Os primeiros afiadores

Hoxe en día é raro escoitar o chiflo (pequena frauta feita de canas), e o seu consecutivo berro tradicional de “ Aaaaafiadooooooor!. Pero cando ese momento máxico sucede, a nostalxia apodérase da mente dos galegos que contemplaron esta combinación de profesión e modo de vida como un elemento máis das nosas tradicións. 

E é que Galicia foi berce de afiadores, máis concretamente o municipio de Nogueira de Ramuín, de onde, din, partiron os primeiros coas súas  tarazanas. Tratábase de rodas enormes, case como as dunha carreta, que ían protexidas por un  armazón de madeira e unha gran correa, e que o afiador ía empuxando mentres facía camiño.

 

Antes de que aparecese este característico dispositivo, os afiadores levaban os seus utensilios de traballo ás costas ou cargados nun animal. Pero ao redor do ano 1860 un afiador inglés deixou a súa roda para arranxar en Liñares, en Nogueira de Ramuín. Foi entón cando xurdiu a idea de mellorar a roda que traía consigo aquel home, así que decidiron facer unha maqueta e mellorala, conseguindo que se puidese levar sobre a propia roda e xa non houbese que cargar con ela. A madeira de nogueira, máis lixeira pero tamén máis resistente ante as inclemencias do tempo, foi o material escollido para a nosa tarazana.

 

A partir de aí a profesión foise estendendo. Os afiadores ourensáns viaxaron por Galicia adiante e cruzaron fronteiras para gañarse a vida. Subiron as súas tarazanas aos barcos que cruzaban o charco cara ás Américas e alí diversificaron o seu traballo: xa non só afiaban coitelos, empezaron tamén a arranxar paraugas, potas, todo con tal de facer crecer as súas fontes de ingresos para labrarse un futuro mellor e poder volver a Galicia. 

 

Con vocación de vagabundos solitarios foron creadores dunha linguaxe nunca compartida co resto dos mortais. E é que eles tiñan un idioma propio: o  barallete. Era tal a riqueza léxica desta forma de comunicación que podían manter longas conversas entre eles sen que ninguén os entendese. Din que ese foi o principal motivo polo que xurdiu esta linguaxe tan especial. Unha linguaxe que chegou aos 5 continentes e que supuxo moito máis que un modo de comunicarse, converteuse tamén nunha maneira de non perder as raíces da nosa cultura.

A día de hoxe moitas palabras do  barallete séguense usando entre a xente das aldeas, “aínda que xa nexo vexas arreadores animen maquinando pola  callumeira e arromanando barallete”. Non entendiches nada? Pois este é un exemplo do tipo de frases que usaban entre eles que viría a dicir algo como “aínda que xa non vexas afiadores aquí camiñando pola rúa e falando  barallete”. Non era tan difícil, non?

Pois se queres saber máis sobre esta profesión, que foi sustento de moitas familias e unha importante fonte de ingresos na zona de Nogueira de Ramuín, e o seu idioma propio, só tes que achegarche ata a súa capital,  Luintra, onde aínda te poderás atopar con habitantes que coñecen o  barallete, e onde se sobrevive, ademais, o último taller artesán de rodas de afiar de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará