Buscando unha ruta cómoda para facer en familia? En Galicia hai moitas: por mar, por montaña, por río… Preparemos a mochila coa merenda e… en marcha! Aquí van unhas cantas ideas:
Senda mitolóxica – Monte Viso, Santiago de Compostela. Desde 2020, na subida ao monte Viso acompáñannos as personaxes fantásticas máis coñecidas da tradición galega: a Lamia, mestura de muller e serpe moradora de ríos, fontes e mananciais; o Nubeiro, unha especie de Zeus á galega, que provoca os tronos a base de darlle aos zocos; a Coca, dragoa autóctona, moi querida en Redondela; Breogán, pai da nosa mitoloxía; os mouros, rodeados de tesouros baixo terra; as Meigas, entre bruxas e curandeiras,;o Gatipedro, gato con corno na cabeza; os Biosbardos, noctámbulos e fuxidíos… O camiño faise así moi divertido, e de paso coñemos os protagonistas da mitoloxía galega (a través das esculturas de José Manuel Méndez Rodríguez). Arriba de todo hai unha vista estupenda da cidade e a súa contorna (Gaiás, O Pico Sacro, monte do Gozo…).
Refuxio de Verdes, Coristanco (A Coruña). Neste coto de pesca en Verdes, no concello de Coristanco, hai unha ruta fermosa duns 500 m que vai pola marxe dereita do río Anllóns, desde o Muíño de Pose até o das Sangueiroas. Neste tramo, as rochas van asomando no leito do río como pequenas illas, entre rápidos e fervenzas. Combina á perfección co estupendo bosque de ribeira, con moito ameneiro, salgueiro, freixo, sanguiño… Hai varias pontes de madeira para gozar mellor da paisaxe e acceder aos sendeiros de cada beira do río. O refuxio amén dispón de área recreativa, con bancos, mesas e até grellas para cociñar. Podemos continuar 1 km máis até Ponte Dona, que une os concellos de Coristanco e Ponteceso. Se ficamos con ganas de andaina, a opción longa remata en Ponteceso, nuns 14 km.
De Praia Maior a Santo Hadrián, Malpica (A Coruña). Seguimos na Costa da Morte, mais esta vez co mar de cara. Este é un camiño moi axeitado para facer en familia, sen moita camiñada e co recurso engadido de ter a praia cerca. É lineal, de 3,5 km, e sae do Paseo Marítimo de Malpica, onde están as praias de Area Maior e Canido, e segue a costa cara ao oeste. No areal da Seaia hai unha área recreativa, por se queremos facer unha paradiña. De aquí subimos monte arriba até o miradoiro e a ermita de Santo Hadrián, con fonte milagrosa incluída. Se queremos o combinado ruta+festa, temos que planear a excursión para o día do Carmo, no que a romaría se estende polo monte. Que o persoal está canso? Entón, despois de gozar das vistas, coas Sisargas en primeiro plano, volvemos polo camiño de ida. Que queremos máis? Pois podemos aproveitar para seguir subindo até o cumio do monte. Alí, un camiño lévanos ao areal da Seaia.
Senda litoral de Mera (A Coruña). É a ruta máis doada das que van polo monumento natural da costa de Dexo – Serantes. É circular, de 3 km, e percorre a fronte litoral de Mera, no concello de Oleiros. Comeza na Aula do Mar de Canide. Ademais das vistas da ría da Coruña e das praias, os principais puntos de interese son a capela de Santa Ana, en Maianca; a praia do Espiñeiro, en Serantes; os faros de Mera e a Aula do Mar. Hai un pequeno desvío para achegarse á lagoa de Mera, onde hai parrulos, cisnes, gansos… Tamén hai un parque infantil. Se facemos a ruta con bo tempo, podemos alongala unhas horas para baixar á area. Por certo, tamén se pode facer en bici.
Ruta do Faro, illa de Ons, Bueu (Pontevedra). Esta é unha ruta circular de 4 km, axeitada para todo tipo de público, co atractivo da viaxe previa en barco e das praias. Sae do barrio do Curro. Camiño do faro, imos pasando pola praia da Area dos Cans, a Laxe do Crego e, entre casas, hórreos e lavadoiros, damos ao barrio do Cucorno, a aldea máis alta da illa. Un pouco máis e chegamos ao faro, rodeado pola enseada de Caniveliñas. De aquí podemos optar por dar a volta ou enlazar coa ruta do sur.
Ruta da auga de Guitiriz (Lugo). O roteiro enteiro abrangue 20 km, así que o mellor para ir en familia é facer un tramo. Arrinca en Santo Alberte, na parroquia de Sambreixo, á beira do río Parga. No medio do bosque atopamos a gran capela gótica de Santo Alberte, cerca da ponte medieval e da fonte. Moi preto temos o miradoiro de Sambreixo, que nos ofrece unha panorámica da zona. A ruta enteira une as fontes medicinais de Guitiriz, que lembremos que foi famoso polo balneario. O primeiro tramo, duns 4 km, chega á fonte de Valdomín, en Parga. Os máis andaríns poden continuar até a fonte de San Xoán, en Lagostelle, e rematar na fonte Pardiñas, en Pardiñas. En total serían case 20 km.
Roteiro de Armea, Allariz (Ourense). Este é un roteiro arqueolóxico envolto na lenda. Comeza na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, adicada á memoria da mártir Santa Mariña, acosada e torturada por un prefecto romano, á que salvou San Pedro de morrer queimada no forno cun baño de auga fresca. Mais non foi quen de salvala da decapitación… A lenda dí que onde rebotou a cabeza ao caer, manou a auga, e de aí ven o de augas santas, claro. A 1 km dalí, no monte do Señoriño, está o xacemento arqueolóxico do castro de Armea, unha cibdá chea de vestixios do pasado romano. Na zona volve a aparecer a lenda de Santa Mariña na basílica da ascensión, cunha cripta e o suposto forno onde queimaran á santa.