O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, composto polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, garda multitude de segredos que, aínda que estiveses alí, probablemente descoñezas. Hoxe desvelámosche uns cuantos…
Hai quen di que todas as illas están comunicadas coa costa por túneles secretos. Certo ou non, a realidade é que o único modo coñecido de acceder a elas segue sendo o barco. Ademais, os romanos facíanas chamar “Illas dos Deuses”, debido á súa innegable beleza natural e a que estaban situadas a tan só uns quilómetros do entón chamado fin do mundo (o Cabo de Finisterre). Algúns autores sosteñen, de feito, que o mesmo Xulio César chegou a estar nelas perseguindo aos pobos herminios que escapaban de Portugal. Máis tarde, no século VI, empezáronse a instalar nas illas comunidades relixiosas. Nas Cíes, de feito, instaláronse dous conventos. Alí convivían cunha poboación sometida ao seu réxime feudal e que, a mediados do século XVI, remata por abandonar o arquipélago asustada polos ataques piratas de turcos, tunisianos e ingleses. Entre eles, Francis Drake, que se ensañaría coa Ría de Vigo arrasando estas illas.
E falando de Cíes… Sabías que hai uns anos a praia de Rodas foi calificada polo xornal británico The Guardian como a mellor praia do mundo? E non é de estrañar… É en Cíes tamén onde se atopa a maior colonia de gaivotas patiamarelas do planeta, das que hai máis de 22.000 parellas. A estas aves acompáñanas moitas outras que fan destas illas todo un santuario para elas.
Da illa de Sálvora di a lenda que cada un dos illotes que a forman é unha persoa convertida en pedra por un feitizo hai miles de anos. Din tamén que é nesta illa onde ten a súa sede a Santa Compaña, e que máis dunha vez se lle viu escondida detrás das rocas ou emerxendo do mesmo mar para percorrer a vella aldea abandonada. Quen sabe? É mellor non comprobalo…
Vaiamos mellor ata Ons e ata o seu “Buraco do Inferno”, sima de cinco metros de diámetro e corenta de profundidade situada ao sur da illa e na que, segundo din, óense os queixumes das almas atormentadas polos seus pecados. Ademais, di a lenda que no máis profundo do buraco hai un touro con cornos de ouro que protexe aos insulares do mundo dos mortos.
É en Cortegada onde nos atopamos o bosque de loureiros máis grande de Europa, con dúas hectáreas e media e case 500 árbores. E falando de árbores, temos que mencionar un enorme carballo en metade da illa que, segundo as vellas historias, dedicábase a comer as cabras dos aldeáns ata que, un día, eles enchéronlle a boca de pedras, dando lugar ao que hoxe se coñece como “árbore comepedras”.
Son, en definitiva, as Illas Atlánticas, a zona máis misteriosa e probablemente a máis interesante de Galicia, e aínda que xamais saberemos se todo o que se conta delas é real ou é pura maxia, o que si sabemos de verdade é que, unha vez se pisan por primeira vez, é practicamente imposible non deixarse levar polo seu encanto e volver. Sempre volver.