Historia e monumentalidade entre os muros da fortaleza de Monterrei

A súa impoñente silueta, visible desde varios quilómetros de distancia é o primeiro sinal para o visitante de que se achega a un lugar fóra do común. A súa localización nun outeiro desde a que domina todo o val, co leito do río Támega aos seus pés e nunha importante encrucillada de camiños secular próxima á fronteira con Portugal non é casual, senón que reflicte a importancia estratéxica que a fortaleza de Monterrei xogou ao longo da historia. De feito, xa nas Cortes de Zamora do ano 1301 faise referencia á localidade como “a chave do reino de Galicia”, algo que se manifesta na actualidade no feito de que sexa citada habitualmente como “a maior acrópole de Galicia”. Máis que unha fortaleza, o recinto de Monterrei constitúe unha pequena cidade que se foi transformando co pasar dos séculos ata adquirir o seu espectacular aspecto actual.

 

As orixes do castelo, o primeiro dos monumentos construídos no lugar, remóntanse ao século XII, época na que foi mandado edificar por Alfonso Henríquez, neto do rei Alfonso VI. Desde entón as dimensións e a importancia do recinto non deixarían de crecer converténdose ademais en escenario de diversos episodios históricos. Alí se estableceu durante varias semanas do ano 1366 o rei Pedro I O Cruel para reunirse cos seus aliados e preparar a estratexia no enfrontamento polo trono que mantiña co seu medio irmán Enrique de Trastámara. E alí foi tamén onde o rei Felipe O Fermoso se aloxou no ano 1506 para planificar os seus primeiros pasos no trono.

 

Só uns poucos anos antes da visita de Felipe O Fermoso, a finais do século XV foi instalada no castelo unha das primeiras imprentas de Galicia e dela saíu en 1494 o “Missale Auriense”, considerado como o un dos primeiros incunables galegos e que na actualidade se conserva no Arquivo Diocesano da Catedral de Ourense. Así mesmo, cabe supoñer que o escritor Tirso de Molina, pseudónimo literario do frade Gabriel  Téllez, visitou o castelo de Monterrei a comezos do século XVI e utilizouno como fonte de inspiración para a súa obra “A galega Mari-Hernández” (1611), cuxo argumento se desenvolve en parte na devandita fortaleza.

 

Ao castelo orixinal fóronselle sumando outras edificacións como a Torre das Damas, de finais do século XIII ou comezos do XIV, e a Torre da Homenaxe, construída polo primeiro conde de Monterrei, Sancho Sánchez de Ulloa, en tempos dos Reis Católicos. Cos seus máis de 20 metros de altura e os seus anchos muros, a Torre da Homenaxe é un dos elementos máis visibles de todo o complexo. No lintel da súa porta establécese o ano 1482 como data de finalización. Nos séculos posteriores engadíuselle na súa parte superior unha espadana, hoxe en día desaparecida.

 

O hospital de peregrinos edificado a finais do século XIV e reconstruído posteriormente aínda que conservando a súa entrada gótica proba a importancia que Monterrei desempeñou como lugar de paso para quen se dirixía a Santiago de Compostela pola Vía da Prata. A igrexa de Santa María, dos séculos  XIV ou  XV con engadidos do  XVII forma tamén parte do conxunto. Pero o outro gran elemento central do recinto é o Pazo dos Condes, construído entre os séculos XVI e XVII e no que destacan as súas galerías de arcos adornadas con escudos de armas. Hoxe en día acolle xunto coa antiga casa reitoral as instalacións do Parador Castelo de Monterrei.

 

Na Idade Moderna, todo o recinto foi reforzado coa construción de dous espazos abaluartados que se sumaban á primeira estrutura inicial ampliando de forma notable a superficie do conxunto para dar cabida no seu interior aos conventos dos franciscanos e os xesuítas. Durante os séculos  XVII e  XVIII tamén se modernizaron as súas defensas con motivo dos conflitos con Portugal e da Guerra de Sucesión española. Eses reforzos, as dimensións do recinto e a súa posición estratéxica serían posiblemente algúns dos motivos que levaron ao Marqués da Romana a establecer alí temporalmente o seu cuartel xeral durante a Guerra da Independencia no ano 1809.

 

Declarada monumento nacional no ano 1931 e convertida na actualidade nun importante polo de atracción turístico, a fortaleza de Monterrei mantén intacta a súa capacidade para asombrar aos visitantes e facelos viaxar a ese pasado cheo de historias.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará