Tipos de casas rurais en Galicia

Unha das vantaxes de facer turismo rural é a variada oferta de establecementos que podemos escoller para aloxarnos. Hai para todos os gustos: desde relaxantes pazos illados ata aldeas rurais cheas de actividades.

Os aloxamentos rurais están clasificados en catro grupos (A, B, C e D) segundo o valor arquitectónico das construcións, a súa antigüidade e as súas características. Na entrada teñen unha placa que sinala o grupo, o número do establecemento e a categoría.

Ao grupo A pertencen os aloxamentos máis señorais. Teñen que cumprir a condición de ter sido construídos antes do 1900 e dispoñer de entre 5 e 15 habitacións. Entre eles podemos escoller pazos, casas grandes e casas reitorais.

O pazo é un tipo de casa tradicional galega, residencia de persoeiros de gran poder económico, xeralmente fidalgos ou nobres, situada no rural. Os señores dos pazos vivían das terras da zona, a través da recadación de impostos e da produción agraria.

Normalmente, un pazo é un conxunto de edificacións. Ademais da casa principal, con escudo e brasón, hai dependencias auxiliares: alpendres, tullas, hórreos, faiados, pombais… e ata capela. Como se dí popularmente «casa grande, capela, hórreo, pombal e ciprés, pazo é». Os pazos son herdeiros dos castelos medievais, polo que moitos presentan torre. Ademais da súa arquitectura, sobresae a xardinaxe, con moito buxo e plantas exóticas. A época de apoxeo vai do século XVII ao XIX.

A partir do século XIX os pazos perden o seu sentido orixinario e transfórmanse en lugares de residencia. Hoxe en día, moitos destínanse á hospedaxe. En Galicia podemos escoller entre 45* pazos dispoñibles para o turismo rural.

Outro tipo de casa señorial é a casa grande. Podemos dicir que é un pazo sen extras. Unha construción menos monumental, que non pertence a familia nobre. Temos 17 para elixir, tampouco está mal.

A este grupo tamén pertencen as casas reitorais, antigos lugares de residencia de párrocos ou eclesiásticos de máis rango. Contamos con 17.

Dentro do grupo A hai outro tipo de edificacións peculiares como poden ser as fábricas (a Fábrica de Curtidos de Allariz ou a de Salazón de Aldán) ou a Casa da Feira en Ourense. En Galicia hai 6 establecementos destas características.

No grupo B atopamos edificacións tradicionais máis sinxelas. Trátase das as casas de aldea. Teñen que cumprir o requisito de ser construídas antes do 1940 e ofertan entre 3 e 10 habitacións. Son as máis numerosas para hospedaxe: nada menos que 388! 

Mais pode ser que non nos abonde so con relaxarnos nun entorno natural antigo e rústico. Que pasa se buscamos un pouco máis de acción? Pois nese caso podemos optar por un aloxamento do grupo C ou D.

Ao grupo C pertencen as casas de labranza. Nelas desenvólvense actividades tradicionais nas que poden participar os hóspedes. Referímonos a labores de tipo agrícola (vendima, sega, malla…) ou gandeiro (tarefas da granxa). É o que se coñece como agroturismo. Ofrecen entre 2 e 10 habitacións. Na actualidade hai 63 establecementos deste tipo. 

E se buscamos algo máis de aventura aínda podemos elixir o grupo D, constituído polas aldeas de turismo rural, que de momento son 8. Trátase de complexos compostos por un conxunto de tres casas como mínimo no mesmo núcleo rural, explotadas por un mesmo titular, que ha ser labrego ou gandeiro. O conxunto debe gardar entre sí a distancia mínima de 500 m e non ser posterior ao 1940. Estas aldeas están provistas de salón social, restaurante e bar. Ademais, poden contar con outras dependencias como tendas de artesanía, de produtos típicos locais, etc. Tamén dispoñen de diversas instalacións de ocio e deporte. E, aproveitando as posibilidades da contorna natural na que se atopan, ofrecen actividades do máis variado, como: sendeirismo, rutas a cabalo, ciclismo, circuítos termais, navegación, surf, rafting, canoaxe, xogos tradicionais… O turismo axeitado para xente que busca novas experiencias.

Nas aldeas de turismo rural, así como nas casas de labranza e nas de aldea, pódese ofrecer a hospedaxe en apartamentos.

Doutra banda, o aloxamento clasifícase en modalidade compartida ou non compartida, segundo estea presente ou non o propietario. Outros datos de interese no tocante ao turismo rural poden ser a pertenza a un parque natural ou reserva da biosfera, ou a cercanía ao percorrido do Camiño de Santiago.

Todos os tipos de casas de turismo rural ofrecen unhas garantías de calidade, mais se queremos ser aínda máis selectos, podemos fixarnos nos establecementos que teñen a Q de calidade. A Q de calidade é un distintivo que outorga o ICTE (Instituto para la Calidad Turística Española). As casas avaladas por este selo pasan por estritas auditorías que aseguran a excelencia na calidade, seguridade e profesionalidade. Hoxe en día, Galicia conta con 23 establecementos que presumen deste certificado: 10 na Coruña, 6 en Lugo e 7 en Pontevedra.

E se pensamos que ir de turismo rural é so cousa para o verán, estamos moi equivocados, pois entre setembro e decembro aínda temos un incentivo extra: o Outono Gastronómico, que este ano celebra a súa XV edición. Unha ocasión para combinar o relax ou a aventura, pois xa vimos que o rural da para todo, co sabor de menús de primeira elaborados con produtos da terra. Este ano, por certo, coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

 

* datos recollidos na AEITG (Área de Estudos e Investigación Turismo de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *