificio do paseo Alfonso XII onde Manuel Antonio viviu ata o ano 1923. Desde alí podía divisar unha ampla panorámica da cidade e a ría que talvez lle serviu de fonte de inspiración para algúns versos. Ademais, o poeta rianxeiro dá nome a un dos centros educativos da cidade de Vigo: o Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio, herdeiro da antiga Universidade Laboral de Vigo fundada en 1976. 

 

 

Unha homenaxe longamente esperada 

Illa Malveira Grande (Vilagarcía de Arousa)

En 1935, con motivo do quinto aniversario da morte de Manuel Antonio, un grupo de intelectuais propuxeron desde Vilagarcía de Arousa levantar un monólito en recordo do poeta. A súa proposta contou co apoio de destacadas personalidades como Castelao e Filgueira Valverde, aínda que non se chegou a materializar. Oitenta anos despois, o proxecto foi retomado e materializado nun lugar cheo de simbolismo. “Manuel Antonio. Poeta do Mar, 1900-1930. Vilagarcía, 1935. Rianxo, 2015” pódese ler no pequeno monólito colocado na Illa  Malveira Grande, no arquipélago de Cortegada, un pequeno pedazo de terra bañado polo mar que inspirou os versos de Manuel Antonio. A característica estrela co que o poema adornou algúns dos seus cadernos preside esta peza situada do corazón da Ría de Arousa. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *