Lupa, unha raíña de lenda cuxa pegada esténdese por boa parte de Galicia

Son moitas as lendas que configuran o imaxinario colectivo galego e que foron transmitidas de xeración en xeración. Algunhas delas son de ámbito local e están ligadas a feitos ou lugares concretos, outras son variacións particulares sobre un relato similar que se repite en puntos moi diferentes da comunidade, e unhas poucas teñen un alcance máis amplo e esténdense por boa parte de Galicia tecendo un fío narrativo común. Este último podería ser o caso da lenda da Raíña Lupa (ou Raíña Loba), un dos personaxes máis significativos da mitoloxía galega e cuxa historia entronca directamente con outro dos relatos máis importantes da nosa cultura, o da translación a Galicia dos restos do Apóstolo Santiago.

 

De feito, é precisamente no Códice Calixtino, a obra medieval consagrada á figura do Apóstolo, onde aparece a primeira mención a Lupa (Luparia no texto orixinal), que é descrita como unha nobre local á que acoden en busca de axuda os discípulos que portaban o corpo de Santiago. É este texto o que nos permite comezar o percorrido por Galicia tras as pegadas desta raíña lendaria.

 

Conta o Códice Calixtino que tras desembarcar no porto de Iria cos restos do Apóstolo, os seus discípulos encamiñáronse varias millas cara ao interior ata chegar ás posesións de Lupa. Aquel lugar ten sido tradicionalmente identificado como o Castro Lupario, o xacemento castrexo situado no límite dos municipios de Brión e Rois e cuxos muros son aínda visibles en parte hoxe en día. Aqueles visitantes solicitaron a Lupa un lugar onde enterrar o corpo de Santiago e levantar un templo na súa honra, pero esta esquivou a petición indicándolles que se dirixisen cara ao norte e que pedisen axuda ao rei que vivía nas terras de Dugio.

 

A seguinte parada do relato lévanos por tanto ata o municipio de Fisterra, onde segundo diversos estudosos dúas parroquias gardan o legado da cidade desaparecida de Dugium: Duio e San Martiño de Duio. Así o testemuñarían os restos de cerámica e ferramentas achados durante as escavacións realizadas na zona. Tampouco alí obtiveron a axuda que esperaban os discípulos do Apóstolo. Segundo o relato do  Códice, o rei ordenou a súa morte e estes tiveron que fuxir e regresar aos dominios da raíña Lupa.

 

Ante esta nova petición de colaboración, esta enviounos cara ao actual Pico Sacro en busca duns bois mansos cos que axudarse a acometer os traballos de construción do sepulcro, pero de novo se trataba dun engano. Nas abas deste pico situado en terras de Boqueixón agardáballes un dragón ao que lograron derrotar coa axuda dos seus símbolos cristiáns. Os bois resultaron ser en realidade animais bravos, aínda que a súa agresividade sucumbiu tamén diante dos portadores do corpo do Apóstolo. De regreso de novo xunto á Raíña Lupa e vendo esta os milagres obrados pola comitiva de Santiago, prestoulles finalmente a a axuda requirida e facilitoulles a construción do Sepulcro do Apóstolo no lugar onde habería de permanecer oculto durante varios centos de anos. O seu descubrimento, a finais do século IX, será o desencadeante do fenómeno do culto a Santiago e da peregrinación a Compostela.

 

Unha trincheira aberta nas pedras do Pico Sacro coñecida como o Camiño da Raíña Lupa; a denominación do municipio veciño de Touro, que se atribúe aos bois da lenda; a Fonte do Carme, en Padrón, que escenifica a conversión ao cristianismo da Raíña Lupa a través do bautismo; e a Fonte de Santiago, en Vedra, que recrea en pedra o episodio do dragón, son algúns dos vestixios do relato que une a esta raíña co fenómeno xacobeo. Pero o seu legado e a súa pegada en Galicia vai máis aló da historia do Apóstolo.

 

Outro relato volve ligar a unha raíña de nome Lupa coas terras da Costa da Morte. Concretamente, con outra das cimas máis míticas de Galicia: o Monte Pindo. Sobre esta montaña situada no municipio de Carnota e cuxa base bañan as augas do Atlántico, alzouse outra das fortalezas desta monarca e ese mesmo lugar serviulle tamén de sepulcro. A lenda conta que alí foron enterrados os seus restos xunto cun tesouro de gran valor.

 

Así mesmo, desde o municipio pontevedrés de Ponte Caldelas reclaman ser o lugar de nacemento, ou polo menos unha das súas moradas, da raíña Lupa. E nas terras ourensás dos Blancos sitúase outra historia que ten a esta personaxe como protagonista central. “Matastes á Raíña Loba, carqueixos e pixeirós, matastes a Raíña Loba, fidalgos quedastes vós”, narra unha antiga copla revelando o final que os habitantes das aldeas da zona terían dado á monarca para librarse dos seus abusos e tributos. A cima coñecida como os Penedos da Raíña Loba sería o lugar onde se alzaba a fortaleza onde se desenvolve esta lenda. Dita cima sitúase en Covas, parroquia que ten por patrón, precisamente, a Santiago. Unha casualidade, ou non, que sumar a este apaixonante capítulo da mitoloxía galega.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará