Está moi ben o turismo para descansar, relaxarse, desconectar, facer vida tranquila… Mais, para a xente máis animada, que busca emocións fortes, unha boa opción é o turismo activo, á procura de aventuras e experiencias novas, e se é con casco, mellor. É hora de falar de… turismo de alto risco!
No interior da Mariña luguesa, próximo a Asturias, está A Pontenova, concello atravesado polo Eo que pertence á Reserva da Biosfera Oscos-Eo e Terras de Burón. A paisaxe está marcada polos altos fornos de ladrillo, impoñentes, e demais restos da explotación mineira. Pois, que tal ter unha panorámica da zona desde unha altura de 80 m? So temos que lanzarnos por unha das tirolinas máis longas de Galicia: a Tirolina das Minas, de máis de 300 m de lonxitude. A instalación está inspirada no antigo tranvía aéreo que levaba o mineral desde a Mina Consuelo até a Mina Boulloso. Ollo, so podemos subir se pesamos entre 50 e 110 kg, non nos vaia levar o vento, ou non vaian ceder os cables… O percorrido dura 40 segundos, pero ben paga a pena. Ademais de ir na tirolina, pódese visitar a Mina Consuelo, facer a Ruta dos Fornos ou pasear en cuadriciclo pola Vía Verde. Por certo, non pasaba por aquí o Eo? Pois sí, e podemos descendelo en canoa, en plan tranquilo, ou polos rápidos, ás bravas.
A tirolina de Mazaricos, no Parque de Aventuras Naturmaz, é outra das longas: nada menos que 330 m de lonxitude desde 77 m de altura. Desde o alto gozamos de vistas que van do Val de Dumbría até o monte Pindo. No parque, tamén hai un rocódromo de 12 m de altura, un circuíto de altura con pontes colgantes, campos de paintball, pista de vóo, tiro con arco, rutas en caiac.
E sen pousar o casco, seguimos de turismo polas alturas, esta vez pegados aos cantís de Cedeira, para percorrer a primeira vía ferrata de Galicia seguindo a Senda do Santo. As vías ferratas son rutas nas montañas preparadas xa con instalacións fixas, como grapas ou cables, para que se poda ir por elas. Non se pode subir de calquera xeito, claro, hai que ir con guía, obrigatorio agás no caso de escaladores federados, e co equipo persoal: casco, arnés, luvas e disipadores con mosquetóns. Doutra banda, hai que pesar entre 40 e 130 kg e medir máis de 135 cm e, por suposto, ser moi responsables para evitar situacións de perigo. Non hai que ter experiencia na escalada mais sí aprender o uso das técnicas e os materiais. Convén estar en forma e, por suposto, non ter vertixe, pois estaremos a uns 20 m de altitude no medio dos cantís da Serra da Capelada, nunha incríble paisaxe. Ademais, temos que ir en fila, polo que non podemos dar marcha atrás.
De alturas tamén vai o barranquismo, que é o descenso a pé polo cauce alto dun río. Os traxectos son accidentados, así que hai que saltar, nadar, rapelar… que é o divertido. É importante levar un bo equipo persoal e facer a actividade acompañados. Hai canóns con dificultade baixa, para gozar en familia, por exemplo, como o das Pozas de Melón; con obstáculos máis importantes, como o do río Verdugo, e xa para profesionais, como o do Xallas. Ademais de casco e arneses, hai que levar traxe de neopreno, calzado adherente, cabos de ancoraxe, etc.
Cada vez hai máis parques multiaventuras que ofrecen actividades de maior ou menor risco, como o Ecoparque de Marín, con circuítos arbóreos de diferentes graos de dificultade; o Galipark de Padrón, con actividades de rafting, escalada, paintball…; o circuíto aquakart de Sanxenxo, onde se practica karting acuático nun lago de 25.000 m2 ; o parque multiaventuras de Manzaneda; o Ecoparque Atalaia, en Cotobade; The Lost Tourist, en Combarro, con rutas en moto acuática; o Turac aventura de Vigo, con actividades de barranquismo, puenting, hidrozorra, etc.
E tanto subir e descender alturas, o mesmo esquecemos que no interior das montañas tamén hai cousas que ver. Aquí o turista ten que levar casco con laterna. Hai varios lugares onde se pode facer turismo espeleolóxico, que tamén comporta o seu risco. Na Serra da Enciña de Lastra, hai moitas “palas”, que é como chaman alí ás covas, para explorar (Pala Cumbeira, Pala da Zorra, etc.). Doutra banda, en Mondoñedo está a famosa Cova do Rei Cintolo, que ten a gruta horizontal máis grande do noroeste peninsular.
Hai días solleiros, con vento suave, perfectos para dar un paseo polos aires, sentíndomos paxaros. En Galicia hai varios lugares onde se podefacer parapente, sen necesidade de experiencia previa, en equipos bipraza cun piloto. So temos que levar calzado axeitado e roupas deportivas ou de monteñismo ben abrigosas. E, logo, elixir destino e atreverse. Hai zonas de vóo na Mariña lucense, Ferrol, A Coruña, Triacastela, Vimianzo, Portosín, Chantada, Quiroga, Cercedo, O Morrazo, A Rúa, Oia, Ourense, Baltar…