Rutas para descubrir os mellores muíños de auga de Galicia

Con tanto río en Galicia, hai moitísimos muíños de auga. Dalgúns só fican unhas cantas pedras, mais outros consérvanse en bo estado, e algúns mesmo son restaurados. 

Parece que foron os mosteiros os que trouxeron tanto muíño. A construción tiña os seus mecanismos un tanto complicados, así que non todo o mundo tiña muíño, máis aló dos frades e a xente de cartos. Xeralmente usábanse os “muiños de herdeiros”, que eran compartidos por varias familias ao longo de xeracións. Estes son pequenos e atópanse á beira dos ríos pequenos. Tamén estaban as maquías, nas que o dono traballaba a cambio dunha parte da moenda, que é o que se chama “maquía”. Deixando a un lado o seu valor etnográfico, a localización destas construcións danos un motivo perfecto para coñecer a nosa natureza. 

Hai moitos sendeiros e rutas que nos levan aos muíños da beira dos ríos. Por exemplo, se empezamos polas Rías Baixas, temos varias paradas obrigadas, como os Muíños do Picón e Folón. Nesta pequena ruta circular, no concello do Rosal, entre Martín e Fornelos, temos que subir por unha aba do monte Campo do Couto, onde están os muíños do río Picón, e baixar por outra aba, onde están os do Folón. Os muíños, escalonados no monte dun xeito particular, son dos séculos XVII e XVIII, e están restaurados. O valor engadido da excursión son as vistas desde arriba da desembocadura do Miño, o Val do Rosal, o monte de Santa Trega e Portugal.

Se avanzamos cara ao norte, chegando á comarca do Salnés, temos outra parada na Ruta da Pedra e da Auga, que vai pola beira do Armenteira, nos concellos de Meis e de Ribadumia. Comeza no mosteiro de Armenteira e sigue o camiño do río, cheo de muíños máis ou menos restaurados, con moitos saltos de auga. No grupo de muíños de Serén destaca a recreación dunha aldea labrega; despois, chegamos aos muíños de Barrantes. A ruta é lineal e mide 6,5 km.

Xa que andamos polo norte da provincia de Pontevedra, subimos un anaco e xa estamos na Coruña, onde tamén hai muíños, claro. Un bo destino, por exemplo, é a Ruta da auga de Zas, na parroquia da Gándara, en Zas. Ademais de ser coñecida polas fervenzas, ten até 17 muíños que aproveitaban a forza do río. O camiño lévanos por sendeiros de ribeira, entre carballos, ameneiros, hórreos, mesmo hai alvarizas, un batán, un castro… O percorrido, circular, comeza e remata na Ponte do Sisto. 

Cara ao noroeste, no concello de Vimianzo, agárdannos os Batáns e muíños do Mosquetín. Os batáns usábanse para tratar os tecidos, sobre todo de lá, e para iso tamén aproveitaban a forza da auga. Hoxe o conxunto etnográfico, que conta con sete muíños, pódese visitar, e mesmo podemos observar o seu  funcionamento.

Se saltamos á provincia de Lugo, temos que parar na Ruta da Auga de Guitiriz, que enlaza o Camiño Norte de Santiago coas tres fontes mediciñais do concello: a de Valdovín, a de San Xoán e a de Santo Domingo. Ademais de ter estas boas augas, ponte romana, cruceiro… hai moitos muíños, nun percorrido de case 20 km.

Máis ao sur, na Ribeira Sacra, tamén se sabe aproveitar a pendente que leva a auga. Á beira do Regato Xábrega, en Sober, os Muíños dos Chancís suman 28, algúns deles recuperados. A ruta é curta pero ten moita varanda e miradoiro para gozar da paisaxe.

Na provincia de Ourense, terra de termas, tamén hai moito muíño de auga. Un exemplo de ruta curta máis con moito encanto é a dos Muíños de Castro Caldelas. Non chega aos 5 km ida e volta. No muíño de Labeco, que está restaurado e se pode visitar, comeza a senda fluvial do río Edo. É unha zona chea de árbores autóctonas e rochas graníticas. Tamén están aquí os muíños da Costa do Vao. A ruta remata na área recreativa da Ponte das Táboas.

Para rematar, na comarca do Ribeiro agárdanos a Ruta dos muíños de Carballeda de Avia. É unha ruta circular de sendeiros conectados que pasa pola Veronza e As Fermosas, o punto máis alto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *