Lembranzas doutros tempos na ponte e o mosteiro de San Clodio

“O mosteiro de San Clodio do Ribeiro, en Leiro (Ourense), é un dos monumentos máis representativos da arquitectura cisterciense en Galicia. De orixe beneditina, no século  XII cambia esta regra pola do Císter e a partir deste intre comeza o auxe e a importancia de San Clodio, converténdose no principal centro relixioso, intelectual e agrícola do Ribeiro. (…) Outro importante elemento ligado ao mosteiro de San Clodio é a ponte medieval que salva o río Avia. dando paso á calzada que unía o Mosteiro coa capital do Ribeiro: Ribadavia. Trátase dunha fermosa ponte de tres arcos que permanece íntegra desde o século XV e é un dos poucos exemplares que se conservan en España”. Así recollía o Boletín Oficial do Estado hai 40 anos a declaración a proposta da Real Academia de Belas Artes de San Fernando como monumento histórico-artístico de carácter nacional (confirmando unha declaración previa de 1931) destes dous espectaculares monumentos situados nas terras da comarca do Ribeiro.

 

Catro décadas despois dese recoñecemento, o mosteiro e a ponte seguen sendo dous dos principais reclamos e atractivos turísticos do municipio ourensán de Leiro, e constitúen un recordo en pedra de varios séculos de historia. As orixes do cenobio remóntanse ao primeiro milenio e ao desenvolvemento agrícola que por aquel entón xa experimentaba a zona. Resulta imposible precisar a data exacta da súa creación e aínda que o primeiro documento no que se fai referencia ao mosteiro data do ano 928, os expertos apuntan a que podería ter sido fundado tres ou catro séculos antes.

 

Os seus moradores xogaron un papel fundamental no desenvolvemento de industria  vitivinícola en todo o municipio, polo que o mosteiro está considerado como un dos berces do viño do Ribeiro. De feito, a Cruz de Caravaca que se pode ver na súa fachada foi obxecto de veneración por parte dos habitantes da zona durante séculos como símbolo de protección dos viñedos fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

 

Os monxes de San Clodio chegaron a ostentar un gran poder, especialmente a partir da súa incorporación á orde do Císter. A desamortización de Mendizábal puxo fin a esa etapa no século XIX e algúns espazos do recinto pasaron a ser destinados a diversos usos civís, como dependencias do concello, unha escola, e mesmo, prisión municipal. Pero a paulatina deterioración foi facendo efecto no conxunto e chegou a poñer en perigo a súa integridade xa ben avanzado o século pasado. O seu recoñecemento como monumento nacional en 1981 foi o primeiro paso para unha recuperación que se comezou a xestar nos anos 90 e que tras un importante proxecto autonómico de restauración permitiu a súa reapertura hai xa dúas décadas como hotel balneario de catro estrelas.

 

Os seus dous claustros (dos séculos XVI e XVIII) serven hoxe en día de espazo para vodas, banquetes e outras celebracións, pero o recordo dos seus antigos moradores segue presente no lugar. O indubidable valor artístico do conxunto é especialmente visible na súa igrexa anexa, dedicada a Santa María e construída durante a primeira metade do século XIII. O templo conserva intacto o seu estilo orixinal con poucas modificacións, aínda que si destaca a torre do campanario engadida posteriormente e o cerramento parcial do enorme rosetón que preside a fachada. Tamén se substituíu, no século XVI, a cuberta de madeira orixinal por bóvedas estreladas. Tres belas ábsidas forman a cabeceira desta igrexa en cuxo interior se gardan algunhas das imaxes que en etapas anteriores se podían ver no mosteiro. 

A un quilómetro do mosteiro e sobre as augas do río Avia álzase a ponte que comparte co cenobio a consideración de monumento nacional. Foi construída durante os últimos anos do século XV, sometida a unha importante reparación no primeiro terzo do XVIII e dispón dun cruceiro na súa parte central que, segundo algúns estudosos, foi engadido no século XIX. A súa estrutura de máis de 80 metros de lonxitude formada por tres grandes arcos (o central alcanza os 19 metros de luz) permitiu a monxes, veciños e viaxeiros cruzar dun lado a outro do río durante máis de medio milenio. E esa importante función propiciou tamén que no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, se convertese en escenario de importantes enfrontamentos entre os bandos contendentes.

 

Na actualidade, afastados xa eses tempos convulsos, a ponte de San Clodio convídanos a pisar as súas pedras centenarias para gozar dunha bela panorámica do río coa que completar a visita ao seu monacal e ilustre veciño.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *