Ao final do seu camiño, cara á súa unión co Miño á altura dos Peares, o Sil avanza sinuosamente no profundo suco que deseña entre as montañas, dando lugar ao famoso Canón do Sil. Nestre tramo final, entre as provincias de Lugo e Ourense, as abas das ribeiras seica veñen cargadas de poderes especiais, que producen as uvas máis prezadas para facer os mellores viños.
Nesta zona da Ribeira Sacra, a abraiante paisaxe combina á perfección co rico patrimonio histórico artístico. E temos a sorte de poder gozar de todo isto de moitos xeitos: camiñando entre os bosques, navegando polo Canón aprezando a viticultura heroica, visitando igrexas e mosteiros medievais, catando uns viños propios nas adegas, facendo cicloturismo… Antes de ir por primeira vez (primeira porque seguro que repetimos), está ben ter unha referencia dos principais puntos de interese que nos imos atopar.
En canto a rutas fluviais, hai diversas posibilidades desde os embarcadoiros de Abeleda (Castro Caldelas), Ponte do Sil (Monforte de Lemos), Os Chancís (Sober) e Santo Estevo (Nogueira de Ramuín). Dar un paseo en catamarán é un xeito ideal de coñecer as zonas máis escarpadas do canón. Ofrécense percorridos variados, algúns con paradas nalgún mosteiro do traxecto.
Vése que a beleza e as condicións naturais desta paisaxe estimulan a vida espiritual. Será por iso que hai tantas igrexas e mosteiros nesta ribeira? Por iso e polo viño, claro… En Esgos, no monte Barbeirón, érguese o mosteiro de San Pedro de Rochas, con moita rocha arredor, de aí o nome. Hoxe fica en pé a igrexa medieval, con restos de sepulcros antropomorfos e dunha pintura mural que representaba aos apóstolos e un mapamundi. O máis curioso é que a igrexa está levantada sobre as rochas, algo que se apreza ben ao fixarmos no campanario, que coroa un monolito duns 20 m. A carón da igrexa está a Casa Prioral, do século XVII, que abeira un centro de interpretación da Ribeira Sacra e da vida no mosteiro. Máis adiante hai un cemiterio do século XIX, e a uns 200 m, a fonte de San Bieito, escavada na rocha. Unha vez alí seguro que queremos dar unha volta polo bosque, a que sí? Pois non temos máis que seguir a Ruta circular do Camiño real, que arrinca aquí mesmo.
Outra parada obrigada é a visita ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil, no medio de envolventes castiñeiros. Consérvase a igrexa románica, de entre finais do século XII e principios do XIII, que contén pinturas murais do século XVI. A uns 20 km está o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, que ademais é parador. É unha gran construción que ten até tres claustros. Aquí seica tomou vida a lenda dos nove aneis milagreiros dos bispos que viviron retirados no mosteiro no século X, pois en 2020 apareceron catro aneis. Outro exemplo de arquitectura relixiosa é o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, onde vemos a presenza de diversos estilos entre o románico e o barroco. Hoxe en día existe actividade en canto a exposicións, concertos, etc… En Castro Caldelas atopamos o Santuario de Nosa Señora dos Remedios. Nesta vila tamén hai un castelo de interese: o castelo de Castro Caldelas, que está nun alto, pegado á antiga vía romana. Data do século XIV, aínda que xa estaba asentado sobre unha construción anterior e o que vemos hoxe é case todo reconstruído no século XVI. Desde 1991 funciona como centro cultural da comarca. Nel está a oficina de turismo, a biblioteca municipal, un salón de actos e o Museo Arqueolóxico e Etnográfico. E non é o único museo da zona, tamén temos o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, en San Clodio, o Museo de Olería de Niñodaguia, ou a Casa-Museo do Chocolate de Teimende, por exemplo, que non todo vai ser viño…
E moito ver por aquí e ver por alá, mais para mirar o que se dí mirar, o que hai que facer e subir a un miradoiro. E mira que hai… Mesmo se deseñou unha Ruta dos miradoiros, para facer en coche e ir parando neles. Un dos máis famosos é Os balcóns de Madrid/Os Torgás, desde onde a familia despedía aos que emigraban a traballar a Madrid, a maioría de barquilleiros, un oficio moi popular en Parada de Sil. Outro moi coñecido é o de Cabezoás, en Sober, noutro dos puntos de máis profundidade; ou o de Pena Pombeira, no punto máis alto de Pantón, As Xabriñas, A Cividade, As Penas do Matacás… Ademais, tamén hai xeomiradoiros, enfocados á observación de pregues xeolóxicos, como o de Louxoá, e, seguindo a moda, mesmo hai bambáns, como o Bambán do Solpor, en Nogueira de Ramuín.
Desde logo, a ribeira do Sil é o escenario ideal para as nosas andainas. Hai unha morea de sendeiros homologados e non homologados onde escoller, algúns con mosteiro incluído, como o Camiño Real de San Pedro de Rochas ou o do Canón de Sil – Santa Cristina, outros por incríbles bosques, como o do Bidueiral de Gabín, a Ruta dos bosques máxicos ou a do Canón do río Mao.
Todo isto é só unha pequena mostra do que nos agarda nesta Ribeira Sacra do Sil, para ir facendo boca. Agora toca descubrilo in situ. Boa viaxe!