A porta do Bispo Odoario e o inicio da protección da Muralla de Lugo

O dobre recoñecemento como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco, tanto a título individual (no ano 2000) como na súa condición de monumento destacado dos Camiños de Santiago (no ano 2015), foi a gran confirmación da excepcionalidade e o enorme valor histórico e patrimonial da Muralla de Lugo. Considerada como a construción romana desta natureza mellor conservada da Península Ibérica, esta impresionante estrutura defensiva de máis de dous quilómetros de perímetro constitúe na actualidade un gran motivo de orgullo para os habitantes de Lugo e para os galegos en xeral, que viron como a pesar dos máis de 17 séculos pasados desde a súa construción logrou sobrevivir ata os nosos días.

 

Aínda que ese camiño non foi fácil, tal como demostran as modificacións que son visibles en varios puntos dos seus muros. De feito, a existencia mesma da muralla chegou a perigar en varios momentos da súa historia. A súa posible demolición para facilitar o crecemento da cidade, tal como ocorreu noutras localidades, foi obxecto durante o século XIX dun intenso debate felizmente resolvido en favor da conservación.

 

Permanecen visibles, iso si, as cicatrices da pugna entre quen non vían posible conciliar progreso e conservación do patrimonio e aqueles que defendían a importancia de respectar a historia e os monumentos. Entre estas cicatrices ocupa un lugar destacado a porta do Bispo Odoario. A súa apertura nos anos 20 do século pasado foi, precisamente, a que marcou o punto de inflexión para a protección da Muralla e a súa posterior posta en valor. 

 

Ángel López Pérez, alcalde da cidade en catro períodos diferentes entre 1905 e 1931, executou o proxecto para abrir ese acceso co obxectivo de facilitar o tránsito cara ao novo hospital de Santa María. Seguía os pasos de iniciativas similares acometidas en décadas anteriores para dar tamén acceso a outras instalacións de nova creación: a estación de tren, pola Porta da Estación (aberta en 1875, pero reconstruída en 1921); o cárcere, a través da Porta do Campo Castelo ou do Bispo Izquierdo (aberta en 1887), e o seminario, pola Porta do Bispo Aguirre (1894).

 

A comezos de 1921, coincidindo coa colocación da primeira pedra do centro hospitalario de Santa María, que hoxe en día acolle parte das dependencias da Deputación Provincial de Lugo, Ángel López ordenou dinamitar a sección da muralla máis próxima para acometer a nova vía de paso. Pero a acción topouse co rexeitamento veciñal e cunha denuncia que acabou nos tribunais, debido a que non se seguiran o procedemento legal axeitado para poder actuar dese xeito sobre a Muralla. Aquel proceso xudicial non foi suficiente para reparar o dano e aínda que o proxecto se prolongou durante varios anos, finalmente, no ano 1928 foi inaugurado o último dos accesos abertos no milenario recinto: a Porta do Bispo Odoario.

 

Pero a oposición que espertou esa nova actuación e o balbordo suscitado apuraron os trámites para que o Goberno español aprobase a declaración da Muralla de Lugo como monumento nacional, un proceso que arrincara varios anos antes, pero que non avanzara ao ritmo desexado polos partidarios de protexer o monumento. O acordo oficial foi adoptado finalmente o 16 de abril de 1921. Desde entón, salvo algunha actuación puntual nas portas xa existentes, a estrutura da Muralla permaneceu intacta e mesmo se acometeron proxectos para eliminar parte das construcións que ao longo dos séculos habían ido crecendo ao redor dela. Na actualidade, a Muralla non só é un símbolo de Lugo, senón que se converteu en punto de encontro e lecer para os veciños que pasean sobre o seu adarve e para os turistas que acoden á cidade atraídos pola súa monumentalidade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *