Rutas marítimas para coñecer Galicia desde o mar

Hai moitas alternativas para navegar pola costa galega, achegándose a ela dun xeito diferente: traxectos curtos ou longos a bordo de catamarán, veleiro, lancha motora, goleta, barco pesqueiro… So temos que ter en conta as condicións meteorolóxicas, a tempada, e a idade mínima requerida para sucar os mares (nalgúns casos, non se admite a menores de doce anos).

De entrada, hai lugares aos que so se pode acceder en barco. É o caso das Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada). Ao ser Parque nacional e estar protexidas, por sorte, temos que obter unha autorización antes de zarpar. Tanto nas Cíes como en Ons está permitida a acampada, con autorización previa tamén, por suposto. Os dous arquipélagos contan con servizo marítimo regular en tempada alta, cousa que non ocorre en Sálvora e Cortegada. Emporiso, cos pertinentes permisos, todas se poden visitar en excursións organizadas por diferentes navieiras ou acceder en barco privado e mesmo fondear. Tamén ofrécese a opción de non desembarcar, como en moitas rutas guiadas que se fan pola ría de Vigo, normalmente en veleiro ou lancha motora.

Nas Rías Baixas hai unha apetitosa Ruta do mexillón, con percorridos pola ría de Arousa, a de Pontevedra e a de Vigo, e saídas desde Ribeira, O Grove, Sanxenxo ou Redondela. Algúns servizos ofrecen degustación de marisco e albariño a bordo, e mesmo unha parada nas propias bateas, para coñecer máis de cerca o mundo do cultivo do mexillón.

Se buscamos experiencias máis inmersivas, sempre podemos enrolarnos nun barco pesqueiro tradicional, adicado ao turismo, claro, non nos van poñer a traballar.  Despois de facer esta ruta , chegamos a terra coñecendo a fondo as artes de pesca que se usan en Galicia. Até pode que nos deixen probar sorte cunha cana. Cada vez hai máis ofertas deste tipo de excursións, até saídas nocturnas para ir á sardiña e ao choco, por exemplo.

Nas Rías Baixas tamén hai excursións para o avistamento de cetáceos, como golfiños, ou mesmo baleas, se hai moita sorte. Hai saídas desde O Grove, Cambados ou Portonovo.

Sempre pensamos no camiño de Santiago a pé, co bastón, a cuncha, a mochila, as bochas nos pés… E que tal se o facemos mar e río a través? A ruta xacobea propón un percorrido, dunha hora aproximadanete, seguindo a a pegada da chegada a Galicia dos restos do apóstolo, o que se coñece como o “traslatio”. A ruta enteira sería desde Jaffa, na actual Israel, de onde no ano 44 partía a barca co corpo de Santiago, mais iso xa son moitas millas…  Aquí, o traxecto parte desde varios puntos da ría de Arousa e sube polo río Ulla até Padrón, de xeito que combina ruta marítima e fluvial. Desde o barco, vemos de cerca as Torres do Oeste de Catoira e algún dos 17 cruceiros do único vía crucis fluvial do mundo.

Para unha peregrinación máis longa, enteiramente por mar, temos a ruta Iacobus Maris. Aquí as embarcacións son de luxo, pois trátanse de grandes veleiros, en su maioría buques escolas internacionais. Saen de Xénova, fan escala en varios portos, e chegan a Vigo a mediados de xullo. Todo un espectáculo velos xuntos.

Outro xeito de facer un tramo do camiño por mar é apuntarse a unha travesía náutica xacobea, en veleiro propio ou contratado con ou sen patrón. A Travesía Norte sae de Ribadeo e a sur desde Baiona ou Vigo. Ambas rematan en Boiro ou Portosín. Ao chegar a terra, o que manda a tradición é rematar o camiño a pé.

Nas Rías Altas tamén se organizan saídas marítimas interesantes. Unha delas lévanos de cruceiro pola ría de Ferrol, para coñecer a súa historia naval desde o propio mar, tendo outra perspectiva das fortalezas militares, dos estaleiros e até de Mugardos. 

De Cariño saen excursións en veleiro até cabo Ortegal que, na versión longa, rematan en Estaca de Bares. Doutro lado do cabo temos a ruta polos cantís de Vixia Herbeira en lancha motora, pasando por San Andrés de Teixido e Teixedelo, a praia de area negra. Unha vista distinta da Serra da Capelada; seguro que algunha vez, estando no alto, nos imaxinamos alá abaixo, nun barquiño no ancho mar, a que sí?

No golfo Ártabro, tamén podemos darnos un paseo marítimo pola ría de Ares, con visitas ás Illas das Mirandas, ao Mourón, ou ao porto de Redes.

No Cantábrico, en verán hai moitas excursións en lancha motora pola costa da Mariña lucense, como as que van polas Catedrais, pola costa de Foz e os castros de Fazouro, ou por Rinlo. Algunhas delas están dirixidas ao avistamento de aves mariñas.

E rematamos cunha despedida no mar, no medio do crepúsculo: un paseo no solpor para contemplar o ocaso desde o océano, por exemplo en Fisterra, onde se nos acaba o mundo. Que máis se pode pedir…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará