Houbo unha época na que as costas de Galicia, e en especial as da ría de Arousa, foron escenario de batallas e invasións. Viquingos e sarracenos visitaron periodicamente estas terras co obxectivo de obter botín e, xa que estaban, arrasar canto atopaban ao seu paso. Este era, ademais, o seu acceso máis axeitado para alcanzar a cidade do Apóstolo, que chegara á actual Compostela por esta mesma vía, segundo conta a tradición. Por iso, en plena Idade Media foron varias as construcións defensivas que os nobres e o bispado santiagués edificaron co obxecto de protexer as súas terras das razzias constantes. A torre de San Sadurniño, en Cambados, foi unha destas fortalezas.
Cambados é unha das vilas galegas con maior riqueza monumental e cultural. O espectacular pazo de Fefiñáns, as casas da súa zona vella, a romántica igrexa de Santa Mariña de Dozo, as estatuas nas rúas recordando o seu pasado literario… Todo o centro da vila é un recordatorio da brillante historia da localidade. No extremo sur da capital municipal sitúase o barrio de Santo Tomé do Mar, probablemente o asentamento de poboación máis antigo e unha vila por dereito propio. De feito, foi independente ata que o crecemento urbano a uniu a Cambados e a Fefiñáns, en orixe aldeas separadas. Trátase dun pequeno núcleo de poboación asomado á ría que paga a pena visitar con calma, paseando entre as súas estreitas rúas e percorrendo tranquilamente o paseo marítimo.
É nesta antiga vila independente na que se sitúa o que queda do castelo de San Sadurniño, que afunde os seus alicerces na area do illote da Figueira. Formou parte no seu día do sistema defensivo ideado polo bispo de Iria Sisnando e reforzado despois polo arcebispo compostelán Xelmírez. Hai que buscar as súas orixes, polo tanto, na Alta Idade Media, e relacionalas con outras torres como as de Oeste, en Catoira, a de Cálago, en Vilanova, ou a da Lanzada, entre O Grove e Sanxenxo. Entre elas estableceuse un sistema de vixilancia e avisos para alertar á sé episcopal da proximidade dos piratas e tomar, deste xeito, as medidas pertinentes.
Ao seu pé erguíase unha capela dedicada a Santo Tomé que deu nome ao barrio, pero da que non se conserva resto ningún. A fortaleza cumpriu o seu cometido ata o século XV. Coma moitas torres e casas fortes galegas, os Irmandiños derrubárona en parte. Reedificada pouco despois, coa chegada do armamento moderno deixou de ter utilidade e foi abandonada. Froito deste abandono é o seu estado actual: a maior parte do castelo viuse abaixo e hoxe podemos contemplar apenas unha das súas esquinas e o curioso arranque dunha cheminea. Iso si: nun día soleado a contorna é insuperable, co mar inzado de bateas e os montes que rodean Arousa flanqueando a escena.
Os restos de San Sadurniño irradian paz no medio dos bancos marisqueiros cambadeses. Con marea baixa é un pracer camiñar polo paseo marítimo vendo traballar aos mariscadores, e cruzar a ponte de pedra que leva deste terra firme ata o mesmo illote.