Rutas fáciles para facer en bici

En Galicia hai moitos sitios onde darlle aos pedais: entre fragas, polo monte, en paseos ciclistas… Ademais, dun tempo a esta parte, as cidades van tomando en serio a bici como medio de transporte limpo e saudable que hai que promover. Os principais núcleos urbanos contan cada vez con máis quilómetros de carril bici, e xa case non hai un paseo marítimo ou fluvial que non podamos percorrer sobre dúas rodas. Algúns concellos ofrecen servizo de aluguer e préstamo de bicicletas, de maneira que nolo poñen máis doado á hora de animarnos a pedalear.

Desde logo, un xeito de coñecer Galicia a fondo é facendo cicloturismo. Para a xente máis inclinada á montaña, son moi úteis os chamados Centros BTT Galicia,  repartidos por zonas estratéxicas do medio rural e natural. Neles proporciónannos información turística, servizos para bici e ciclistas, cartografía dunha rede de rutas, etc. Hai centros no Salnés, Portas de Galicia, O Xurés, a Ribeira Sacra e Allariz-Vilar de Santos.

Doutra banda, o recente visor dixital “A paisaxe de Galicia desde a bicicleta”, pon á nosa disposición 52 rutas cicloturistas con toda a información necesaria: niveis de dificultade, mapas, fichas, etc. 

Como vemos, hai un mundo aberto de rutas. Dentro de todas as opcións, imos achegarnos ás máis sinxelas, que non requiren nin unha gran forma física nin unha bicicleta excepcional, desas que gostamos de facer en familia. Aquí propoñemos algunhas:

O Burgo – Cecebre. Esta ruta circular percorre o paseo fluvial do río Mero. Saíndo polo carril bici do paseo da ría do Burgo, chegamos á ponte medieval. Alí tómase a senda até a presa de Cecebre, por unha pista de terra chá á beira do río. Pódese facer pola beira de Cambre ou pola de Culleredo, ou ir cambiando se cruzamos algunha ponte, claro. Entre ida e volta, uns 20 km, que se fan en 40 minutos máis ou menos.

Nigrán – Baiona – A Guarda. No Val Miñor hai moita bici, sobre todo no verán. Un clasico é o tramo de carril bici da Ramallosa, bordeando A Foz do río Miñor. Se nos fixamos ben, mellor con prismáticos, quizais podamos ver algún exemplar de garza real, e todo. O carril bici continúa até Baiona e, desde o parque da Palma, vai entre a estrada e o mar cara a cabo Silleiro. Se a cousa nos sabe a pouco, sempre podemos seguir até A Guarda. Ao final, facemos un tramo do Camiño portugués pola costa, duns 30 km.

Vía Verde do Salnés. As vías verdes recuperan o espazo de plataformas ferroviarias en desuso, que volven á vida transformadas en sendas, chas e sen obstáculos, ideais para pasear e para unha boa pedaleada. A do Salnés transcorre ao longo de 9,2 km polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldasde Reis e Portas. Empeza en Cea, en Vilagarcía de Arousa, e no camiño pasamos polo pazo de Rubiáns, a Pedra Rañacús, a ponte metálica que cruza o río Umia, unindo Caldas de Reis e Portas, e unha curiosa fábrica azucreira de principios de século XX, hoxe centro cultural. Se aparcamos a bici e subimos ao alto da cheminea, temos unhas boas vistas do Salnés. 

Ruta do Pai Sarmiento. Foi ideada polos concellos do Salnés, seguindo as pegadas de frei Sarmiento, que no seu Viaje a Galicia (1745), dicía que saíra de Pontevedra a Santiago rodeando O Salnés. Ficounos como variante do Camiño portugués. Das nove etapas da ruta podemos escoller a de Cambados a Illa de Arousa, facendo o perímetro da Illa, en total uns 25 km.

Senda da auga. Sigue o camiño que levaba a canle que transportaba auga desde o encoro de Eiras, en Fornelos de Montes, até Vigo. Comeza na rúa Cantabria, no barrio de Lavadores de Vigo, e vai rodeando a ría, pasando polos concellos de Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Fornelos de Montes, co que gozamos de estupendas vistas a golpe de pedal. A ruta enteira é de 41,52 km, aínda que podemos acortala para os principiantes en 13 km, até a carreteira que comunica Redondela co aeroporto. É toda sobre pista de terra agás un pequeno tramo sobre asfalto.

Salvaterra do Miño. En Salvaterra, podemos dar un paseo urbano en bici, que sae da praza da Constitución e pasa pola Fortaleza, a Casa do Conde e o castelo de dona Urraca. Se nos achegamos ao parque da Canuda, temos tres rutas de sendeiros para camiñantes e ciclistas. O máis curto é o sendeiro municipal do río Miño, de 7,5 km, que chega ao río Caselas en Tui. Pasa polo Miño, o Tea, a illa Fillaboa, a Ponte Medieval e o río Caselas. E atención, se é fin de semana, nin sequer fai falta que carguemos coas bicis desde casa, pois hai servizo de bicis de balde. E, por se non houbese alternativas dabondo, desde aquí tamén podemos coller as rutas internacionais, as E-Bike Río Minho, que comunican Salvaterra e Monção. Tamén hai a de Tui-Valença e a de Tomiño-Vilanova de Cerveira.

Ruta cicloturista da Casa da Fervenza. É unha ruta lineal de 14,32 km. Sigue o curso do Miño no concello de Lugo. Saímos da Casa da Fervenza e chegamos ao centro da cidade, ao aparcadoiro do parque da Tolda, ou viceversa. Así gozamos da paisaxe do bosque de ribeira da Reserva da Biosfera Terras do Miño, entre camiños de terra e sendas e, de paso, da Muralla de Lugo, patrimonio da humanidade. Leva uns 45 minutos e ten tres etapas. 

Ruta cicloturista Miradoiros de Bolmente. Transcorre ao longo de 14,29 km polo concello de Sober, na Ribeira Sacra. É unha ruta circular que empeza en Santa Marta, parroquia de Barantes. Aínda que vimos pola montaña, xusto no Canón do Sil, o camiño é sinxelo, con pistas de terra e algunhas asfaltadas, mais con pouco tráfico. E, polo menos, dúas paradas obrigadas para contemplar as vistas nos miradoiros de Cividade e do Boqueiriño.

Ruta da Costa. Esta senda percorre os 16 km que unen Ribadeo coa praia das Catedrais. Comeza en O Cargadoiro e discorre bordeando toda a costa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *