O Couto Mixto, a pequena república que sobreviviu sete séculos no sur de Ourense

A fronteira entre Galicia e Portugal é un terreo fértil para a historia e as lendas. A memoria de antigas batallas e os relatos dos tempos do contrabando intercálanse nun espazo no que as fronteiras trazadas sobre o mapa se dilúen cando se trasladan ao espazo físico. Sábeno ben os habitantes de ambos os lados, precursores dos procesos posteriores de entendemento e eliminación de barreiras. No sur da provincia de Ourense atopámonos ademais cun territorio que presume dunha historia propia e diferenciada que lle permitiu vivir durante varios séculos á marxe de España e Portugal. Falamos do Couto Mixto.

 

Tres pobos pertencentes na actualidade a dous municipios ourensáns (Santiago e  Rubiás, de Calvos de Randín, e Meaus, de Baltar) foron os eixos dun curioso modelo de organización político e territorial cuxos orixes se remontan ao século XII, canda o proceso de independencia de Portugal. O xurdimento do estado veciño, e con el dunha nova fronteira, e a dificultade para ordenar ese límite de máis de 1.200 quilómetros de lonxitude coñecido como A Raia permitiu que a pequena área comprendida por eses tres pobos se constituíse nun espazo non suxeito aos designios de España nin de Portugal, e que sobreviviu ata a segunda metade do século  XIX. 

 

Constituído nunha especie de república federal, os habitantes do Couto Mixto elixían a un xuíz ou alcalde por un período de tres anos e este á súa vez designaba a un representante (home de acordo) de cada un dos tres pobos que integraban o territorio. Os veciños podían decidir se querían ter nacionalidade española, portuguesa ou renunciar a ambas e gozaban de dispensa do servizo militar, dereito de asilo salvo en caso de delitos de sangue, e outras particularidades que converteron a zona nun territorio propenso ao comercio. Unha ruta coñecida como Camiño Privilexiado conectaba os tres pobos do Couto Mixto coa veciña localidade portuguesa de Tourém.

 

O seu escaso tamaño e a súa exigua poboación (apenas 27 quilómetros cadrados e un milleiro de persoas) e a pobreza do lugar propiciou que as autoridades de España e Portugal prestasen pouca atención ao Couto Mixto durante séculos. O seu modelo de organización sobreviviu así ata que en tempos do reinado de Isabel II iniciouse unha disputa entre os dous países para acabar con esta anomalía territorial. As negociacións frutificaron no Tratado de Lisboa coa decisión de incluír o Couto Mixto no reino de España privándoo así da súa soberanía.

 

Pero o recordo daquela singular república segue vivo na zona grazas aos esforzos de recuperación emprendidos a finais do século pasado. O atrio da igrexa de Santiago de  Rubiás (Calvos de Randín), o mesmo escenario onde se reunían veciños e autoridades para debater e decidir sobre os asuntos de importancia para o Couto Mixto, acolle desde o ano 2008 unha estatua que homenaxea a todos os xuíces que presidiron aquela pequena república personalizándoos no último de todos eles, o xuíz Delfín Modesto Brandón. A peza foi inaugurada coincidindo co 150 aniversario da abolición do Couto Mixto.

 

Desde entón os veciños recuperaron a modo simbólico a figura dos tres homes de acordo e todos os anos, chegado o mes de xullo, ese mesmo atrio é escenario dun acto conmemorativo no que son nomeados como xuíces honorarios diferentes personalidades. Ademais, a igrexa de Santiago custodia unha réplica da arca na que se gardaban os documentos relativos a todas as decisións adoptadas polo xuíz e os homes de acordo. Cada un destes últimos gardaba unha das tres chaves que eran precisas para abrir a arca, algo que se realizaba con gran solemnidade.

 

A antiga casa reitoral próxima á igrexa acolle na actualidade unha instalación que nos permite coñecer un pouco mellor a historia do lugar e que nos abre as portas ao outro gran punto de interese da zona, un espazo no que as fronteiras entre Galicia e Portugal tamén se dilúen. Trátase do Centro de Interpretación do Couto Mixto tamén coñecido como a Porta de Calvos de Randín ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, espazo natural transfronteirizo que no ano 2009 foi declarado Reserva da Biosfera pola Unesco.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará