Tipos de hórreos segundo a zona

O hórreo é un tipo de construción popular para almacenar o millo ou outros produtos agrícolas. Está formado por unha cámara de madeira ou pedra, con ocos de ventilación nas paredes para evitar humidades, que se eleva nunha base xeralmente de columnas para estar fóra do alcance dos animais. Os hórreos son típicos do noroeste da península. Diferénciase tres grandes grupos: o galego-portugués (Galicia e norte de Portugal), o astur-leonés (Asturias, León e Palencia) e o pirenaico-montañés (Cantabria, Euskadi e Navarra). 

En Galicia, ademais de ser onde máis abundan, é o lugar onde hai máis variantes en canto ao nome: máis de trinta denominacións distintas segundo formas, materiais ou zonas. Para empezar, en canto á forma, poden ser: de planta redonda, ou cabaceiro; de planta rectangular, ou cabazo; e de planta cadrada, ou asturiano. En canto aos materiais, diferenciamos: de varas entrelazadas; de madeira; de pedra; mixtos; e de albanelaría.

En canto a zona, a variedade de hórreos ven determinada máis que nada polo clima. Onde máis hai é nas provincias da Coruña e Pontevedra. Nas zonas máis montañosas do interior non hai, xa que non fan falla. As maiores variedades de nome danse na costa. Os máis habituais son: cabozo no Cantábrico; hórreo no arco Ártabro; cabazo en Fisterra; cabaceira na zona de Carnota a Muros; piorno, palleira, canastro, caustra, canizo, na costa de Pontevedra ata o Miño; paneira no Morrazo.

E o mesmo que hai moitos nomes, hai moitos estilos. Estes non corresponden a unha estrita limitación xeográfica. Seguindo a clasificación feita por Ignacio Martínez Rodríguez, podemos agrupar varios estilos de características semellantes:

Tipos primitivos ou de corres. Son os de varas entrelazadas, como un cesto tronco-cónico con teito de palla. Xeralmente úsase como hórreo auxiliar. Atopámolo principalmente nas vertentes das serras de Faro e Farelo, entre o Ulla e o Miño.

Tipos de madeira. Con cámara rectangular de madeira.

  • tipo mariñán (nas cuncas do Bercés, Mero, Mandeo e Mendo). Pequeno, con cámara estreita e alta e cepas (soportes do ancho do hórreo) de cachotería. Teito de tella a dúas augas.
  • tipo palleira ou piorno (polo Ulla, Limia, provincia de Pontevedra e parte de Ourense e Lugo). Pequeno, de cámara máis ancha e baixa. Esteos (columnas) de pedra e teito de tella adúas augas con moito beiril.
  • tipo Salnés (entre o Umia e o Lérez, desde Caldas de Reis ata Meaño). Cámara máis baixa, ancha e longa, sobre cepas de cachotería. Teito de tella a dúas augas.
  • tipo bergantiñan (comarca de Bergantiños). Cámara ancha, curta e alta. Cepas de cachotería e teito de tella adúas augas.

Tipos de pedra. Con cámara de pedra.

  • tipo Ribadeo (na costa entre Viveiro, collendo Lourenzá e Vegadeo). Ancho e moi alto. Con dous ou tres andares segundo a función. Descansa sobre un celeiro igual ou maior que a cámara.Paredes de cachotería de xisto. Teito de xisto a catro augas. Escaleira de fábrica.
  • tipo de San Pedro de Visma (A Coruña, Arteixo, Laracha). Ancho, baixo, grande. Teito a tella a dúas augas.
  • tipo de Coristanco (zona de Ponteceso e Carballoa, ás beiras do río Anllóns). Sobre celeiro de cachotería. Teito de tella curva a dúas augas.
  • tipo de Fisterra (zona que une Ponteceso con Santa Comba e Carnota). Estreito e alto. Esteos moi altos sobre zócalo de cachotería. Teito de tella curva a dúas augas.
  • tipo de Noia (zona do Xallas e o Ulla). Estreito e longo, sobre esteos baixos de pedra. Teito de tella curva a dúas augas.
  • tipo do Morrazo (zona costeira entre o Miño e O Salnés). Estreito e longo. Anchura variable. Suspensión baixa. Teito de tella curva a dúas augas.

Tipos mixtos

  • tipo Carral (entre Carral e Sigüeiro). Cámara ancha, sobre cepas grosas e altas de cachotería. Teito de tella a dúas augas.
  • tipo de Carballo (coincide coa zona do bergantiñán). Cámara moi alta e ancha, sobre penais de pedra de cachote revocada e branqueada.
  • tipo de Mondoñedo (zona cantábrica de Ortigueira a Asturias, e no interior ata Mondoñedo). Semellante ao de Carral, mais con cuberta a catro augas e dúas cepas de cachotería revocadas e branqueadas.
  • tipo Mahía (zona de Santa Comba, Ordes, Palas de Reis, río Ulla, Deza, Silleda, Caldas de Reis, Catoira, Rianxo, Negreira). Estreito e longo, de suspensión baixa, sobre cepas de perpiaño. Teito de tella a dúas augas.
  • tipo Pontevedra (Catoira, A Estrada, Os Peares, Baños de Molgas, Limia ata o Lindoso portugués). Estreito e longo. Suspensión baixa sobre grosos esteos cuadrangulares. Tellado de tella a dúas augas.
  • tipo O Pino (entre o Tambre e o Ulla) Moi ancho e curto. Suspensión alta. Teito de tella a dúas ou tres augas.

Tipos especiais

  • tipo Cabanas (zona Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e o val do Eume ata Pontedeume). Cámara máis baixa e ancha que o mariñán. Suspensión baixa. Teito de xisto a catro augas.
  • tipo Vilalba (zona Serra da Cova da Serpe, Serra da Loba, río Eume, río Miño). Cámara pequena moi estreita e alta, sobre dúas cepas ou cepa maciza. Teito de xisto a dúas augas.
  • tipo Tui (zona da beira dereita do Miño ata Tui) Cámara ancha. Suspensión baixa sobre grosos esteos cadrados. Paredes de dovelas horizontais. Teito de tella curva a dúas augas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *