Principais órganos en Galicia

O órgano introducíuse na igrexa no século XIV, convertíndose no instrumento litúrxico por excelencia. Se mesturamos a acústica dos templos coa música que sae dos tubos dun órgano, entendemos por que había tantos e eran tan importantes. Mais, co paso do tempo, foron abandonándose. A falta de demanda fixo que cada vez houbese menos organistas e organeiros, co que os instrumentos que quedaban en pé, desatendidos, empezaron a calar.

En Galicia tivemos un pasado organístico esplendoroso, do que so conservamos uns cen órganos, e a maioría mudos. Desde que empezaron a catalogarse e a revalorizarse como parte importante do noso patrimonio histórico musical, sabemos máis sobre eles e, por sorte, algúns van recuperando a súa voz.

Aínda que xa había órganos desde a Idade Media, os máis antigos que se conservan son do século XVIII. Ata mediados do XIX, construíronse órganos nas catedrais, nas colexiatas, nos grandes mosteiros do rural, nos das vilas, nalgunhas parroquias en vilas de certa importancia, principalmente na costa, e nalgúns santuarios de renome. A finais do XIX e no século XX tamén se fixeron para as igrexas parroquiais das cidades máis prósperas (A Coruña, Vigo, Ourense…). Fóra do ámbito relixioso, A Coruña conta co único órgano de Galicia nun auditorio, na Fundación Barrié de la Maza; Vigo, co único órgano de cine, o do antigo cine Fraga e, Ourense, co único órgano de tubos de estudo, no conservatorio.

A catedral de Santiago foi un gran centro de organeiros e organistas do noroeste peninsular (tamén se traballaba para Portugal, Asturias e parte de Castela e León). Case todos os organistas de Galicia formábanse unha tempada na catedral. Nela, só fican as caixas de dous órganos xemelgos enfrontados (os primeiros deste tipo que se coñecen) de principios do século XVIII, construídos polo organeiro Manuel de la Viña, e refeitos en 1977.

Compostela é a cidade de Galicia con máis concentración de órganos: 17 (no convento de San Francisco, no mosteiro de San Martiño Pinario, no convento de Santa Clara, no convento de Belvís, ou na igrexa das Ánimas, por exemplo). Un dos máis importantes que se conservan no seu estado orixinal é o da igrexa de San Paio de Antealtares, construído polo organeiro compostelán Alberto de la Peña en 1782 e tocado a diario.

Nas vilas próximas a Santiago tamén había órganos nas colexiatas. O órgano barroco da ex-colexiata de Iria-Flavia, hoxe Igrexa de Santa María a Maior, feito en 1780, é un dos máis importantes de Galicia, e foi restaurado hai pouco.

Na catedral de Lugo consérvanse dous órganos con caixas diferentes. O máis antigo data do século XVIII. Celebran festivais internacionais de órgano todos os anos. 

A catedral de Mondoñedo conta con dous magníficos órganos de principios do XVIII. Na súa área de influencia, atopamos dous dos mellores órganos históricos de Galicia: os da igrexa de San Salvador de Vilanova de Lourenzá, construídos entre 1762 e 1765. Son obra do organeiro compostelán Alberto de la Peña (o de San Paio de Antealtares). Son xemelgos, aínda que un ten menos rexistros co outro. Malia estar moi deteriorados polo paso do tempo, conservan gran parte do seu material orixinal, o que fai que teñan un valor único. 

A catedral de Tui tamén ten dous órganos en caixas xemelgas, aínda que so hai un operativo. As caixas son de principios do XVIII e un deles foi reconstruído recentemente. A catedral ofrece unha variada programación musical todo o ano.

A provincia de Ourense é a que máis órganos ten de toda Galicia (22). A catedral albergou un órgano do século XVIII do famoso organeiro de Xeve Frei Simón Fontanes, mais o que se conserva é do século XX. Ten outro barroco, máis cativo, e reformado.

Outro órgano importante de Ourense é o do mosteiro de San Salvador de Celanova, construído por Frei Felipe de la Peña no século XVIII que, tras diversas intervencións fallidas, foi reconstruído no século XXI. 

A Colexiata de Santa María a Real, en Xunqueira de Ambía, presume de posuír o único órgano ibérico de España conservado con todas as pezas orixinais. Foi construído por Manuel González Maldonado en 1763 e restaurado no século XX. Desde 1989 celebran durante o verán os Ciclos de Órgano e Música Antiga. 

Coñecer o noso patrimonio organístico fai que o valoremos. E non so os obxectos en sí, como reliquias, pois hai que lembrar que, ante todo, os órganos son instrumentos, e a mellor forma de conservar un instrumento é tocalo.

Neste sentido, foi fundamental a creación da praza de docencia de órgano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense (a única en toda Galicia). Desde 2004, alí fórmase a nosa canteira de organistas. E, o mesmo que antigamente os órganos demandaban profesionais que os tocasen, agora son estes os que demandan órganos e espazos axeitados para tocar.

Isto tamén crea un público, que vai medrando. Cada vez hai máis festivais de música de órgano, ciclos, concertos, encontros noutros países… Tamén fanse roteiros didácticos e musicais visitando os órganos dos mosteiros, un xeito de dinamizar o turismo sostible en pequenas vilas que tiveron un memorable pasado musical.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *