Rutas fluviais polos ríos de Galicia  

A Galicia dos mil ríos é en realidade dos dez mil, pois son os que ten, redondeando. Por auga que non sexa… A maioría non son navegables debido ao escaso caudal, mais aí temos o Miño cara a desembocadura, os encoros, tan de moda a mediados do século XX, e os cursos baixos dos ríos máis grandes para gozar de paseos inesquecibles polas veas da paisaxe galega.

As rutas fluviais máis coñecidas son as da Ribeira Sacra, que conta con catro encoros e outros tantos embarcadoiros. Do de Ponte do Sil (en Marcelle, Monforte de Lemos) parte a Ruta do Canón do Sil. É un traxecto de dúas horas que vai polo encoro de Santo Estevo, pasando por Monforte, Sober, Castro Caldelas, A Teixeira e Parada de Sil. A vertixe que se sente desde o alto dos miradoiros parece que se nota á inversa, nunha paisaxe emocionante. As excursións son guiadas e pódense facer en catamarán ou en monocasco, con menos prazas.

A Ruta de Cabo do Mundo parte de Belesar (O Saviñao). Aquí, no canón do Miño, as pendentes son máis discretas e o percorrido máis sinuoso, co que ten outro atractivo. O catamarán lévanos polo encoro dos Peares, pasando polos concellos de O Saviñao, Pantón e Chantada.

Ademais destas dúas rutas, organizadas pola deputación de Lugo, na Ribeira Sacra hai outras ofrecidas por empresas privadas de viaxe ou de turismo sostible, con servizos máis personalizados, combinados con andainas, almorzos no campo, visitas a adegas, degustacións a bordo… As excursións son principalmente en catamarán, zodiac e barcos híbridos.

O Miño baña outra comarca vinícola: O Ribeiro, na provincia de Ourense. Podemos aproveitar e facer a Ruta en Ecobarco do Ribeiro. O paseo é a bordo dunha pequena embarcación cen por cen eléctrica e cen por cen galega: a “xouva”. Ten poucas prazas e fai paseos enolóxicos polo Laias e polo Arnoia. Cada vez hai máis barcos híbridos ou eléctricos para facer o mínimo impacto medioambiental e que os ríos non acaben estresados.

Hai unha ruta moi especial, de auga doce e salgada. É a Ruta xacobea do mar de Arousa e o río Ulla. Tamén é coñecida como “traslatio”, pois se fai en lembranza da percorrida pola barca do apóstolo até chegar a Iria Flavia (Padrón). Sae de varios puntos da ría de Arousa. No tramo do Ulla, pasamos po Bamio, Catoira, cos restos das Torres do Oeste, Valga e Dodro. Nas marxes do río van sucedéndose doce cruceiros, parte do vía crucis marítimo-fluvial (único na súa especie) do traxecto. A ruta remata no porto de Padrón ou no de Pontecesures.

A Raia é unha boa zona para navegar, xa que aquí o Miño vai ben cargado de auga. Desde hai pouco funcionan as rutas Río Miño, un destino navegable, un xeito estupendo de sucar as augas internacionais e coñecer as cidades das dúas beiras. Podemos elixir entre catro excursións en catamarán, de distinta duración e percorrido, con guía e desprazamentos en tren turístico ou autobús para completar a visita en terra. Está organizado polas eurocidades Tui-Valença e Salvaterra do Miño-Monção. Por certo, dato importante a ter en conta: a actividade é totalmente de balde.

Os ríos tamén son campo de entrenamento para deportistas ou simplemente para xente que busca a aventura, ou o que chaman turismo activo. En Galicia hai moita tradición de piragüismo, se non que llo digan a David Cal, tanto en ría como en río. Queda patente cada ano na celebración do Descenso Internacional do Miño, competición de piragüismo para deportistas federados entre Salvaterra e a ponte internacional de Tui. A súa versión afeccionada, sen competición e máis curta, é o Descenso Popular do Miño, que xa é festa de interese nacional. Ademais do descenso do Miño, hai varias rutas entre Salvaterra e Tui para facer en piragua ou caiac, como o descenso da Canuda ou o do Cunquedo. En verán tamén se organizan descensos nocturnos.

E hai caiacs máis alá do Miño. Nas Fragas do Eume pódense facer varios tipos de rutas desde Monfero e Pontedeume: guiadas, non guiadas, combinadas con outras actividades… Unha das máis románticas, o solpor nas fragas.

Nas Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo tamén hai varias rutas que saen de diferentes puntos (Betanzos, O Pedrido, Miño) e desde a ría e as marismas van polo Mandeo meténdose no río Lamba e subindo Os Caneiros.

Hai unha embarcación parecida ao caiac pero máis alta e ancha, e que non deixa que entre tanta auga: a canoa canadiense. Tamén se usan neste tipo de excursións, por exemplo, no río Tambre, desde a Pesquería até a ría de Noia e Muros.

E que pasa se queremos ir máis rápido, con casco e todo? Pois o mellor para iso é meterse nas augas bravas e facer rafting. A mellor época é outono, inverno e primavera, cando os ríos andan máis fortes. Podemos probar nos rápidos de Arbo, no Miño, ou nos descensos do Lérez ou o Deza, por exemplo.  

Agora tamén está de moda andar de pé sobre a auga, outro xeito de sendeirismo acuático, sobre unha paddleboard ou, a variante paddleboard pedal surf, que se pode ver en circulación nas augas do río Verdugo, por exemplo, entre Ponte Sampaio, en Arcade, y Ponte de Comboa, en Soutomaior.

Un comentario en «Rutas fluviais polos ríos de Galicia  »

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará