O Cable Inglés e o pasado telegráfico de Vigo

Este (“O Cable Inglés”) é o nome popular que levou á Eastern Telegraph Company, empresa que, desde 1873 e até 1969 conectou Vigo con Inglaterra e o mundo mediante cable submarino telegráfico. O feito de que O Cable Inglés escollese Vigo como lugar para asentarse marcou a historia da cidade, que se converteu nun centro de comunicacións vital para a xestión do extensísimo imperio colonial británico. Máis tarde estableceríase tamén na cidade o homónimo xermano da Eastern Telegraph: “O Cable Alemán” (que contaba cunha rede moita máis pequena cá da competencia). Voltando ao tema: as oficinas do Cable Inglés tiveron enderezo nas rúas Real, do Príncipe, Velázquez Moreno, e por último, na Praza de Compostela. 

A empresa que fixo isto todo posible, a Eastern Telegraph Company, foi fundada no ano de 1872 polo magnate escocés John Pender co obxectivo de comunicar Inglaterra (dende Porthcurno, en Cornualles) con América do Sur, África, Asia e Oceanía. Vigo foi escollido para ser o punto máis próximo á metrópole da maioría das liñas da compañía británica, de maneira que todos os cablegramas que chegaban a Londres seguindo esa rede mundial levaban o encabezado de “VIA-VIGO”, ou VIA-VIGO-algo máis (VIA-VIGO-LISBOA, VIA-VIGO-MALTA-BOMBAY. . .).

A primeira liña telegráfica submarina de Galicia uniu a cidade coa veciña illa de San Simón no ano de 1863, dez anos antes de que se tendesen os cables ingleses Vigo-Porthcurno e Vigo-Carcavelos (Portugal). Isto fixo de Vigo o primeiro porto español con comunicacións telegráficas internacionais. A finais de século, en 1896, instalábase na cidade o Cable Alemán, nome popular da Deutsche Atlantische Telegraphengesellschaft. Esta compañía non tiña unha rede de tanta calidade como a inglesa, pero a súa chegada a Vigo consolidou o interese estratéxico da cidade como centro de comunicacións a nivel mundial. 

Esta importancia estratéxica converteu Vigo nun niño de espías na primeira metade do século XX, especialmente durante Segunda Guerra Mundial (1939-1945), a pesar de que daquela ambas oficinas telegráficas estivesen pechadas (os ingleses cortaran os cables dos alemáns e viceversa). Proba do valor das informacións obtidas no Vigo de inicios dos 40 é o feito de que R. Mann, xefe das oficinas do Cable Inglés durante a guerra recibiu a Orde do Imperio Británico co remate do conflito polo seu traballo para o Servizo de Intelixenza de dito país.

A chegada de estranxeiros para traballar nas oficinas do Eastern Telegraph tivo unha grande influencia na cultura da cidade de finais de século XIX, pois estes británicos viñan cos seus costumes e divertimentos con eles: fundaron un dos primeiros clubes de fútbol en solo español, o Exiles (“exiliados”), e levantaron clubes sociais e residencias para empregados; trouxeron tamén consigo o tenis e o billar. Varios deles (ingleses, máis tamén alemáns), casaron e ficaron en Galicia. Nos exteriores do Cable Inglés había un reloxo que os vigueses empregaban coma guía para axustar os seus propios, dicindo que “levo a hora do Cable”. 

A Eastern Telegraph, e en menor medida a Deutsche Atlantische Telegraphengesellschaft foron chaves para o crecemento e a proxección internacional do porto e cidade de Vigo, que foi durante cen anos un centros internacional de comunicacións. O impacto destas compañías estranxeiras tamén foi cultural; Vigo convertiuse nunha cidade cosmopolita, das primeiras de España en recibir as novas modas europeas. Testemuña deste período son o os  xardíns comemorativos do Cable, inaugurados no 2014. Atópanse no porto, no lugar onde antes se almacenaba o cable coaxial telefónico (aquel que substituíra ao cable telegráfico, e que a súa vez foi substituído pola actual fibra óptica). Nos xardíns atrae todas as miradas un enorme silo carregado de cable, que conta con carteis que explican o pasado telegráfico da cidade, que falan desa época na que grande parte das comunicacións mundiais eran VIA-VIGO.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *