En Galicia, o verán énchese de festas; as bandas, as orquestras, os grupos folclóricos e as atraccións non dan abasto. Sempre hai comida polo medio, claro, mais hai festas na que a estrela é o produto típico da zona ou un prato en sí.
Ás veces duran varios días, o que é unha vantaxe, pois moitas coinciden nas mesmas datas, e é un xeito de que non se solapen festas e podamos acudir a todas. Algunhas trataron de recuperar antigos costumes e outras empezaron cáseque como unha xuntanza de veciños, mais hoxe congregan centos de persoas. Normalmente baixo unha boa cuberta provisional, xa nas carballeiras no interior, xa nos portos na costa, podemos degustar produtos galegos de calidade a prezos populares, e facer a dixestión cantando e bailando. Vexamos as festas gastronómicas máis coñecidas de agosto, todas elas co selo de interese turístico, por suposto:
Este ano chega á súa 36ª edición a Feira do bonito de Burela (5 a 7 de agosto). Esta celebración, máis aló do xantar, é unha reivindicación da pesca sostible e do consumo de produto de calidade. Fanse as receitas tradicionais: bonito cocido, en empanada, á grella, e mesmo en marmitako. Cos anos, a feira foi medrando e, ademais de durar tres días, coincide con máis actos que animan a cidade, como a feira Prodart, de produtos artesanais e ecolóxicos, e Amarte, certame de pintura mural.
A Festa do mexillón e o berberecho de Vilanova de Arousa (4 a 7 de agosto) leva en pé desde 1994. Celébrase no xardín Umbrío. Na zona de degustación pódense catar diversas receitas con mexillóns e berberechos (ao vapor, en salsa, en empanada…). Non hai que esquecer que estes moluscos son o motor económico da zona, materia prima das conserveiras. Por certo, que en O Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa, tamén hai unha famosa festa que homenaxea outro bivalvo: a ameixa. Este ano non se celebra, mais o normal é que se marque no calendario na segunda quincena de agosto.
No porto pesqueiro de Cedeira ten lugar a Festa do percebe de Cedeira (6 e 7 de agosto). Unha oportunidade de gozar destes pequenos manxares sen ficar co peto baleiro. Ademais do percebe, podemos tomar polbo e empanada.
Por seguir coa fauna do mar, imos a outra feira famosa que, ollo, desde este ano ten a categoría de festa de interese internacional, nada menos. É a Festa do Pulpo de Carballiño (13 e 14 de agosto). Celébrase o segundo domingo de agosto, no parque municipal. Este ano leva a 60ª edición. É posible? Unha feira do polbo a uns 100 km da costa? Pois sí, a tradición ven dos tributos medievais, en forma de polbos, que os parceiros de Marín entregaban ao mosteiro de Oseira. Tal era a cantidade de cefalópodos que recibían, que os excedentes chegaban a todo O Carballiño, que se convertiu nun lugar de referencia para tomar o mellor polbo. Este ano a festa vai adicada ao xacobeo. A cousa é preparar uns… 50.000 kg de polbo!, para máis de… 100.000 comensais! Ademais, faise a ración de polbo á feira máis grande do mundo, nun prato de madeira xigante que da impresión velo. A papancia do polbo redondéase con churrasco, bailes, gaitas e de todo o que soa a festa.
Virando á terra, se queremos degustar pementos, en agosto temos polo menos tres citas: en Herbón, en Arnoia e en Oímbra. O primeiro sábado de agosto celébrase a Festa do pemento de Herbón (6 de agosto) desde 1978. A cita é na carballeira do convento de Santo Antonio, onde disque hai séculos un monxe franciscano plantou o primeiro pemento da estirpe. Hai misa, procesión de tractores enfeitados, nomeamento de Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento de Herbón e a concesión do Pemento de Prata, o Premio Xove Pementeiro e o Premio Sabio Pementeiro. E, por suposto, noite de verbena.
A Festa do pemento de Arnoia (5 a 7 de agosto) celebra este ano a 43ª edición, na carballeira da Queixeira. Máis de 4.000 kg de pementos para todos os gustos: fritos, recheos, en tortilla… e acompañados con viño do Ribeiro, claro.
Case chegando a Portugal podemos ir á Festa do pemento de Oímbra (7 de agosto). Este ano celebran a 25ª edición. Faise na Carballeira onde, ademais do pemento branco de Oímbra, en diversas preparacións, pódese tomar polbo, empanada… Tamén se convoca un concurso de cociña con pratos que levan o pemento como ingrediente principal. De resultas do concurso publícase posteriormente un receitario.
Despois de tanta troula, na Festa das Sopas do burro canso de Muíños (6 e 7 de agosto), podemos recuperar forzas cun alimento ben enerxético que se tomaba antigamente para afrontar as tarefas do campo, unha mestura de viño, azucre e pan moi vistosa.
Máis adiantado o mes, podemos achegarnos á Festa da empanada de Bandeira (20 de agosto), que se celebra desde 1974. O mellor da festa é o concurso gastronómico, con categorías profesionais e afeccionadas.
Outra que vai de concursos é a Romaría da tortilla de Laro (6 e 7 de agosto) Celébrase na Carballeira do Castro, onde podemos tomar tortillas cociñadas con moita imaxinación, con todo tipo de recheos.
E aquí so falta un bo xamón. A Festa do xamón da Cañiza (13 a 15 de agosto) celébrase na Carballeira do Cacharado, no centro urbano. Esta é a edición número 56, que inclúe o VII Concurso Nacional de Cortadores de Xamón. Din que aquí os xamóns saen especiais por mor do microclima e a altitude, ideais para a curación. Pois haberá que comprobalo! Pódese degustar xamón curado, asado, en tortilla, empanada… Bo proveito a todo o mundo!