É Santa Comba de Bande a igrexa máis antiga de Galicia? A pregunta é difícil de responder, pero sen dúbida este pequeno edificio, situado na provincia de Ourense, é un dos templos cristiáns máis vellos da Comunidade Autónoma.
O templo afunde as súas raíces no século VII (aínda que podería terse edificado sobre un anterior), é un gran exemplo do estilo visigótico e foi abandonado tras a conquista musulmá de Hispania. Contra finais do século IX foi reparado (é curioso pensar nunha restauración de hai máis dun milenio) para adquirir un aspecto moi similar ao que loce hoxe en día. Resulta sorprendente saber que foi creado como parte dun mosteiro que acollía tanto a monxas coma freires, posto que o seu tamaño, visto con ollos de hoxe, é ben modesto. Con forma de cruz grega, a nave principal, de planta cadrada, ábrese ao exterior grazas a unhas pequenas ventás e a ela accédese a a través dun arco de ferradura soportado por columnas de mármore. É probable que proveñan dun templo romano anterior e que sexan un exemplo máis da reutilización de elementos do pasado nesta singular edificación: os capiteis son tamén da época romana tardía, mentres que nunha das capelas laterais consérvase unha ara dese mesmo tempo.
Os séculos foron deixando a súa pegada en Santa Comba de Bande. Na ábsida pódense contemplar unhas espectaculares pinturas que datan xa do século XVI, case mil anos despois de que se comezase a obra primixenia. Un ceo estrelado, unha crucifixión, anxos e santos parecen caer sobre a cabeza do visitante nun espazo de apenas catro metros cadrados, iluminado a través dunha celosía de mármore. Nun lateral do interior da igrexa pode verse o sartego pétreo que, segundo se conta, gardou durante séculos os restos de San Trocado, aparentemente trasladados no seu día ao mosteiro de Celanova. No exterior, outro sinal do paso do tempo: no século XVII reformouse a portada para lle engadir un pórtico de grosos muros de cachotaría.
A igrexa está dedicada á mítica Comba de Sens, santa venerada en toda Europa baixo os nomes de Colomba, Columba, Kolumba ou Coloma. De acordo coa tradición, naceu na Gallaecia romana contra mediados do século III e fuxiu á Galia escapando das persecucións imperiais contra os cristiáns. Foi rescatada por un oso da prisión e despois queimada na fogueira e degolada en Sens, onde se edificou unha impoñente abadía derrubada durante a Revolución Francesa. Nese período histórico desapareceron as reliquias atribuídas á moza galega, á que se profesa gran devoción na súa terra natal. A súa festa católica celébrase o día 31 de decembro.
A visita a Santa Comba de Bande é unha boa escusa para coñecer o patrimonio histórico da zona. Moi preto do templo, pegado ao río, atópase o xacemento romano de Aquis Querquennis, que mostra os restos dun enorme campamento romano magnificamente conservado. O centro de interpretación das escavacións arqueolóxicas é moi útil para coñecer a importancia que tivo a zona na época imperial.