A ponte que non puido superar San Telmo

Pola súa silueta característica, coa súa estrutura metálica en forma de caixón, e pola importancia que desde a súa inauguración (a finais do século XIX) desempeñou como nexo de unión entre Galicia e Portugal, a Ponte Internacional de Tui é un dos elementos máis emblemáticos desa histórica vila. A súa fama viuse acrecentada ademais pola errónea atribución popular do seu deseño ao famoso enxeñeiro francés Eiffel ou a algún dos seus discípulos. Pero non é este o único viaduto de Tui que posúe a súa propia historia.

 

A uns poucos centenares de metros do leito do río Miño atópase o Ponche das Febres, un pequeno paso levantado para cruzar o río San Simón. Tamén coñecido como ponte de San Simón, a primeira denominación débese a un suceso acaecido nese lugar hai case 8 séculos.

 

Segundo conta unha laxa de pedra colocada nas súas inmediacións alí enfermou San Telmo en 1251 cando se dispoñía a peregrinar a Compostela para visitar a tumba do Apóstolo de Santiago. Tras ser trasladado de regreso a Tui, acabaría falecendo pouco despois. Os seus restos repousan na Catedral de Tui e na actualidade San Telmo é o patrón da localidade. “Camiñante, aquí enfermou de morte San Telmo en abril de 1251. Pídelle que fale con Deus a favor teu”, pódese ler no monólito. Aínda que segundo outra versión da historia, San Telmo xa estaba enfermo cando emprendeu a súa peregrinación a Compostela e ao chegar á ponte empeorou, polo que houbo de regresar a Tui.

 

A ponte, dun só arco de pedra, foi acondicionada cunha estrutura de madeira para facilitar o tránsito dos peregrinos do Camiño Portugués. Nas súas inmediacións hai ademais un pequeno caixón metálico no que os camiñantes poden deixar as súas peticións ao santo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *