Seis instrumentos da música tradicional galega

Galicia é unha potencia musical. As melodías tradicionais, interpretadas durante decenios polos galegos, acadaron unha nova vida co rexurdir que experimentan desde finais do século pasado. Na actualidade, o público melómano de todo o mundo goza co son dos instrumentos populares do país.

A gaita

A raíña da música galega emparéntase con outros instrumentos de vento similares empregados en lugares como Escocia ou mesmo o norte de África. O característico fol de pel permite ao intérprete alongar o son sen ter que soprar constantemente, o que lle fai ser un instrumento con enormes posibilidades sonoras. O ronco, o tubo que se apoia sobre o ombro do gaiteiro, emite un son continuo, mentres que o punteiro é o tubo no que se interpretan as melodías.

A zanfona

A zanfona é un aparello de orixe moi antigo, que tivo o seu apoxeo na Idade Media; é común ver entre as esculturas románicas algún intérprete deste instrumento, que funciona co rozamento sobre cordas, orixinalmente feitas de tripa de animal. O seu son monocorde e hipnótico foi recuperado nos últimos tempos por varios dos grupos máis experimentais dentro da música folk galega.

A pandeireta

Unha imprescindible, aínda máis que a gaita, nas festas populares galegas. A pandeireta está feita por un marco redondo de madeira recuberto de pel e no que se insiren varias pezas de metal chamadas ferreñas, que resoan de xeito moi característico. Das dimensións destas pezas e da mesma pandeireta depende o ton da música que nela se toca. Un bo pandeireteiro domina varias técnicas para golpear ou redobrar o instrumento. En moitas ocasións, as músicas interpretadas á pandeireta acompáñanse con cancións a varias voces, con temáticas moi diversas, desde cantos de traballo a historias cotiás, de amor ou mesmo maledicentes.

O pandeiro

Este gran instrumento cadrado de percusión soa ao golpear coas mans na membrana, feita de pel de cabra ou de ovella e tensada sobre un marco de madeira. Adoita contar con axóuxeres na parte interior e a clave para sacarlle partido está na forma na que se bate nel, coa punta dos dedos, cos puños, coa palma da man…

O acordeón

De orixe centroeuropea, o acordeón é a historia dun éxito, tamén en Galicia. Foi inventado a principios do século XIX e moi pouco despois formaba xa parte da tradición musical do continente. É, como din os que o tocan, coma ter unha orquestra enteira entre as mans. Haino de varios tipos e tamaños, cromático, diatónico… e o seu uso é sinónimo de festa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *