Unha columna da Catedral… lonxe da Catedral

Velaquí unha pregunta con trampa: é posible atopar un pedazo da Catedral de Santiago… fóra da Catedral de Santiago? Non falamos dun pedazo simbólico, do cacho de Compostela que cada peregrino e cada visitante leva no seu corazón: falamos dun anaco significativo, grande e palpable. E a resposta é si: polo menos unha columna que pertenceu ao templo xacobeo pode contemplarse mesmo fóra do termo municipal santiagués.

A Catedral de Santiago fixo hai pouco 800 anos e, por iso, deu tempo a que arredor dela a historia dese moitas voltas. Unha delas foi a reforma da fachada norte, a que dá á praza da Inmaculada e ao mosteiro de San Martiño Pinario, a mediados do século XVIII. En 1757 encargouse o traballo, que comezou dous anos despois baixo a supervisión do fenomenal arquitecto Lucas Ferro Caaveiro. A portada proviña do edificio románico orixinal e inspirábase no tema do Paraíso. Parte dos elementos que contiña foron recolocados noutros lugares do edificio. Se a porta sur, a que dá a Praterías, parece a veces demasiado recargada para a época na que foi construída, a razón é esta: alí buscóuselle sitio a parte do desmontado na fachada norte.

Mais parte do que se retirou desa zona desapareceu ou, directamente, foi vendido. Entre elas, algunhas columnas das que sostiñan os arcos de entrada. Onde foron parar? O profesor e experto xacobeo Francisco Singul apuntou no seu momento que varias delas se conservan no Museo da Catedral, aberto ao público e ben interesante. Ademais, explicou, nunha parroquia do próximo concello de Boqueixón existe un cruceiro no que o fuste é sospeitosamente parecido a estas pezas.

Trátase do cruceiro que se pode ver xunto á igrexa de Santa María de Lamas, no medio do campo da festa. Mide 2,32 metros e está decorado cunha espiral vexetal que xira en sentido contrario á que locen as pezas conservadas no Museo. Entre os talos poden verse pequenos personaxes, posiblemente vendimadores, que tamén aparecen nas súas parentes compostelás. Porque, como xa terán adiviñado, todo apunta a que este é un dos fustes das doce columnas que sostiñan a Porta do Paraíso da Catedral compostelá.

Descoñécese cando se trasladou a peza a este lugar. Singul apunta a que debeu ser contra finais do XVIII ou principios do XIX. O fuste está bastante desgastado polo tempo, o vento e a chuvia, mais é posible aínda contemplar o precioso traballo feito polos escultores da época medieval. Outras columnas eran aínda máis complexas, con animais e aves roendo nas viñas, plantas moi simbólicos dentro da iconografía cristiá.

Coroa o cruceiro do campo da festa de Lamas unha peza cunha figura humana en cada unha das catro caras e, arriba, a cruz con Cristo por unha cara e a Piedade da outra. Merece a pena desprazarse uns poucos quilómetros na periferia compostelá para descubrir este segredo pedazo da Catedral… lonxe da Catedral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *