Seis mercados de Nadal en Galicia

Luces de cores que adornan as rúas, panxoliñas en cada esquina, casetas de madeira engalanadas… son sinais inequívocas de que chegou o Nadal. Case cada cidade e vila de Galicia organiza nestas datas un mercado no que veciñanza e visitantes poden mercar os seus regalos para a época e coñecer paseando o traballo de moitos artesáns. Estas son seis das moitas citas deste tipo que se levan a cabo na Comunidade.

Mercados de Nadal de Santiago de Compostela

O Mercado de Nadal de Santiago de Compostela abriu na Carreira do Conde o pasado día 2 de decembro e estará dispoñible ata o día 6 de xaneiro. Convén consultar a súa páxina web para coñecer as horas ás que se levan a cabo as actividades, destinadas a público infantil, entre as que se atopan obradoiros para facer obxectos de cortiza, imáns para neveira ou tarxetas de Nadal, xogos populares e talleres impartidos polos propios expositores do Mercado. Entre eles hai artesáns da madeira, o coiro, os xoguetes, a xoiaría ou a decoración.

Por outra parte, artistas e artesáns atópanse cada ano no Mercado da Estrela, que se celebra a cabalo entre o Museo do Pobo Galego e a praza 8 de Marzo, en Compostela. A súa sexta edición comeza hoxe venres e dura ata o domingo 17, reunindo a creadores de produtos feitos a man e de deseño e tamén a produtores de alimentos gourmet, debuxantes e pintores, músicos emerxentes que ofrecen concertos íntimos… unha ocasión ideal para mercar un regalo creativo, orixinal e único para este Nadal.

Poboado de Nadal na Coruña

Na Coruña o centro da actividade do Nadal é a Praza de María Pita, ocupada nestes días por un fermoso poboado de casiñas nevadas e luces de cores. Nesta contorna lévanse a cabo actividades infantís, teatro, actuacións de magos, concertos ou talleres. No Poboado de Nadal instaláronse atraccións para os pequenos como un carrusel, un tren, inchables, unha noria, un simulador de snowboard e diferentes xogos.

Mercado na rúa do Príncipe en Vigo

A rúa do Príncipe, no centro de Vigo, é desde hai anos escenario para un mercado de Nadal impulsado polos comerciantes da zona. Instalado nesta ocasión na rúa Londres, detrás do MARCO, esta edición conta cunha interesante representación de produtores de alimentos ecolóxicos, ademais de postos de gastronomía e artesanía. Estará aberto ata o día 5 de xaneiro. Tamén convén estar atento á prensa local, pois na cidade lévanse a cabo varios mercadiños e actividades propias destas época en barrios coma Bouzas ou Coia e nalgúns centros comerciais.

Nadalear en Pontevedra

Pontevedra dispón desde o 16 de decembro e ata a véspera do día de Reis cun mercado de Nadal instalado na Praza do Teucro, en pleno casco histórico. A cidade conta cun programa de actividades moi intenso con concertos, teatro, galas benéficas e un festival de panxoliñas que se cantan, como se facía antes, nas tabernas da zona monumental.

Mercado na Praza de San Marcos en Lugo

Tamén Lugo contará este Nadal co seu mercado de artesanía. Montarase na céntrica praza de San Marcos e estará aberto desde o 21 de decembro ata o 5 de xaneiro. A visita a esta mostra pode complementarse coas numerosas actividades programadas para nenos e maiores, entre elas paseos artísticos polo Camiño Primitivo a Santiago, música, monicreques e exposicións no antigo cárcere da cidade ou no espectacular Museo Interactivo da Historia de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *