A bicicleta: sen dúbida un dos medios de transporte máis saudables. Só temos que coller o casco, unha mochila co básico (auga, comida, recambios…) e o móbil, por se temos algún contratempo ou queremos sacar fotos ou chamar, claro. Así que… En marcha! Onde? Aí van algunhas rutas:
Ruta das Fragas do Eume, Pontedeume (A Coruña). Entre os camiños que hai neste Parque Natural para andar en bici, este é dos doados, quitando algunha subida un pouco dura. É un percorrido circular de 24 km, que comeza e remata no Centro de Interpretación das Fragas, que está ben visitar, xa á ida xa á volta, para coñecer máis a fondo o lugar onde estamos. A ruta ten variedade, que é onde está o gusto: estrada, pista asfaltada paralela ao río, pista sen asfaltar, carreiros… E non só pedaleamos entre árbores, coa música do bosque atlántico e da auga do Eume, senón que nos atopamos co mosteiro de San Xoan de Caaveiro, tan ben situado.
Senda Costeira de Xove (Lugo). Aquí vai unha ruta para xente en forma e sen vertixe. É lineal, de case 20 km. Comeza no Parque etnográfico do Portiño de Morás e vai en dirección oeste por camiños próximos aos cantís, con moita subida. Nesta paisaxe, respirando airexa mariña de primeira, o esforzo paga a pena. Nunhas dúas horas e media debuxamos a costa xovense até a pista de acceso á praia de Portonovo, fin do traxecto. Sitio perfecto para descansar, e talvez darse un baño, antes de emprender a volta.
Ruta do Val do Ulla (A Coruña). Esta é unha ruta moi enxebre, con moitos muíños, hórreos, lavadoiros…. Comeza na capela do Santiaguiño, en Vedra, e abrangue 34 km, que se fan en dúas horas e cuarto máis ou menos. Podemos parar a estirar as pernas no Centro de Interpretación dos muíños no Rego de San Cristovo ou en Santo André de Trobe, por exemplo, coa súa igrexa con fachada barroca, a reitoral, o cruceiro e a ponte. Na parte final, o camiño vai pegado ao río Ulla, onde tamén hai áreas recreativas nas que parar.
Camiño natural Ribeira Sacra (Ourense). Esta ruta lineal abarca 23,5 km. Comeza no Alto do Couso, en Maceda, e remata na estación de Santo Estevo de Ribas de Sil. Ofrécenos tres ramais: un vai ata Melón de Abaixo; outro a Arcos, e volve cara ao camiño principal atravesando unha mesta carballeira e, o terceiro, comeza no mosteiro de Santo Estevo e remata na estrada á beira do Sil. A ruta non é excesivamente esixente e ademais é ben completa: montaña, bosque, mosteiro, río e… vaia vistas!
Ruta do Barbanza (A Coruña). Esta é unha das máis longas e duras, para xente entrenada. Tanto é así que se fai en dúas etapas: unha de 50 km e outra de 55, redondeando. Hai tramos que van moi preto da praia e outros por plena pista forestal. O atractivo da zona é o complexo dunar de Corrubedo, e os vestixios de arte rupestre que atopamos polo monte. A etapa 1 comeza en Porto do Son, na Casa da Cultura de Caamaño e, a 2, no miradoiro de San Roque de Ribeira (ou viceversa, que para iso é unha ruta circular).
Ruta de Castro de Rei (Lugo). Este é un percorrido circular de 47 km, de dificultade moderada, que comeza na Casa do Concello de Castro de Rei. Estamos no corazón da Reserva da Biofera Terras do Miño, o que garante paisaxe de calidade. Agárdanos un agradable pedaleo sobre pistas asfaltadas e sendas. A maiores, tamén nos agarda o Castro de Viladonga e o conxunto histórico de Castro de Rei, por castros que non sexa.
Ruta Monte Aloia (Pontevedra). Entre as moitas posibilidades de andar polo monte, escollemos esta ruta circular que comeza en Tui e sube até os muíños de Tripes e a fervenza de Frinxo ata acadar o miradoiro Celta. Ao chegar ao albergue do Aloia comezamos a baixada. Mediana dificultade e 22,5 km en total. Incentivos extras ademais do parque natural e as vistas? A visita ao casco histórico de Tui, por suposto.
Camiño natural de San Rosendo Celanova-Ourense (Ourense). Este camiño lineal é longo, como duns 66 km sumando as dúas etapas. Ten a emoción de pedalear seguindo o trazado das vellas vías romanas. A primeira etapa arrinca na igrexa de Santa Comba de Bande e chega até Celanova. De aquí parte a segunda etapa, que remata en Ourense, na Praza de don Bosco. Por se non nos decatamos de estar pisando vías romanas, aí está o campamento de Aquis Querquennis para lembránolo. Por certo, a ruta enteira chega até Foz, onde fora San Rosendo para ser nomeado bispo.