Un dos principais atractivos da provincia de Lugo, deixando de lado a enorme riqueza patrimonial e histórica que acolle, é a súa gastronomía. Con receitas e especialidades de todo tipo, a boa fama culinaria da que goza a nosa comunidade non fai máis que crecer. Presentámosche algúns dos seus pratos máis coñecidos.
Bonito de Burela
Non é necesario irse lonxe para gozar dunha boa peza de bonito. O bonito de Burela, seduce desde hai anos os padais dos comensais pola súa textura pero sobre todo, polo seu sabor.
Podes probalo de diferentes formas: en empanada, cocido, asado á grella, … e seguro que non te defrauda. Visita esta localidade luguesa e entenderás por que é o porto líder en captura do bonito do Norte.
Butelo da Fonsagrada
Sabes cal é a especialidade da Fonsagrada? O municipio ofrécenos a oportunidade de degustar un dos pratos típicos da zona, o butelo. Un embutido típico e propio desta localidade que ten a súa orixe na necesidade de conservar a carne de porco despois da matanza.
Prepárase a base de costela de porco e outras partes do animal, que se adoban antes de embutirse no estómago ou tripa grosa do propio porco. Para probalo e gozar do seu sabor, só hai que deixar pasar o tempo necesario de curación e afumado.
Capón de Vilalba
Aínda que este produto está estreitamente vinculado á época do Nadal, non podiamos deixar de nomealo nesta listaxe. O capón defínese como aquel ‘pito que se castra cando é pequeno, e se ceba para comelo’. En especial, o de Vilalba presenta unhas características que o converten nun produto de alta calidade que triunfa nas súas diferentes versións.
Cunha idade mínima de sacrificio de 210 días, os 25 días de fase final de engorde e a propia contorna, o resultado só pode ser unha materia prima sublime coa que sorprender aos nosos invitados.
Unha receita que non falla é o Capón de Vilalba recheo de verduras. Seguro que che encanta, próbao!
Lacón trufado con ovo fiado
O lacón trufado é un prato tradicional da cociña galega cuxo orixe se remonta ás cociñas dos conventos e abadías do século XX. Aínda que é no Pazo dos Quiroga de Lugo onde se sazonou con trufas e outras especias.
A partir de aí, converteuse nun prato esencial nas grandes celebracións da sociedade galega dos anos 50 e 60. A pesar de non gozar da fama de entón, trátase dunha receita deliciosa que debes probar se estás de visita nesta provincia.
Queixo do Cebreiro
Non menos importante é o Queixo do Cebreiro. Un produto con Denominación de Orixe Protexida que serve de ingrediente principal tanto para sobremesas como para outras propostas salgadas.
Trátase dun queixo fresco de pasta branda e granulosa elaborado a base de leite de vaca, sen ningún tipo de conservante nin aditivos.
Poderiamos seguir con moitos máis pratos pero sería difícil non deixarnos algúns. Iso si, esta selección é suficiente para ter unha escusa e escaparnos por fin a coñecer a provincia de Lugo.