Castaños centenarios e construcións de pedra marcadas polos efectos do paso do tempo e os esforzos da natureza por recuperar o espazo arrebatado polo home dan forma no corazón do Courel a unha paisaxe de gran valor ambiental e etnográfico. Estamos no Souto do Mazo, un bosque de castiñeiros que garda o testemuño da importancia que estas árbores tiveron desde tempos inmemoriais para a poboación desta e outras zonas de Galicia. A madeira, a cortiza, as follas… todas as partes destas árbores eran de gran utilidade para os habitantes do lugar, pero a castaña sobresaía entre todas elas.
O límite dos municipios da Pobra do Brollón e Folgoso do Courel garda unha das concentracións de castiñeiros máis grandes e mellor conservados da Comunidade galega e as edificacións adxacentes denominadas sequeiros, permítennos lembrar como se facía o aproveitamento das súas prezadas castañas. Son por tanto unha porta aberta ao pasado e a unha actividade que durante moito tempo constituíu un dos principais sustentos da poboación local.
Non son os únicos que existen en Galicia, pero os doce sequeiros do Mazo compoñen un conxunto singular que nos últimos anos foi posto en valor para evitar a súa desaparición, preservar o seu legado e convertelo nun atractivo turístico. Cada un dos sequeiros, que era identificado co nome da familia propietaria, servía de espazo para o almacenamento e o secado das castañas procedentes das árbores situadas nas súas inmediacións. Distribuído en dúas alturas, o sequeiro servía tamén de refuxio e lugar de descanso para a persoa encargada de colleitar e procesar as castañas: o secador. Este tiña a responsabilidade de recoller as castañas en sacos e transportalas ata o sequeiro. Despois dispoñíaas coidadosamente na planta superior, denominada caniceira e cuxo chan estaba formada por láminas lixeiramente separadas entre si. A continuación prendía un lume na planta inferior (remoleiro) para permitir que a calor e o fume secasen as castañas ao ascender ata a caniceira. Esa fogueira permitíalle ademais protexerse do frío da montaña durante as dúas ou tres semanas que necesitaba para completar o secado. O proceso concluía coa introdución das castañas xa secas en sacos e o seu golpeo contra un tronco para separar a pel do froito.
Hai xa unha década que os secadores levaron a cabo por última vez esta forma tradicional de colleitar e procesar as castañas, pero os traballos de acondicionamento e sinalización dos sequeiros (e das nove cabanas próximas que servían para gardar cabras) levados a cabo nos últimos anos converten o lugar nun destino ideal para os amantes da natureza e a etnografía. Paseando entre os castiñeiros e asomándose ao interior das vellas construcións é posible imaxinar como era o traballo que alí tiña lugar e revivir un anaco da historia do Courel. Para chegar ata alí hai que tomar a estrada que une A Pobra do Brollón e Folgoso do Courel e facer un alto no camiño pouco despois da aldea de Mazo Santigoso.