Pementos galegos, tradición e calidade

Cando chega o verán, e até outubro, son moi típicos nas comidas galegas os pementos de Padrón, dos que sempre se dí “uns pican e outros non”. Na actualidade existen no campo dos pementos galegos catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e unha Denominación de Orixe Protexida (DOP), que testemuñan a calidade destes pementos, que a día de hoxe, a causa da súa fama e demanda, son cultivados tamén no Levante, en Andalucía e até en Marrocos. 

A Denominación de Orixe Protexida é a dos Pementos de Herbón, sen dúbida os máis prestixiosos do país. Foi en Herbón, unha parroquia do municipio de Padrón (de aí que se empregue o termo “pementos de Padrón” para referirse a moitos dos pementos verdes galegos), onde tivo comezo a historia pementeira en Galicia, pois foron monxes franciscanos do Convento de Herbón os que trouxeron as sementes deste vexetal (Capsicum annuum) de orixe centroamericana a solo galego, no século XVII. Desde entón avanzaron no seu cultivo mediante a escolla de variedades axeitadas, chegando a desenvolver un pemento que case nunca pica a partir dunha pranta en esencia picante, e conseguindo un produto totalmente adaptado ao clima galego. Durante o século seguinte, o cultivo destes pementos foise espallando, primeiro na zona de influencia do convento, e despois polos camiños cara a Santiago; até se converter nun producto típico da dieta galega. 

A actual DOP de Pementos de Herbón abrangue os concellos coruñeses de Padrón, Dodro e Rois, e os concellos pontevedreses de Pontecesures e Valga. Estes pementos, que posúen un tamaño que vai entre os cinco aos dez centímetros, son cultivados na súa maioría nos vales dos ríos Sar e Ulla. A agricultura da zona mantén moitos coñecementos herdados deses monxes franciscanos; formas e costumes que repercuten no tratamento do pemento e na selección daqueles que pican e aqueles non:  as recolectoras, principalmente mulleres, recoñecen pola forma e atributos o posible picor do pemento, e colocan nas bolsas preparadas para o consumidor un pemento picante por cada cinco normais. A limitada produción, xunto coa alta demanda e a curta disponibilade dun produto final de moi alta calidade provocan que moitas veces os pementos de Herbón non salgan de Galicia.

Os pementos da IXP de Arnoia son propios dos vales do Miño e do Arnoia, e contan, coma case todas as variedades tradicionais de pemento galego, cunha Festa gastronómica: a Festa do Pemento de Arnoia. En relación aos pementos de Herbón, os de Arnoia son algo maiores en tamaño, algo máis rechonchos na súa forma, e de pel máis lisa; ademáis, nunca pican. Coma todos os pementos que trataremos hoxe, os de Arnoia son recollidos en verde, é dicir, nun estado inmaduro. Porén, tamén se poden recoller maduros, cando se tornan vermellos, pois son moi bós en conserva.

O Pemento do Couto, que conta tamén cunha IXP, recibe o seu nome do Mosteiro do Couto, nome popular do Mosteiro de San Martiño de Xuvia, situado no barrio do Couto, en Narón. Parece ser que foran os monxes cluniacenses do lugar os que seleccionaron e traballaron as variedades que acabarían dando lugar ao pemento do Couto, que se cultiva hoxe en toda a Comarca de Ferrol. De figura espelida e algo dura, case cilíndrica, os pementos do Couto tampouco pican.

O pemento de Mougán, que goza tamén de IXP, cultívase en Guntín, na provincia de Lugo, en vales  que contan cun microclima axeitado e bós solos, protexidos por montañas. O nome destes pementos vén da parroquia de Mougán, de onde partían os transportes cargados destes froitos para a súa distribución nos mercados da zona. En canto á forma, estes pementos son achatados e anchos, con pel forte e moita carne no seu interior. 

Tamén conta con IXP o pemento de Oímbra, cultivado na comarca de Verín, en Ourense, nos vales do Támega e dos seus afluentes. Teñen o aspecto máis particular de entre os pementos até aqui tratados, pois son de cor xa amarelenta e de forma aguda. Saben doce, e nunca pican.

O certo é que en Galicia se cultivan moitos outros tipos e variedades de pementos, xa sexan verdes coma os de Seixalbo (que chegaron a ser chamados “filetes de Seixalbo” nos tempos de escaseza) ou de cor diferente, coma os morróns de Cambados. O mundo dos pementos galegos é sen dúbida un mundo moi atado á tradición, que xa dura séculos, e ao padal, que cada verán pode desfrutar dunha ampla gama destes polifacéticos froitos que ben poden ser doces ou picantes, mais sempre saborosos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *