Sendas para descubrir un país

Senderismo Galicia
Senderismo Galicia

Desde hai séculos, os camiñantes veñen conformando a Historia desta xeografía humanizada no occidente europeo. O Camiño de Santiago abriu unha porta ao coñecemento mutuo entre este verde territorio e o resto do mundo, un Camiño que chegou aos nosos días como o Primeiro Itinerario Europeo e un fermoso Patrimonio da Humanidade.

Pero Galicia ten moito máis que ofrecer e a súa particular orografía invita a descubrir toda a súa dimensión natural e histórica desde a visión tranquila e sosegada do camiñante.

O sendeirismo recupera antigos camiños cargados de vivencias, onde os visitantes descobren as pegadas dun tempo, non tan afastado, no que as calzadas e pontes medievais, os cruceiros e os petos de ánimas definían o carácter das súas xentes.

Cando o sendeirista avanza polos camiños empedrados ao bordo de calquera dos incontables ríos galegos, imaxina as xentes nos seus carros de tiro entre estreitos muros de pedra, levando gando, viño e outros produtos dunha aldea a outra, os arrieiros comprando e vendendo, os feirantes, os peregrinos de antano e toda aquela poboación rural que utilizaba os camiños locais para moverse dunha aldea a outra.

Hoxe o bulicio das xentes quedou enmudecido e os camiños recuperan o son salvaxe da natureza. O sendeirista, sen temor a perderse, entra nunha dimensión lenta e pracenteira dun turismo de deporte e cultura. As paisaxes cambiantes, os incertos petróglifos, as marabillosas rías, os impoñentes mosteiros, os magníficos pazos, castelos, pontes de pedra e, sobre todo, a natureza verde e variada de Galicia nunca deixan indiferentes a propios e estraños.

Neste recuncho de vales e montañas, descubrirás “unha pequena terra tan grande como queiras: Galicia”.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *